Mobilización sorpresa do persoal de Navantia para demandar avances na negociación do convenio

Ferrol -

Os traballadores e as traballadoras de Navantia Ferrol saíron á rúa este mércores ante a falta de avances na negociación do convenio colectivo e do plan industrial. Acordada nunha asemblea realizada a primeira hora no estaleiro, a protesta supuxo o corte de circulación durante aproximadamente unha hora no entorno do estaleiro, e coincide coas reunións do convenio convocadas para esta semana.

A mobilización enmárcase no calendario que o persoal está a desenvolver dende hai meses para reclamar un convenio colectivo digno, máis carga de traballo, emprego e que se  fagan os investimentos necesarios para garantir o futuro das instalacións da Ría de Ferrol, e con ela "búscase manter viva" a presión.  Ao longo desta semana, explica o secretario do comité, Marcelino Amado, continuarán as asembleas parciais e tamén se manteñen as medidas de "non colaboración".

Despois da concentración do comité de Ferrol na sede de Navantia a pasada semana e de trasladarlle ao presidente da empresa as principais demandas, "parece que as negociacións están avanzando aos poucos". Por iso, en función do que dean de si as reunións de hoxe e mañá xoves, decidiranse nas asembleas as próximas accións a realizar.

Volver