Pacto Verde Europeo: Baixo a sombra de Trump

Pablo Jofré Leal -

Mentres a caste política europea promove unha axenda verde, enriquécense as transnacionais enerxéticas do petróleo e o gas, os complexos militares industriais e seguen pedindo sacrificios á poboación en nome da sustentabilidade. As normativas ecolóxicas en Europa recrúan, mais os gobernantes non as cumpren

 A estas alturas da historia contemporánea —sobre todo aquela que comezou a escribirse tras o final da Segunda Guerra Mundial— non existe dúbida ningunha acerca de que ese grupo de países reunidos no que se denomina a Unión Europea(1) serve, fundamentalmente, aos obxectivos políticos, económicos, militares e hexemónicos de Washington.

 Sobre todo, respecto dos grupos de presión dos Estados Unidos, léase: enerxético, complexo militar industrial, o lobby saudita e nomeadamente o denominado lobby sionista, que marca o camiño da política exterior dos gobernos sexan estes republicanos ou demócratas. Os gobernos dos 27 países que conforman este conglomerado e heteroxéneo grupo subordínanse claramente á Casa Branca, constituíndose hoxe no primeiro patio traseiro de Estados Unidos no mundo. Isto, en prexuízo dos intereses nacionais, dos pobos europeos, submisos en plenitude, o que leva á perda efectiva da súa soberanía, autodeterminación, pero, sobre todo, da súa dignidade.

 As súas políticas, incluíndo as ecolóxicas, están cruzadas polas barras e estrelas que identifican aos Estados Unidos. Un exemplo evidente desta submisión da que falo, máis aló do tema de apoio ao réxime de Kiev, á entidade nacionalsionista xudeu israelí, os ataques a Rusia e o apoio ás novas autoridades de orixe e presente terrorista, entre outros puntos, está no asunto da chamada Axenda Verde dentro do denominado Pacto Verde Europeo (PVE).

 En concreto, este patio traseiro de Washington chamada a Europa dos 27 que comprende 4.237.473 km2 de territorios combinados e aproximadamente 450 millóns de habitantes, no plano do medio ambiente, estabeleceu baixo o mandato e exixencias estadounidenses, nunha política de imposición non escrita, o obxectivo suposto de crear unha Europa máis limpa, saudábel e climaticamente neutra, transformando así o modo en que se organizan, producen e consomen. Unha liña que evidentemente mostrou que aqueles pobos que sofren os esforzos europeos por cumprir o soño ecolóxico, a axenda verde europea, fomos os países de África, Asia e Latinoamérica, fundamentalmente.

 Este PVE foi aprobado e presentado á comunidade europea en 2019. É un paquete de iniciativas políticas cuxo obxectivo é situar a UE no camiño cara á transición ecolóxica —coa gadaña estadounidense detrás— pero que escondeu, non a procura dun estado ecolóxico sustentábel nese continente, senón que a satisfacción, a través dos seus curadores estadounidenses e os grupos de presión enerxéticos, á ambición de maiores beneficios económicos, dominación e supremacía a favor de empresas norteamericanas en alianza cos grupos económicos e as elites políticas europeas para así exercer e reforzar os seus niveis de influencia no continente europeo, esencialmente no sector da enerxía.

 Dominio no campo enerxético cuxa mostra máis evidente experimentámolo, sobre todo nos últimos tres anos coa guerra levada a cabo por Washington e a OTAN, usando como home de palla e carne de canón a Ucraína de Zelensky. Unha contenda, cuxos froitos económicos para os complexos militar industrial de Occidente e as transnacionais enerxéticas estadounidenses, foron multimillonarios. Máis de 450 mil millóns de dólares en entrega de armas e financiamento para manter en actividade a maquinaria bélica ucraína, con plena conciencia de que o seu futuro está hipotecado e que a súa derrota contra Rusia é xa un feito.

 O analista político José Sanahuja sinalou que os obxectivos de descarbonización e neutralidade climática do PVE “supoñen profundos cambios nas relacións comerciais da Unión Europea con importantes implicacións xeopolíticas con relación aos principais socios comerciais da comunidade europea. Entón, pódese falar da xeopolítica do cambio climático, entendéndoa a partir da idea de que a propia transición verde provoca transferencias de poder entre os países que controlan e exportan combustíbeis fósiles e aqueles que dominan as tecnoloxías ecolóxicas do futuro”(2).

