Galiza acada a plena soberanía e derrota as forzas napoleónicas
Manuel Mera -
A Xunta Suprema de Galiza foi a última oportunidade na que o noso país exerceu a súa soberanía sobre todo o territorio, sen ningún tipo de sometemento exterior. Posteriormente a revolución de 1846 sería como reaxer contra a eliminación da unidade do antigo Reino de Galiza
Todos os anos se celebra en varias cidades galegas a derrota das tropas napoleónicas que ocupaban Galiza, dirixidas por xenerais de tanto prestixio como Soult e Ney. Esta data ten especial significado en Vigo, xa que a súa liberación, o 28 de marzo de 1809, foi a primeira gran derrota do exército francés no noso país e na Península Ibérica, toda ela ocupada. Esta homenaxe ten unha forte compoñente localista, obviando que xogaron un papel fundamental tanto as parroquias rurais da contorna da cidade, que daquela tiña 4.000 habitantes, como as milicias de todo o sur de Galiza e o apoio dende a ría de dúas naves de guerra inglesas.
Como antecedente importante está a constitución da Xunta Suprema do Reino de Galiza, o 2 de xuño de 1808, que asume todos os poderes, ou sexa: a plena soberanía. Unha das primeiras medidas que toma será o retorno dos 10.000 soldados galegos localizados na cidade do Porto dende 1807, como parte do acordo de Fontainebleau do 27 de outubro dese ano entre o Rei de España e Napoleón para a ocupación de Portugal (aliado de Inglaterra) e a súa división en tres partes. Lembremos que as tropas francesas aproveitaron o tránsito a Portugal polo Reino de Castela para ocupar varias cidades sen ningunha resistencia. O 2 de maio rebelábase o pobo de Madrid, cando saían para Francia os Infantes. Esta revolta foi duramente reprimida, porén axiña se alargou a outros territorios da Península.
No Reino de Galiza, sería a súa capital, A Coruña, a que tomou a iniciativa, organizando unha Xunta de Defensa e Armamento, o 30 de maio de 1808. Nela residía o capitán xeneral e era unha das prazas militares máis fortes do norte. A cidade tiña uns 12.000 habitantes e Compostela uns 20.000. Dinos a este respecto o historiador Emilio González López: “Convén lembrar que non foron os militares profesionais senón a poboación civil coruñesa, dirixida polo artesán Sinforiano López o motor que deu pulo ao alzamento na Galiza” (El águila gala y el buho gallego, Ediciones Galicia; Bos Aires; 1975). Esta Xunta enviou comunicacións ás outras capitais de provincia para que enviasen representantes, e formar así a nova Xunta do Reino de Galiza. Nese momento non había tropas francesas no noso país.
A Xunta Suprema non sería recoñecida nun principio por todas as provincias, xa que se pronuncia en contra o arcebispo compostelán Rafael Múzquiz, navarro de nacemento e protexido de Godoy, xa que quería asumir a suprema autoridade do Reino. A postura do arcebispo fracasou e a Xunta Suprema do Reino de Galiza consolidouse. Sobre o carácter liberal (no senso de progresista que tiña este termo no século XIX) da Xunta Suprema insiste o historiador Barreiro Fernández: “se os intelectuais máis liberais de Galiza como Pardo de Andrade, Camiña, Vega, Sobrino, Labrada, etc., puideron expresar as súas ideas foi porque a Xunta Suprema formou unha Xunta de Censura que facilitou o exercicio da liberdade” (Historia de Galicia, idade contemporánea, Galaxia, Vigo, 1981).
X.R. Barreiro Fernández salienta o papel político e organizativo da Xunta Suprema: “Galiza comeza a guerra contra os franceses e a reorganización política e administrativa do país con absoluta independencia e exercendo unha soberanía que nunca puxeron en dúbida. A Xunta Suprema do reino galego procurou medios, enviou embaixadores a Inglaterra, creou o seu propio exército, nomeou a oficialidade do mesmo, impuxo contribucións, creou organismos inferiores e montou o aparello administrativo propio dun Estado. É dicir, Galiza comportouse como un reino (...). Logo Galiza, obrigada polas circunstancias e apremada pola Xunta Suprema de España, incorporouse á política española, porén sempre deixando un espazo propio e no que nunca permitiu que se metera ninguén”.
