Cando Portugal proclamou a república
Manuel Mera -
A facilidade coa que se implantou a República non podía agochar as diferenzas existentes no seo dos republicanos. O movemento carbonario era a expresión dos soldados e traballadores das profesións máis modestas, mentres que os dirixentes do PRP representaban estratos sociais acomodados. Coa revolución tamén pasou a primeiro plano as contradicións de clase en Portugal
A principios deste mes, o 5 de outubro, cumpriuse un aniversario máis da proclamación da república en Portugal no ano 1910, un feito que tivo unha grande repercusión en Galiza. A revista Vida Gallega, editada en Vigo, adicaba tres páxinas ao tema con numerosas fotos, informando da declaración da República “despois dunha breve loita entre as tropas e o pobo sublevado e as escasas forzas leais á causa monárquica (...) Este movemento revolucionario foi provocado polos desacertos dos últimos gobernos da monarquía, que non souberon dar resposta ás xustas reivindicacións liberais do pobo (...) a República ficou instaurada baixo un goberno provisional que preside o ilustre catedrático Teófilo Braga”. Nas fotos aparece unha única muller, Amelia Santos, sostendo un revolver nas barricadas, da que a revista di que era galega. É ben lembrar ademais que Teófilo Braga foi membro da Real Academia Galega, o que amosa a forte relación que había entrambos os países.
Os antecedentes da revolución hai que buscalos tanto no nacemento do Partido Republicano (PRP) en 1876, e as intensas campañas de axitación así como en varios feitos que reflectiron a insensibilidade e incapacidade da monarquía. Entre feitos están a conmemoración en 1880 do terceiro centenario da morte de Camões, e o ultimato inglés en 1890 que esixía a Portugal que se retirase do territorio comprendido entres as colonias de Angola e Mozambique, algo que feriu os sentimentos do pobo portugués. Tamén foi un revulsivo o levantamento no Porto dos sarxentos e soldados en xaneiro de 1891, os rebeldes proclamaron a República, porén serían esmagados en poucos días, cun resultado 12 mortos e 40 feridos. Un total de 250 rebeledes foron xulgados e condenados a penas de entre 18 meses e 15 anos de expatriación en África.
Co nomeamento de João Franco como Xefe de Goberno polo Rei Carlos a situación deteriorouse aínda máis, xa que se suprimiu o Parlamento instaurando na práctica unha ditadura. A situación radicalízase, e ao día seguinte, o 1 de febreiro de 1908, o rei será asasinado no Pazo do Terreiro no centro de Lisboa. En abril de 1909 o PRP decide no seu Congreso de Setúbal utilizar a vía armada para tomar o poder, onde terá un papel destacado a Carbonaria, unha organización secreta que tería un papel salientábel neste proceso, aínda que o comité loxístico para preparar a revolución tamén desenvolvería unha actividade moi intensa entre os oficiais das forzas armadas. A Carbonaria estaba integrada, en outono de 1909, por 34.000 persoas espalladas por todo o país; era un exército invisíbel. A monarquía comezouse a preocupar da oposición popular cando 50.000 persoas se manifestaron en Lisboa convocadas polos republicanos.
A insurrección encetou o 4 de outubro en Lisboa co levantamento dalgunhas guarnicións, en total uns 400 homes reunidos na Rotonda Marqués de Pombal e máis de mil en Alcántara. Pola mañá parecía todo perdido, e encetou a desbandada. Só Machado Santos e uns centos de soldados e civís continuaron en armas. Era a resistencia da Carbonaria despois do fracaso militar. Durante o resto da maña fóronse xuntando rebeldes carbonarios que chegaban deste distintos lugares da cidade e que xa controlaban os barrios de Lisboa, mesmo aqueles con tropas fieis á monarquía. Polo serán dous navíos de guerra bombardean o Pazo Real. Ao final da tarde había na “Rotonda” máis de 1.500 persoas, que xa se consideraban vitoriosas. O Rei Manuel II saía para Mafra, e dende alí para Ericeira onde embarca no seu iate rumbo ao exilio en Inglaterra. O armisticio proposto por Alemaña xa non tiña senso, e o día cinco de outubro pola mañá proclamouse a República. A revolución custou 51 mortos e 64 feridos.
A facilidade coa que se implantou a República non podía agochar as diferenzas existentes no seo dos republicanos. O movemento carbonario era a expresión dos soldados e traballadores das profesións máis modestas, mentres que os dirixentes do PRP representaban estratos sociais acomodados. Coa revolución tamén pasou a primeiro plano as contradicións de clase en Portugal. A oposición conservadora e monárquica organizouse no exilio, sobre todo no sur da Galiza. Entre outubro de 1911 e xuño de 1912 os monárquicos fixeron desde a nación galega varias incursións en territorio portugués coa finalidade de alentar a rebelión contra o goberno, mais non obtiveron resultados. A República consolidouse.
[Galiza, 29 de outubro de 2024]