Concentración no SMAC contra a sanción inxusta e desproporcionada imposta ao delegado de Urbaser Carballo

Carballo -

Coincidindo co acto de conciliación, a CIG concentrouse esta mañá no SMAC da Coruña en rexeitamento á sanción inxusta e totalmente desproporcionada imposta por Urbaser Carballo ao delegado de persoal, despois de que este se dirixira á dirección da empresa para reclamar a regularización dos salarios conforme ao SMI.

A conciliación rematou sen avinza xa que a empresa (unha UTE conformada polas compañías Urbaser SA e Servicios Gallegos de Lacería SL) se reafirmou na súa medida e defendeu a imposición da suspensión de emprego e soldo durante 21 días ao traballador. O responsábel da CIG de Carballo, Martín Caamaño, denunciou o inxustificado desta decisión e xa avanzou que o procedemento para revogar a sanción e que se declare a súa nulidade continuará agora pola vía xudicial.

A este respecto, Caamaño valora que a empresa "acaba de perder unha oportunidade de solucionar este conflito pola vía da negociación" e diante da teimosía de Urbaser, a CIG intensificará as mobilizacións nas vindeiras semanas para reclamar a retirada da sanción.

Cómpre lembrar a medida comunicouse días despois de que o delegado fixera unha reclamación para que a empresa cumprira coa lei e procedera a regularizar os salarios dos traballadores e traballadoras con respecto ao SMI.

Ademais, a sanción prodúcese no marco da negociación do convenio colectivo, sendo o delegado parte da mesa de negociación. Por iso, para a CIG estamos diante dunha medida represiva e que busca ser un exemplo para o resto do persoal.

Esta empresa ten a concesión da recollida do lixo, a xestión da canceira e o punto limpo do Concello de Carballo e conta con arredor de 20 traballadores e traballadoras.

Volver