Encol da actitude da Xunta de Galiza, nas relacións con España, fai González López unha referencia crítica ao historiador inglés Napier, porque este contrasta na súa History of the War in the Peninsula a axuda xenerosa que a nosa nación prestou á liberación do norte de Portugal en comparanza coa renuncia a intervir nas operacións militares no resto da península. Afirma Napier: “A Xunta de Galiza fixo todo o posíbel para illar aquela rexión, como se quixese separarse de España e unirse a Portugal” (El águila gala y el buho gallego). W. F. P. Napier foi un xeneral e historiador británico que participou na guerra contra os franceses na península (1785-1860). A Xunta Suprema crea unha Xunta de Guerra, constituída por militares, e organiza o exército de 40.000 homes. Entre os voluntarios estaban “os alumnos da Universidade Compostelá... [que] formaron o Batallón Literario”.
Entran na Galiza as forzas francesas nos primeiros días de xaneiro de 1809, en persecución das tropas inglesas mandadas por Moore; o día 19 xa asexaban A Coruña. Outra columna entra en Compostela e Ourense o día 20, e o 21 ocupan a cidade de Pontevedra. Agora ben, que desaparecese a Xunta Suprema pola ocupación do Reino non significaba que o fixesen as xuntas locais existentes, xa que mesmo se foron constituíndo novas. Estas xuntas que estaban “formadas sempre por fidalgos do lugar, os cregos máis destacados, e nalgunhas ocasións por labregos, serán o poder real mentres durou a guerra” (Historia de Galicia; Barreiro Fernández; Ediciones Gamma). O papel da Xunta Suprema sería realizado en boa medida durante a guerra pola Xunta de Lobeira, no partido de Bande, que artellaría a loita das milicias, as relacións co exército e a Xunta Suprema de Cádiz. Abríase un novo período no que salientaría o levantamento popular e, como di Barreiro Fernández “se o exército español, coa axuda dos ingleses, perdeu Galiza, o pobo recuperouna”.
Soult e Ney retíranse en xuño de Galiza; este último chega a Astorga o día 30 dese mes. O noso país fica ceibe de tropas de ocupación, converténdose no primeiro territorio da península onde se conquista a liberación. O marqués de la Romana, xa como capitán xeneral, evitará que se reconstitúa a Xunta Suprema; era un absolutista que temía que se introducisen novos poderes representativos con presenza do pobo. Cando a Xunta de Cádiz fai público, o 17 de decembro de 1809, a constitución de xuntas provinciais e da Xunta Superior de Galiza, estas estarán totalmente supeditadas á central. “Non pretenden ostentar a soberanía, nen representar a Galiza ante ningún organismo superior. Trátase sinxelamente dunha especie de delegación da Xunta central para os asuntos de guerra e da facenda por necesidades da guerra” (Historia de Galicia, volume XV; Barreiro Fernández; Ediciones Gamma; 1982). Entre 1810 e 1813, xorden na Galiza numerosos voceiros e publícanse unha morea de folletos. Durante este período, coa nosa nación libre de forzas francesas, o exército galego sobre todo garante as fronteiras e contribúe ademais á loita contra as tropas napoleónicas en León, Castela e o País Vasco.
A Xunta Suprema de Galiza foi a última oportunidade na que o noso país exerceu a súa soberanía sobre todo o territorio, sen ningún tipo de sometemento exterior. Posteriormente a revolución de 1846 sería como reaxer contra a eliminación da unidade do antigo Reino de Galiza, a colonización da Corte, e a prol dos ideais liberais, que só exerceu autoridade nunha parte do territorio por moi pouco tempo. E, por último, a proclamación do Estado galego no ano 1931, en Ourense e Compostela, ten valor no simbólico, xa que amosa o estado de ánimo do momento na sociedade galega, mais careceu de transcendencia práctica. A Xunta de 1808 é un anaco importante da nosa historia moderna, moi descoñecido porque hai interese en poñer o acento só na nosa contribución á derrota das forzas napoleónicas, desde unha óptica españolista, restando valor a que fomos quen de nos valer por nós propios, con plena soberanía, contra o exército máis forte de Europa, e manter relacións en pé de igualdade con outros estados e territorios.
[Galiza, 9 de decembro de 2024]