A CIG traslada a preocupación polo anuncio de Cambre de abandonar o Consorcio das Mariñas

Demándanlle ao Concello da Coruña que lidere esta crise no ente

A Coruña -

A sección sindical da CIG en Albada quere trasladar a súa preocupación polo anuncio do Concello de Cambre de  abandonar o Consorcio das Mariñas, sumándose así á decisión comunicada hai uns días polo Concello de Culleredo, e ás posibilidades neste sentido manifestadas tamén polo actual presidente do ente e alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso.

Ante a incerteza de que non se sabe aínda onde van levar o lixo, dende a sección sindical da CIG solicítanlle a ambos Concellos que sigan tratando os residuos na planta de Nostián, "con independencia de que finalmente fagan efectiva a decisión de abandonar o Consorcio ou permanezan nel, e que teñan en conta que hai traballadoras e traballadores da planta que son veciños destes Concellos".

En risco a viabilidade da planta de Nostián

Así mesmo, demanda do Concello da Coruña "que lidere esta crise, xa que en parte é culpábel do que está a acontecer no seo da entidade", e sobre todo tendo en conta que a decisión de marchar ou non utilizar a planta por parte dos concellos da comarca "pon en risco a viabilidade das instalacións e do modelo Nostián".

Neste sentido, o goberno da Coruña tamén ten que aclarar se esta situación vai repercutir aínda máis no atraso na publicación dos pregos de condicións. "Ao noso entender se a planta estivera licitada, como no seu día afirmou a concelleira de Medio Ambiente que estaría antes do 31 de decembro de 2019, o que está a pasar hoxe no Consorcio non sucedería".

Ademais, non cómpre esquecer que a demora na licitación da nova concesión repercute no progresivo  deterioro das instalacións -pois Albada non fai o mantemento preventivo nin os investimentos necesarios-, no incremento dos riscos aos que se vén sometidos os traballadores e as traballadoras, na perda de dereitos laborais e na merma continuada dos niveis de reciclaxe e de recuperación de residuos.

Concentración o 3 de xuño en María Pita

Diante disto, os traballadores e as traballadoras de Albada continuarán co calendario de mobilizacións o próximo 3 de xuño, cunha concentración de 09:30 a 10:30h na Praza de María Pita, coincidindo coa celebración do pleno municipal.

Volver