 Coa pronta toma de posesión de Donald Trump na Casa Branca o Pacto Verde Europeo e as súas liñas de traballo sufrirán, ben fortes tensións, ben un duro freo. Lembremos que Trump considera este tema da ecoloxía, acordos sobre temas ambientais ou o cambio climático como un engano. Foi unha das súas cartas de crítica contra o goberno de Joe Biden, desestimando ameazas como a suba do nivel do mar. Durante o seu último mandato, tentou reverter un centenar de leis ambientais. E neste novo mandato isto non será a excepción. Teñamos presente que prometeu reducir o gasto en enerxía verde, abandonar acordos internacionais vitais sobre o clima e provocar unha nova onda de perforacións para a procura de petróleo e gas, que cualificou de "ouro líquido".

 "Os Estados Unidos e o mundo poden esperar que a próxima administración Trump aplique unha completa demolición do que se deu en chamar a diplomacia climática mundial. Coas políticas existentes xa moi por baixo dos obxectivos de emisións, di que podemos esperar que a acción climática federal de Estados Unidos ‘descarrile’ durante os próximos catro anos” afirmou a medios europeos Rachel Cleetus, directora de políticas e economista principal do programa de clima e enerxía da Union of Concerned Scientists(3).

 Nese xa próximo escenario, o enfrontamento entre o occidente hexemónico contra Rusia, que significou graves retrocesos nos acordos de cooperación e acordos enerxéticos entre Rusia e países europeos como foi o caso de Alemaña pode dar unha viraxe. Acordos refugados baixo as presións do goberno de Joe Biden e os gobernos europeos máis submisos, que significou mesmo a sabotaxe de liñas de subministración gasífera como foi o caso dos gasodutos NordStream I e III, que trouxo consigo, ademais, o encarecemento do gas e mais do petróleo ás sociedades europeas, que foron a enriquecer os petos de países como Estados Unidos e Noruega.

 Noruega coa venda dos seus recursos en enerxéticos de gas e petróleo obtivo ingresos anuais —desde o 2022 a hoxe— de 130 mil millóns de euros. A guerra foi un bo negocio para o país nórdico(4) un dos máis ferreños aliados de Washington en materia de sancións a Rusia en amplas áreas: financeiras, tecnolóxicas ou relacións diplomáticas, o que obrigou a Moscova a pór a Noruega na listaxe de países inamigábeis.

Plataforma norueguesa Troll A no Ártico

 Neste marco descrito o Pacto Verde Europeo que trazou como obxectivo rexional alcanzar a neutralidade climática o ano 2050 esperta enormes suspicacias, non só por ter os Estados Unidos soprando o oído europeo, senón polo forte impacto económico, que se está xerando no proceso de transición ecolóxica. Requírese diñeiro, moito diñeiro e só aqueles países dotados de inxentes ingresos poden avanzar cara a camiños de transición enerxética, incluso sendo grandes produtores de petróleo e gas. E ese é un temor respecto de Rusia, tendo en conta a mesma Noruega(5) e que podería, baixo as presións do novo goberno de Trump sufrir algún tipo de modificación en beneficio, principalmente das transnacionais enerxéticas estadounidenses que impliquen a agresión contra países produtores de petróleo, arrastrando a Europa (a OTAN) niso.

 A idea de descarbonizar a Europa trae consigo os desafíos de poder ter a disposición recursos enerxéticos limpos, nun continente que posúe transnacionais do petróleo e do gas (que sería o eixo dese desenvolvemento) pero que non posúe no seu territorio este recurso, senón que depende daqueles que explota en función de políticas que se producen e invasións, ocupación de territorio e participación nesas políticas que violan o dereito internacional como sucedeu en Libia, Siria, Iraq, entre outras.

 Unha liña de acción que hoxe suma o seu incondicional apoio ao sionismo en función daqueles proxectos de expansión enerxética en materia gasífera, incrementadas coa caída do goberno de Bashar al Assad, que devolve vellas ideas de transportar gas desde o Cáucaso Sur, Catar e mesmo explotar os xacementos situados no levante mediterráneo fronte ás cousas do Líbano e Gaza; isto sen obviar a usurpación de nichos enerxéticos no Magreb, Venezuela e ao mesmo tempo manter os privilexios de explotación nas corruptas monarquías árabes do Golfo Pérsico.

 O gran dilema que enfrontan os europeos radica en que o camiño da transición enerxética foi trazado antes de febreiro do ano 2022 e iso tiña como marco normativos acordos, contratos e proxectos da man de Rusia. Hoxe iso está refugado e implica entón ter que activar con urxencia novas alternativas, sobre todo ten en conta que a maneira en que o noso mundo produce e consome enerxía está a cambiar a gran velocidade, grazas á crecente e permanente demanda, por exemplo, de vehículos eléctricos e tecnoloxías de enerxía limpa, segundo informe da Axencia Internacional de Enerxía (AIEA)(6).

