Quen somos ?
A Federación de Servizos da CIG, en siglas CIG-Servizos, é unha organización sindical integrada na Confederación Intersindical Galega (CIG), polo que acepta os seus estatutos. A CIG-Servizos nace en 1994 como resultado da converxencia das federacións de Servizos dos sindicatos CXTG e INTG.
A Federación de Servizos da CIG engloba os seguintes sectores: todas as ramas do Comercio (Téxtil, Metal, Pel, Vidro Plano, Materiais de Construción, Mobles e Alimentación), Drogarías, Farmacias, Bazares, Floristarías, Librarías, Hostalería, Axencias de Viaxe, Medios de Comunicación, Cine, Teatro, Espectáculos, Dobraxe e Son, Deportes, Bibliotecas, Museos, Salas de Xogo, Administracións de Loterías, Perruquerías, Tinturerías, Lavanderías, Limpeza, Predios Urbanos, Pompas Fúnebres, Xardinería, Clubs e Sociedades Recreativas, Seguridade Privada, Empregadas/os de Fogar, Residencias Privadas da 3ª Idade, Grandes Almacéns, Vixilantes de Parquímetros, Distribución de Butano, Axuda a Domicilio, Plantas de tratamento de RSU e outras ramas similares, así como aquelas empresas de servizos que xestionen servizos públicos.
A CIG-Servizos ten como obxectivo a defensa dos intereses profesionais, económicos, sociais e mesmo culturais dos traballadores e traballadoras do sector enmarcados nos intereses e aspiracións xerais da clase traballadora e na loita pola súa emancipación e o Socialismo. Mesmamente a CIG-Servizos asume a defensa dos dereitos nacionais de Galiza e a súa autodeterminación como Nación, así como, das liberdades individuais e colectivas e os valores democráticos que tratará sempre de profundar e ampliar. A CIG-Servizos procurará a constante mellora da calidade de vida e o propio benestar dos traballadores e traballadoras, asume a reivindicación de igualdade real entre o home e a muller e a paz entre os pobos e nacións e a participación de todos os cidadáns en todos os bens que eles mesmos crean.
A Federación de Servizos é soberana e independente e decide todas as cuestións que a afecten sen inxerencia algunha. A CIG-Servizos garante a liberdade de expresión e pensamento, se é o caso, sen restrición de ningunha clase, sendo a libre circulación de ideas un principio inviolable da Federación e dos seus afiliados e afiliadas, que non poderán ser discriminados por razón de orixe, credo, pensamento ou filiación política.