Israel destruíu Gaza «para as xeracións futuras» e o mundo permanece calado

Ramzy Baroud -

Resulta desconcertante que os mesmos países occidentais que falan sen descanso de protexer e preservar o medio ambiente, e que advirten en contra das emisións de carbono, sexan as mesmas entidades que contribuíron a manter a guerra contra Gaza, xa sexa armando a Israel ou permanecendo caladas ante as atrocidades que se están cometendo

 A primeira referencia oficial a que Gaza se estaba volvendo cada vez máis inhabitábel fíxoa a Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento (UNCTAD) en 2012, cando se calculaba que a poboación da Franxa de Gaza era de 1,8 millóns de habitantes. O obxectivo do informe titulado “The Gaza Strip: The Economic Situation and the Prospects for Development” [A Franxa de Gaza: situación económica e perspectivas de desenvolvemento] non era simplemente profético, senón advertir que se o mundo seguía sen facer nada ante o bloqueo en curso contra Gaza, era inminente unha catástrofe humanitaria. Con todo, fíxose pouco, aínda que a ONU seguiu coa súa conta atrás e aumentou a frecuencia e urxencia das súas advertencias, esencialmente despois de guerras importantes [contra Gaza].

 Outro informe de 2015 de UNCTAD afirmou que a crise en Gaza empeorara despois da guerra máis destrutiva que houbera até o momento, o ano anterior. Esta guerra destruíra centos de fábricas, miles de vivendas e desprazara ducias de miles de persoas.

 Porén, Gaza debería volverse “inhabitábel” en 2020, segundo os criterios da ONU. Pero fíxose pouco para remediar a crise. A poboación aumentou rapidamente, mentres que os recursos, incluída a superficie terrestre de Gaza, diminuían debido a que a “zona de seguridade” israelí non deixaba de crecer. As perspectivas da “maior prisión ao aire libre do mundo” volvéronse aínda máis sombrías.

 Con todo, a comunidade internacional fixo pouco para responder o chamamento da UNCTAD e outras institucións internacionais e da ONU. A crise humanitaria (que se encadraba dentro dunha prolongada crise política, un asedio, a sucesión de varias guerras e unha violencia cotiá) empeorou e o 7 de outubro de 2023 chegou ao momento de implosión.

 Un pregúntase se se poderían evitar a guerra e o xenocidio actuais no caso de que o mundo prestase a menor atención a Gaza e aos berros das persoas que estaban atrapadas detrás do arame de espiño e dos valos electrificados. Agora todo é discutíbel. Fíxose realidade a peor perspectiva posíbel dunha maneira que nin sequera as máis pesimistas proxeccións de grupos palestinos, árabes ou internacionais poderían prever.

 Nestes momentos Gaza non só é peor que “inhabitábel” senón que, segundo Greenpeace, será “inhabitábel para as futuras xeracións”, o cal non depende da resiliencia das persoas que habitan en Gaza, cuxa lendaria determinación é indiscutíbel. No entanto, hai unhas necesidades de supervivencia esenciais que nin sequera o pobo máis forte pode substituír co simple desexo de sobrevivir.

 As emisións de carbono de só os primeiros 120 días de guerra calculáronse en “nada menos que” 36.410 toneladas de dióxido de carbono. O 90% desa mortífera contaminación “atribuíuse aos bombardeos aéreos e á invasión terrestre de Israel», segundo Greenpeace, que concluíu que a suma total de emisións de carbono “é maior que a pegada anual de carbono de moitas nacións vulnerábeis ao clima”.

 Un informe publicado practicamente ao mesmo tempo polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) describía un panorama igual de atroz do que ocorría en Gaza como consecuencia directa da guerra. “Colapsaron o [sistema de] auga e o saneamento”, declaraba en xuño, e continuaba: “A zona costeira, a terra e os ecosistemas víronse gravemente danados”.

 Mais referíase a unha situación de hai máis de sete meses, cando parte de Gaza aínda estaba en pé. Agora case toda Gaza foi destruída. O lixo estívose acumulando durante máis de 15 meses sen que haxa unha soa instalación que a poida procesar adecuadamente. Propagáronse as enfermidades e todos os hospitais foron destruídos, queimados até os alicerces ou arrasados polos bombardeos. Moitas das persoas que están enfermas están a morrer nas súas tendas sen ver nunca un médico.

 Ao non haber nada de axuda de fóra, o natural era que o desastre empeorase. O pasado mes de decembro Médico Sen Fronteiras publicou un informe titulado “Gaza: Life in a Death Trap” [Gaza: morte nun trampa mortal]. O informe, cuxa lectura é demoledora, describe a situación na que está a infraestrutura médica en Gaza, que se pode resumir nunha soa palabra: inexistente. Entre outubro de 2023 e setembro de 2024 Israel atacou 512 instalacións médicas e asasinou a máis de mil traballadores e traballadoras sanitarias, o que significa unha poboación que trata de sobrevivir durante unha das guerras máis cruentas das que se teñen noticia sen ningún tipo de asistencia sanitaria en condicións. Tamén se inclúe case medio millón de persoas que padecen diferentes problemas mentais graves.

 A Oficina de Medios de Comunicación do Goberno de Gaza informou en decembro [de 2024] de que se calcula que hai 23 millóns de toneladas de cascallos a consecuencia do lanzamento de 75.000 toneladas de explosivos, ademais doutras formas de destrución. Todo isto liberou ao aire 281.000 toneladas métricas de dióxido de carbono.

 Cando termine a guerra, reconstruirase Gaza. Aínda que a sumud (determinación) palestina é capaz de restaurar Gaza tal como estaba antes, por moito tempo que custe facelo, un estudo da Universidade Queen Mary de Reino Unido afirma que para poder reconstruír as estruturas destruídas liberaranse 60 millóns de toneladas máis de CO2 nun medio ambiente que xa está gravemente danado. Isto significa, en esencia, que mesmo unha vez que acabe a devastadora guerra contra Gaza e se acabe de reconstruír a Franxa, o dano ecolóxico e medioambiental que Israel provocou permanecerá durante moitos anos.

 Resulta desconcertante que os mesmos países occidentais que falan sen descanso de protexer e preservar o medio ambiente, e que advirten en contra das emisións de carbono, sexan as mesmas entidades que contribuíron a manter a guerra contra Gaza, xa sexa armando a Israel ou permanecendo caladas ante as atrocidades que se están cometendo. O prezo de tamaña hipocrisía é o prolongado sufrimento de millóns de persoas e a devastación do seu medioa mbiente. Non é hora xa de que o mundo acorde e clame colectivamente “xa abonda!”?

_____________________________________________________________________________

Texto orixinal: https://www.middleeastmonitor.com/20250109-israel-destroyed-gaza-for-generations-to-come-and-the-world-stayed-silent/

_____________________________________________________________________________

 

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 16 de xaneiro de 2015]

Volver