 Este organismo proxecta que, para o ano 2030, case a metade da subministración eléctrica mundial procederá de enerxías renovábeis e haberá dez veces máis vehículos eléctricos nas estradas. Investirase tres veces máis en novos proxectos eólicos mariños que en centrais eléctricas alimentadas con carbón e gas. A enerxía solar xerará máis electricidade que todo o sistema eléctrico estadounidense actualmente.

 A Axenda Verde europea necesita máis que palabras, necesita diñeiro, vontade política e sobre todo quitar o pé sobre o pescozo das sociedades europeas. Cuestión complexa pola clara perda de soberanía da Unión Europea en beneficio dos Estados Unidos e que baixo Trump se vai intensificar. Os foros internacionais respecto ao tema de Acordos verdes, pactos sobre uso de enerxías limpas, transicións enerxéticas e outras liñas de traballo mostran que ese camiño das enerxías limpas están a crecer a bo ritmo, mais “non se achegan á escala e magnitude necesarias para reducir as emisións e a demanda de combustíbeis fósiles, e alcanzar os obxectivos fixados no Acordo de París”(7). E, nese panorama aumenta a necesidade de contar con minerais críticos —dos cales s Europa carece— litio, cobalto, níquel, cobre e elementos denominados de terras raras.

 Nese horizonte, ademais de Rusia, que posúe enormes xacementos deses minerais, está tamén a República Popular China, o que preocupa aos Estados unidos e aos seus, de aí o afán de desestabilizar rexións onde eses minerais están presentes e de tentar dominar Venezuela, Asia occidental, países africanos como o Congo ou latinoamericanos do triángulo do litio. Tamén desestabilizar a Federación Rusa e arrastrar os países lindeiros a esferas de influencia de potencias occidentais. Beijing, consciente do enorme poder que ten nas súas mans, recoñeceu a importancia de estar á vangarda en tecnoloxía verde, o que os fai ocupar unha posición de dominio na cadea de extracción, explotación e subministración desta tecnoloxía.

 É evidente que a adopción de tecnoloxía verde, os pasos de transición a ela traen consigo riscos, ameazas e desafíos de claro corte xeopolíticos. Un deles no caso de Europa é o que acontece neste conflito ao cal foi arrastrada polos Estados Unidos, para debilitar a Rusia. E nisto, tomo as palabras dadas polos propios estudosos do tema enerxético, desde o seo das potencias hexemónicas. Así, o experto en política enerxética global Jason Bordoff sinalou, na súa intervención na Reunión Especial do Foro Económico Mundial sobre Colaboración Global, Crecemento e Enerxía para o Desenvolvemento, que esta crecente procura de enerxías renovábeis podería desprazar o centro do poder mundial e iso é un enorme perigo para a hexemonía occidental.

 Bordoff, director Fundador do Centro de Política Enerxética Global da Escola de Asuntos Internacionais e Públicos da Universidade de Columbia, afirmou: "Hoxe estamos nun mundo no que algúns dos riscos xeopolíticos, como os conflitos e a fragmentación económica, están a dificultar a transición. Se non temos coidado coa forma en que levamos a cabo esta transición, podemos empeorar algúns deses problemas xeopolíticos", E, nun chamado sobre todo a Europa sinalou que, a pesar de certas dificultades, as guerras por exemplo: "Esta non é unha razón para retardar a transición. Necesitamos unha transición moito, moito máis rápida. Pero debemos ter moi en conta as implicacións desta transición en termos de política exterior, seguridade nacional e xeopolítica, se queremos asegurarnos de non tropezar no camiño"(8).

 O problema é que os tropezos se suceden paso a paso e máis aínda tendo a Washington cun látego na man exixindo tributos, aumento no gasto militar, compra de enerxía a prezos máis altos que cos que compraban a Rusia e a orde de seguir cada un dos seus pasos imperiais. Washington está tentado, no actual marco descrito, a instalar a súa supremacía no sector europeo de enerxía, aínda que iso signifique desangrar Ucraína, limitar a soberanía da Unión Euroepa, incrementar a carreira armamentista e incentivar o dominio doutras zonas do planeta como son o Magreb, o Sahel, Asia occidental e zonas de Latinoamérica.

 É evidente que existe unha completa desconexión entre os políticos europeos e a cidadanía. Fenda que medra crece día a día. Mentres a caste política europea promove unha axenda verde, enriquécense as transnacionais enerxéticas do petróleo e o gas, os complexos militares industriais e seguen pedindo sacrificios á poboación en nome da sustentabilidade.

