Persoal de Faurencia Escapes protesta contra o acoso laboral e a imposición inxusta de sancións

A CIG estuda presentar denuncia contra a empresa por persecución sindical a súa afiliación

Vigo -

Traballadores e traballadoras de Faurencia Escapes concentráronse este martes diante das instalacións da empresa en Vigo para denunciar a persecución e o acoso laboral que está a sufrir o persoal, nomeadamente aquelas persoas afiliadas á CIG. A protesta, convocada pola sección sindical da central nacionalista e que se realizou coincidindo co cambio de quenda, faise logo de coñecerse a última sanción, con carácter grave, imposta a un compañeiro e tras avanzar a compañía que haberá máis medidas deste tipo.

Esta é a terceira sanción que Faurencia Escapes lle impón a unha persoa afiliada á CIG, polo que a federación de Industria de Vigo está estudando presentar unha denuncia contra a empresa por persecución sindical.

Ineficacia da dirección

A sección sindical da CIG explica que a dirección, ante a súa ineficiencia para sacar a produción, comezou a perseguir e sancionar a todo o persoal, cargándolle as culpas e sen ter en conta as circunstancias do proceso: persoal en formación, recuperación das pezas, paradas, etc. "Como medida de presión, acosan os traballadores e traballadoras, centrando o problema nuns datos irreais das máquinas e obviando as verdadeiras causas de que non saia a produción", salientan.

Denuncian que cando o persoal recibe unha chamada de atención e non está conforme porque o atraso deriva dunha máquina que vai mal, ou porque os tempos non son reais -xa que dende que se mete a peza até que remata o ciclo hai un período que o contador non contempla-, entón "acúsante de chamar mentireiro ao xefe de produción, cando o único que fas é dicirlle que non estás de acordo cos seus argumentos".

A raíz destas actuacións estanse producindo sancións a determinados compañeiros e compañeiras. A última, foi a un traballador ao que a empresa acusa de non facer a produción, de ter a máquina parada un minuto antes do descanso e de "ser un mentireiro por non darlle á razón" ao seu superior.

A empresa aplica as sancións máis graves

A este respecto, a sección sindical da CIG en Faurencia Escapes, salienta que dentro do convenio e da gradación das faltas, cando a empresa considera que se incumpren as funcións "primeiro deben comunicarche onde estás fallando e, despois, dentro do amplo abano de sancións, escoller como primeira medida unha falta leve, e despois grave".

Porén, o proceder da empresa é aplicar directamente a falta máis grave e na maior contía, deixando neste último caso ao compañeiro sen emprego e soldo durante 60 días.

Diante destes ataques, a representación da CIG chama ao conxunto das traballadoras e dos traballadores a reaccionar fronte a estas medidas lesivas, porque do contrario cada día iranse incrementando e ao final atoparémonos con despedimentos en calquera momento".

Volver