Delegadas de residencias protestan contra a explotación laboral e o acoso que sofren as traballadoras de Resanes

Concentráronse diante do centro que a empresa ten na rúa da Torre en Fene

Fene -

Delegadas de residencias privadas da CIG na comarca de Ferrol concentráronse este xoves diante do centro que a empresa Miniresidencias Resanes ten na rúa da Torre de Fene para denunciar publicamente a situación laboral insostíbel que están a padecer as traballadoras.

Con esta protesta solidaria "queremos poñer voz á situación que están a pasar as compañeiras", subliña Beatriz Fernández, responsábel do sector na CIG- Ferrol, quen denuncia a sobrecarga de traballo, as xornadas abusivas, os incumprimentos reiterados de dereitos e "un sen fin de condutas que contribúen ao padecemento dunhas condicións laborais nefastas".

A esta precariedade súmanse as constantes situacións de acoso laboral e maltrato que sofren as traballadoras "que levan anos aguantando todo tipo de ameazas, faltas de respecto e insultos por parte da dirección do centro". Uns ataques que se agravaron dende que varias das traballadoras comezaron a reclamar por escrito que se respectaran os seus dereitos en materia de licencias, vacacións etc.

Fernández pon o foco na "actitude ditatorial" das persoas responsábeis da dirección e organización do centro "que lonxe de tentar buscar un clima axeitado, están a forzar as traballadoras a soportar unha carga de traballo e un nivel de estrés, non só físico, senón tamén psicolóxico, inaceptábel".

A explotación laboral que padece o persoal ten consecuencias tamén na atención que se presta,  xa que "no canto de dedicarse a coidar as e os usuarios como precisan e merecen, o persoal pasa o día loitando contra unhas miserentas a quen pouco parece importarlles o día a día do centro".

Volver