Paro total nas tendas Women’secret da Coruña contra a explotación laboral

A Coruña -

O 100% das traballadoras de Women’secret na provincia da Coruña están secundando este xoves a primeira das dúas xornadas de folga para denunciar a precariedade laboral que padecen e reclamarlle ao Grupo Tendam (ao que pertencen marcas tan coñecidas como Cortefiel ou Springfield) que contrate máis persoal, mellore os salarios e respecte os dereitos de conciliación.

As dependentas acordaron convocar a folga coincidindo co inicio das rebaixas e este xoves levaron as súas reivindicacións ás rúas cunha concentración diante da tenda Women’secret da Praza de Lugo na Coruña. A folga, un éxito total, repetirase o próximo xoves día 5, mais desta volta a mobilización será en Compostela, diante do comercio da Praza de Galiza.

A presidenta do comité de Tendam na Coruña, Silvia Lolo, denuncia que, dentro do grupo, as compañeiras desta cadea son “con moita diferencia” as que peores condicións teñen, pois “nin sequera saben canto van cobrar a fin de mes”. “Hai traballadoras que teñen até 30 anexos (subidas ou baixadas de horas) diferentes nun ano porque a empresa non quere facer contratos fixos”. Advirte que o persoal é tan escaso “que non poden nin ir ao baño, facer os descansos entre xornada, e coller as licencias retribuídas porque só hai unha dependenta por tenda”.

Lolo reitera que a principal reivindicación é o reforzo dos cadros de persoal. “En toda a provincia, Women’secret conta con cinco tendas e unhas 30 traballadoras, cando faría falta o dobre de persoas para poder atender toda a carga de traballo en condicións dignas”.

Subliña que cumpriría incrementar cen horas de traballo en cada unha das tendas para poder garantir que se respectan os dereitos das compañeiras.

Xunto a isto, reclaman melloras salariais xa que, a diferenza doutras cadeas do grupo, as encargadas de Women’secret cobran até 300 euros menos e non se percibe ningún plus de responsabilidade.

A representación social leva tempo reclamándolle sen éxito á empresa que corrixa estas situacións e xa presentou denuncia na Inspección de Traballo para que tome as medidas precisas.

Volver