A CIG gaña o conflito colectivo iniciado en Santos pola retroactividade do plus de quendas da carpintería

O TSXG tomba o acordo de UGT, CCOO e patronal para non pagar os atrasos desde o inicio da vixencia do convenio

Compostela -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) acaba de estimar o recurso de suplicación, revogando a sentenza de primeira instancia e dándolle á razón a CIG e ao persoal de Cociñas Santos (empresa de carpintería radicada no concello de Boqueixón) no conflito colectivo contra a negativa da compañía (integrante da patronal) a aplicar o Plus de Quendas durante toda a retroactividade do convenio, e non só desde a súa publicación.

A sentenza, explica a Federación de Construción e Madeira da CIG, anula o acordo adoptado pola Comisión Paritaria do Convenio (UGT, CCOO e patronal) asinado expresamente para tentar mudar o sentido do artigo e fixar un límite temporal para o cobro do plus á data de publicación, e aforrarlle así ás empresas practicamente 3 anos de retroactividade, pois o convenio entrou en vigor a 1 de xaneiro de 2020. Deste xeito un/ha oficial de 1ª de Carpintería con dereito ao plus durante todo o período, perdería case 6 mil euros, "que son os que lle tentaron aforrar UGT e CCOO á patronal".

A FCM-CIG celebra que finalmente se fixera xustiza e lamenta a posición completamente servil á patronal de UGT e CCOO, "pois non só accederon ás súas pretensións claramente lesivas para a clase traballadora, senón que mesmo se prestaron a asinar un acordo de Comisión Paritaria completamente ilegal para beneficiar as empresas, sabendo que ese órgano está para interpretar mais non modificar ningún aspecto da negociación colectiva, como estabelece meridianamente a sentenza".

Denuncian que esta adhesión levou incluso a estas centrais sindicais a sumarse no xulgado á postura patronal, "contra os intereses do persoal que din representar. De feito, a avogada que levou a defensa da empresa no xuízo tamén é a asesora da patronal na negociación do convenio".

Volver