A primeira folga xeral, un pulo cualitativo

Manuel Mera -

As folgas xerais de 1984, especialmente a primeira, polo seu carácter clarificador en relación co papel de cada unha das forzas da esquerda, cos estratexia que realmente seguían e como valoraban a clase traballadora galega, foron un salto cualitativo, tamén na loita polas reivindicacións de clase, e a prol da cuestión nacional e da democracia

 O 14 de febreiro cúmprense catro décadas da primeira folga xeral galega posterior á Segunda República. Foi realizada por iniciativa da INTG (Intersindical Nacional de Traballadores Galegos), antecedente da CIG. Un paro que tiña como eixo central a oposición á “reconversión” da construción naval que afectaba especialmente a Galiza, e daquela era a principal actividade industrial do país. Aínda que Ferrol e Vigo eran as comarcas máis directamente afectadas, en realidade a nación galega sufría tamén noutros sectores o impacto da reconversión proposta polo Governo central dirixido polo PSOE. O reaxuste estaba ligado ás esixencias para a integración na Comunidade Europea. Neste marco as centrais sindicais CCOO e UGT convocaron un paro exclusivamente nas bisbarras de Vigo e Ferrol, que tiña o éxito garantido, tendo en conta as grandes mobilizacións anteriores. Mais a INTG defendía unha que implicase un salto cualitativo e unha maior presión polo que propuxo e realizou un paro nacional galego.

 Non todo foron facilidades para os convocantes do paro, o Goberno intentaba desacreditalo, e os seus dirixentes afirmaban que existiran “coaccións e agresións contra o dereito ao traballo e que a maioría apoiaba o partido do Goberno, o PSOE”. Ademais, facíase referencia nos xornais á masiva manifestación que se fixera o 15 de abril de 1983 en Vigo, cando 200.000 persoas saíron á rúa, e especulábase sobre se se superaría esta cifra tan alta. Ao día seguinte do paro os titulares daban a cifra de 300.000 manifestantes na cidade olívica. (un número optimista, que contrasta co trato que en materia de asistencia fan hoxe os xornais, salvo excepcións, falando de ducias e centos, xogando coa ambigüidade de reflectir unha participación reducida, mesmo dividindo por dous ou tres aos participantes, ou sinxelamente ignorando as accións de protesta, especialmente cando se trata de mobilizacións da CIG e do nacionalismo en xeral).

 Como xa dixen o sindicalismo nacionalista, a INTG, estendeu a folga a toda Galiza, o que lle custou o ataque verbal, a descualificación e mesmo a oposición frontal nas empresas, non só do Goberno e da patronal senón tamén de CCOO e UGT. Estas argumentaban, desde o derrotismo, que non era posíbel unha folga de solidariedade, que a clase obreira galega non tiña un grao de conciencia política tan forte, e que polo tanto fora quen de se mobilizar e parar por problemas xerais, de clase e/ou de país. Trabucáronse, a folga malia que limitada foi un éxito, tendo en conta que só estaba apoiada pola INTG, e que a patronal e o Goberno, así como CCOO e UGT, fixeron unha dura oposición á convocatoria.

 Ademais de Vigo e Ferrol, onde a folga estaba garantida, houbo paros en moitas bisbarras de Galiza, e moi especialmente en Ourense e O Carballiño, así como en Pontevedra, Compostela... Na Coruña faríase unha concentración na praza de Pontevedra, que percorreu varias rúas da cidade, e á que acudiron 800 persoas. O paro sería total en Intelsa, e ademais abranguería dun xeito especial á construción, sobre uns 4.000 participantes no sector. Noutras empresas tería un carácter parcial, de media ou unha hora, como Wonenburger, Valiña, Chas, Casal, Tagenasa...

 A folga xeral do 14 de febreiro foi un éxito para o contexto en que se realizou e as forzas que participaron, polo que permitiría non só darlle pulo ao sindicalismo nacionalista senón ademais obrigou a modificar a postura dunha das centrais estatais. Os seguintes paros serían convocados unitariamente pola INTG e CCOO. Foron dúas folgas xerais máis durante aquel ano decisivo, o 12 de xullo e o 29 de novembro. Alén da importancia histórica destes paros nacionais, que foron os primeiros de ámbito exclusivamente galego (despois da 2ª República), coido de grande importancia non esquecer as razóns, as análises e a práctica que cada forza sindical e política tivo fronte a aquel reto da clase traballadora galega.

 As folgas xerais de 1984, especialmente a primeira, polo seu carácter clarificador en relación co papel de cada unha das forzas da esquerda, cos estratexia que realmente seguían e como valoraban a clase traballadora galega, foron un salto cualitativo, tamén na loita polas reivindicacións de clase, e a prol da cuestión nacional e da democracia. Cómpre lembrar que o único antecedente dunha folga nacional galega foi a de xuño de 1932 cando o Goberno decidiu despedir gran parte do persoal da Construtora Naval (a coñecida como Bazán durante décadas e hoxe parte de Navantia). Un paro que se estendeu de Ferrol á Coruña, e posteriormente a toda a nación galega.

 

[Galiza, 6 de febreiro de 2024]

Volver