A CIG gaña as eleccións sindicais na limpeza da UdC e duplica a súa representación no comité

A central obtivo catro das nove delegadas/os que se escollían

A Coruña -

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas no día de onte no servizo de limpeza da Universidade da Coruña (xestionado pola fundación da universidade) ao obter catro das nove delegadas/os que se escollían. A central nacionalista recibiu o 50,95% dos votos emitidos, quedando a tan só unha papeleta de sacar a maioría absoluta.

Deste xeito, o comité queda conformado por catro representantes da CIG, tres de UGT e dous de CCOO. Con este resultado, a CIG duplica a súa representación ao pasar de dúas a catro delegadas e duplica tamén os votos recibidos.

Rubén Duruelo, responsábel de limpeza da CIG-Servizos da Coruña, destaca a elevadísima participación neste proceso de eleccións, tanto no campus da Coruña como no de Ferrol, xa que dun censo total de 125 persoas acudiron a votar 108, é dicir, case o 90% do cadro de persoal.

Considera que este resultado referenda a posición da CIG na negociación do convenio provincial da limpeza e a acción sindical desenvolvida para obrigar a patronal estatal, ASPEL, a cumprir co pactado no anterior convenio a respecto da cláusula de revisión salarial. Tras a presentación de conflito colectivo e o inicio de mobilizacións no sector, a patronal asumiu a actualización dos soldos do 9,8% (a diferenza entre as subas pactadas durante a vixencia do convenio e o IPC real dese período), que se fixo efectiva tras a publicación das táboas no BOP o 12 de xuño.

Porén, advirte Duruelo, queda un longo conflito por diante no sector xa que a pretensión da patronal estatal é bloquear a actualización do convenio provincial durante un período de tres ou catro anos. A CIG traballará para iniciar as negociacións do novo convenio en setembro próximo e, neste contexto, xa se está abordando co sector a estratexia sindical a desenvolver no caso de que a patronal non se aveña a negociar.

Volver