O persoal do 061 da área de Vigo esíxelle á Xunta o pago da liquidación e das débedas pendentes

A representación sindical convocará asembleas nas que proporá un calendario de folga e de mobilizacións

Vigo -

O cadro de persoal do servizo de transporte sanitario urxente de Vigo, Cangas e Moaña esíxelle á Xunta que proceda a abonar a liquidación por cambio de empresa (de Ambulancias do Atlántico a Saluser-Emersan) concesionaria e as débedas pendentes en concepto de atrasos por nóminas mal calculadas dende xaneiro de 2024. A representación sindical de CIG, CCOO e UGT anunciou que convocará asembleas de xeito urxente para propoñer un calendario de folga e de mobilizacións até que non se perciban as cantidades adebedadas.

A representación dos traballadores/as reuniuse o pasado venres con responsábeis do 061 e con persoal da empresa pública Tragsa, que prestará apoio técnico á Consellería de Sanidade na intervención da empresa Ambulancias do Atlántico, xuntanza que estaba incluída nas demandas achegadas polo persoal. 

Por iniciativa do persoal porase en marcha unha oficina de atención ao traballador/a para resolver problemas de cálculo de nóminas

En cumprimento do esixido polas tres centrais sindicais, porase en marcha unha oficina de atención ao persoal traballador para resolver problemas de cálculo de nóminas. Esta oficina comezará a funcionar na vindeira semana en horario de 08:00 a 15:00 e se espera que estea situada en dependencias do hospital Nicolas Peña de Vigo. Ademais da atención en persoa poderase contactar mediante un teléfono e un enderezo electrónico que se dará a coñecer a vindeira semana.

Para a CIG, CCOO e USO esta medida é totalmente insuficiente e supón tan só asumir un dos puntos do acordo alcanzado na reunión anterior. Por este motivo solicitáronlle á Administración que nun máximo de tres días hábiles (prazo que remata este mércores) se lles dea a seguinte información:

-En que prazo se calculará o importe da liquidación ao persoal que finalizou a súa relación contractual con Ambulancias do Atlántico e que agora traballa para Saluser-Emersan.

-Se Ambulancias do Atlántico conta con liquidez suficiente para afrontar o abono da liquidación, e en caso contrario como fará a Xunta para garantir o abono dese importe.

-De que maneira se refarán as nóminas dende xaneiro a maio de 2023 para calcular a debeda pendente en concepto de atrasos.

-De que maneira a Administración ten pensado garantir o cobro dos atrasos pendentes.

-Entrega da póliza de seguro que Ambulancias do Atlántico tiña obriga de contratar para facer fronte ao abono de máis de 75.000 euros en concepto de incapacidade que lle corresponden a varios traballadores/as. De non esixir a mencionada póliza, de que maneira a Administración vai garantir ese pago.

Volver