A loita pola abolición dos foros
Manuel Mera -
Resulta evidente que a lei de redención forzosa dos foros non foi unha concesión da ditadura, senón produto da mobilización labrega contra a inxustiza, contra a explotación e a opresión. Unha loita na que participaron por igual na primeira liña homes e mulleres, como se reflicte nos xornais do momento e na relación de vítimas da represión
No ano 1926, hai case que un século, durante a ditadura de Primo de Rivera, aprobouse o Decreto-Lei para redención forzosa dos foros, que eran unha pesada lousa sobre os labregos e labregas. Foi unha decisión forzada que tiña como obxectivo desactivar a crecente axitación campesiña, que atinxía moi especialmente o mundo rural galego. O decreto contou co apoio das asociacións campesiñas máis importantes, comezando polo sindicalismo católico (CNCA), así como dunha fracción das organizacións que exixían a abolición dos foros. O sindicalismo abolicionista (CRAG) propuña que non se lle dese compensación económica aos posuidores dos foros. Había dentro dela unha forte tendencia galeguista e de esquerdas.
A redención non era unha saída xusta, porén remataba cun sistema no que se pagaban mil veces as terras polos/as que as traballaban, mentres seguían sendo propiedade de fidalgos absentistas e de burgueses que vivían de rendas. Coa desamortización de 1836, os mosteiros deixaron de ser os grandes propietarios e foristas. En todo o século XIX, especialmente no último terzo, destaca a loita campesiña contra as levas militares e os trabucos (impostos), mais tamén unha forte oposición aos foros. Durante a 1ª República aprobouse, e púxose en práctica, unha lei de redención de foros, que estivo en vigor apenas seis meses (de agosto de 1873 a febreiro de 1874), de xeito que foron poucos os foreiros que lograron a redención das súas rendas forais.
A Lei do 28 de xaneiro de 1906 permitindo o asociacionismo no agro, malia que limitado á modernización do sector, abriu unha fiestra para as reivindicacións labregas, pola que os foros emerxe como unha cuestión central. Na nación galega un ano despois nace Solidaridad Gallega e a Unión Campesina, e deseguido o Directorio Antiforal de Teis e o Comité Antiforista de Becerreá. Só pola iniciativa de Solidaridad Gallega se crearon 400 sociedades agrarias, e en 1908 xa sumaban 30.000 familias asociadas.
A acción dos agraristas colleu un novo pulo coa realización das Asembleas Agrarias, e a publicación da revista Prácticas Modernas, dirixida por Rof Codina, coa que buscaban contribuír á mellora da produción e ao desenvolvemento agrario. A primeira asemblea realizouse en Monforte en 1908, así como as de 1910 e 1911. Nelas tivo un papel sobranceiro Solidaridad Gallega. A 4ª e 5ª asembleas fixéronse en Ribadavia, nos anos 1912 e 1913 respectivamente. Nelas tería un papel relevante Acción Gallega e o verbo aceso e popular de Basilio Álvarez. Mais as conclusións non foron por onde quería o abade de Beiro, que as valorou así: “O noso eterno xemer, a nosa ancestral humildade, a nosa mansedume secular...”. A 6ª asemblea realizouse en Redondela no ano 1915 e a 7ª e derradeira na Coruña en 1919. Nesta recuperarían protagonismo Rodrigo Sanz, Casares Quiroga e abolicionistas como Dionisio Quintillán.
Este período non estivo exento de grandes mobilizacións e revoltas campesiñas, moitas tinguidas de sangue das vítimas labregas da dura represión. Algunhas de tanta gravidade, como a protesta de Oseira en 1909 (Cea), a de Nebra en 1916 (Porto do Son), a de Sofán en 1919 (Carballo) e Sobredo en 1922 (Tui). Esta última provocaría que Basilio Álvarez escribise en La Zarpa: “Xa temos soldados: os campesiños. Xa temos patria: Galiza”. La Zarpa publicouse en Ourense entre 1921 e 1936. Practicamente todas estas revoltas labregas contaron co apoio do sindicalismo obreiro da época, nalgúns casos sumáronse ás mobilizacións e noutros convocando folgas especificas de apoio, como foi o caso da revolta de Sobredo (o día 5 de decembro iría á folga toda a provincia de Pontevedra para denunciar a represión, exixindo que se solucionase axiña a cuestión dos foros). En xeral contaban co apoio das organizacións galeguistas, socialistas e republicanas.
Resulta evidente que a lei de redención forzosa dos foros non foi unha concesión da ditadura, senón produto da mobilización labrega contra a inxustiza, contra a explotación e a opresión. Unha loita na que participaron por igual na primeira liña homes e mulleres, como se reflicte nos xornais do momento e na relación de vítimas da represión. Por certo, de pequeno, na emigración na Arxentina, souben dos foros a través do que contaban meu pai, que tiña un exemplar do Catecismo do Labrego, e outros paisanos. O meu avó emigrou a Cuba para traballar na cana de azucre, e acadar recursos para amortizar os foros, que seica eran propiedade da familia dos Valencia. Deste xeito, disque foi dos primeiros que rescatou as terras que a familia traballaba na aldea de Saumede, en Berredo, no concello da Bola, bisbarra de Celanova.
[Galiza, 9 de outubro de 2024]