A CIG-Servizos reclámalle a Inditex unha investigación transparente ante os presuntos casos de acoso en Pull&Bear

Narón -

A CIG-Servizos reclámalle a Inditex unha investigación clara e transparente, que informe do resultado á representación do persoal e que adopte todas as medidas necesarias ante as cartas aparecidas nestes últimos días relatando situacións terríbeis de acoso laboral e sexual, presuntamente cometidos polo director xeral saínte de Pull&Bear, Pablo del Bado.

A CIG-Servizos non ten acceso ás fontes directas dos escritos ao estar anonimizados, pero "as acusacións son dunha gravidade tal que fai precisa a intervención da empresa", subliña a secretaria nacional, Mª do Tránsito Fernández, no escrito remitido o pasado venres á dirección de Inditex. Un escrito similar foi enviado tamén pola representación da CIG nas oficinas centrais de Pull&Bear en Narón, criticando "a suposta complicidade" da multinacional diante destes episodios de acoso.

"A circulación destes escritos excede o eido desta central sindical, e deles fixéronse eco distintos medios, relacionándoos co Comité de Ética á suposta complicidade por parte de Recursos Humanos, o que provoca que sexa insuficiente un simple recambio da figura directiva senón se acompaña dunha investigación estrutural mais fonda", reclama Fernández no escrito.

Pablo del Bado é un histórico da multinacional téxtil e levaba á fronte de Pull&Bear dende a creación da marca, ademais formou parte até a súa saída do comité de dirección de Inditex. Por iso, a CIG reclama que a empresa investiguen de maneira transparente os feitos denunciados, "que se depuren responsabilidades e se aclare o asunto diante das persoas traballadoras".

Volver