 As normativas ecolóxicas en Europa recrúan, mais os gobernantes non as cumpren. Un exemplo: gravan os impostos para pasaxes aéreas daqueles que viaxan por traballo ou vacacións, por exemplo, pero as viaxes en avións privados quedan exentas. A pegada ecolóxica dos denominados “superricos” nos seus avións, por exemplo, que representan o 1% da poboación mundial equivalen á xerada polo 66% da humanidade. A implementación da política enerxética verde transita día a día por unha senda destinada a destruír a economía e a soberanía das nacións do vello continente.

 A devandita axenda está a destruír os sectores máis rendíbeis das economías europeas en beneficio dos Estados Unidos, principalmente. Como aconteceu coa industria automobilística, atacar a xeración de enerxía nuclear, demonizándoa, atacar en esencia a soberanía das nacións, no marco da axenda 2030 como veñen sostendo día a día, máis e máis analistas da UE(9).

_____________________________________________________________________________

Notas:

(1) A Unión Europea é unha asociación económica e política creada con posterioridade á Segunda Guerra Mundial, en principio con media ducia de países, que foi integrando outros membros e que o ano 1993 no chamado Tratado de Maasstrich se conforma co seu nome actual con base en tres comunidades europeas prexistentes: a chamada Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro (CECA), a Comunidade Europea da Enerxía Atómica (EURATOM) e a Comunidade Económica Europea. Con posterioridade, ampliaríase ese alicerce económico con dúas columnas máis que son a política exterior común e a cooperación xudicial e policial (os denominados tres alicerces). No ano 2009 co Tratado de Lisboa asúmese por parte da Unión Europea as mencionadas comunidades europeas asumindo así unha única personalidade xurídica e por tanto suxeito de dereito internacional. Os países membros da UE delegan parte da súa soberanía en institucións comúns para tomar decisións sobre asuntos de interese común.

(2) https://revistafal.com/el-pacto-verde-europeo-nueva-estrategia-geopolitica-para-el-cambio-climatico/

(3) https://es.euronews.com/green/2024/11/07/que-significa-la-victoria-de-trump-para-la-accion-climatica-mundial

(4) https://www.dw.com/es/noruega-obtuvo-ganancias-r%C3%A9cord-por-el-petr%C3%B3leo-y-el-gas-en-2022/a-64895811

(5) Este país escasamente poboado, cos seus 5,4 millóns de habitantes, considérase desde hai tempo pioneiro da transición enerxética. Isto é de salientar dado que Noruega é o maior produtor de petróleo e gas de Europa e non necesitaría unha transición térmica puramente desde o punto de vista da subministración. Con todo, o país converteuse nos últimos anos no líder internacional das bombas de calor. Mentres Alemaña segue a loitar por implantar a transición térmica neste país, en Noruega hai tempo que se conta con esta tecnoloxía. Segundo a Asociación Europea de Bombas de Calor, actualmente está instalada en preto de 1.4 millóns de fogares noruegueses, o equivalente a seis de cada dez. O resultado é un aforro total de enerxía de 10,6 TWh (Tera watts hora) [https://cl.boell.org/es/2023/08/02/transicion-energetica-lecciones-internacionales].

(6) Os efectos do cambio climático (cada vez máis visíbeis), o impulso ás transicións cara a enerxías limpas e as características das tecnoloxías de enerxía limpa están a transformar o que significa ter sistemas enerxéticos seguros. Por tanto, un enfoque integral da seguridade enerxética debe ir máis aló dos combustíbeis tradicionais e abranguer a transformación segura do sector eléctrico e a resiliencia das cadeas de subministración de enerxía limpa. A seguridade enerxética e a acción polo clima están unidas de forma inseparábel: os fenómenos meteorolóxicos extremos, intensificados por décadas de altas emisións, están a xerar xa profundos riscos para a seguridade enerxética. [https://www.iea.org/reports/world-energy-outlook-2024/executive-summary?ref=aussienomics.com&language=es]

(7) https://ici.radio-canada.ca/rci/es/noticia/2020769/ante-energia-limpia-combustibles-fosiles-alcanzaran-su-mayor-demanda-en-2030

(8) https://es.weforum.org/stories/2024/06/la-transicion-energetica-podria-desplazar-el-centro-del-poder-mundial-este-experto-explica-por-que/

(9) https://x.com/i/status/1875009184632074506

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web HispanTV, do 13 de xaneiro de 2025]

Volver