Reboiras: obreiro e militante exemplar
Manuel Mera -
Moncho Reboiras foi representación da transformación que se estaba a producir na esquerda na Galiza, que se reflectiu anos antes no conflito de Castrelo de Miño en 1966, o paro estudantil de 1968 e as folgas xerais laborais de 1972 en Ferrol e Vigo
O 12 de agosto de 1975 foi asasinado Xosé Ramón Reboiras Noia pola policía da ditadura franquista nun portal da rúa da Terra no Ferrol. Tiña 25 anos, naceu en Imo no concello de Dodro, sendo rapaz a súa familia trasladouse a Vigo, ao barrio de Teis, moi preto do estaleiro Vulcano. Titulouse de enxeñeiro técnico electricista e traballou en varias empresas desta cidade e na Coruña. Comezou aos 19 anos a militar no nacionalismo, na UPG (Unión do Povo Galego), destacando polo seu activismo na fronte Cultural e na Fronte Obreira. Non foi unha casualidade, dado as súas inquedanzas, e que a UPG ligaba o proxecto estratéxico á soberanía nacional e á xustiza social.
Lembremos que a Fronte Obreira impulsou agrupacións sindicais e seus voceiros en varias cidades (Xerme, Ferramenta, Galego, Adiante, Obradoiro...), e destes xermolos xurdiu en maio de 1975 o Sindicato Obreiro Galego e o Eixo como seu voceiro. O nacemento do SOG, e doutros sindicatos, como a UTEG, (logo UTSBG, UTSG, SGTM,...), puxo as bases da que sería ao día de hoxe a máis forte das organizacións do nacionalismo e do sindicalismo na Galiza, a CIG. Esta central como recoñecemento renomeou a súa fundación de estudos e formación sindical, como: “Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza”.
Moncho era unha persoa disciplinada, aberta ao debate, de fácil relación cos demais. O seu asasinato foi unha perda insubstituíbel, e ao mesmo tempo un revulsivo, especialmente entre a mocidade. Unha demostración de entrega e coherencia, que axudou a colocar o movemento nacional popular galego como referencia nunha conxuntura decisiva. Foi así porque Reboiras formaba parte dun partido, ligado a organizacións de base, en plena expansión de xente moza procedente das clases populares, que tiñan como obxectivo estratéxico a liberación nacional e social de Galiza. O partido tomou nota da represión do ano 1975, e ademais de condenar o asasinato de Moncho e a detención de varios dos seus militantes, fixo os cambios necesarios para aumentar súa incidencia social e gañar en participación, evitando o illamento.
Moncho Reboiras foi representación da transformación que se estaba a producir na esquerda na Galiza, que se reflectiu anos antes no conflito de Castrelo de Miño en 1966, o paro estudantil de 1968 e as folgas xerais laborais de 1972 en Ferrol e Vigo. Unha tendencia favorábel ao nacionalismo galego democrático e popular que colleu pulo coa morte do ditador en 1975, completándose o proceso de medre do nacionalismo por mor dos pasos negativos por parte da “esquerda estatal”. Como foi o entreguismo dos pactos de Moncloa, que implicaron unha perda do poder adquisitivo dos salarios; e o avance moi limitado do Estado das Autonomías que ficou nunha descentralización administrativa. Unha nova etapa... con numerosas folgas obreiras, reivindicacións labregas e estudantís, que puxeron o nacionalismo galego como referencia na vangarda, tanto pola sua coherencia, como pola teimosía e atrevemento (do que foron exemplo as mobilizacións contra os “pactos” de 1977-78 e “Xornadas de Loita” de 1978).
[Galiza, 8 de agosto de 2024]