Atinxido un acordo con Ambulancias Casablanca que pon fin ao conflito laboral

A asemblea de traballadores/as aprobou por unanimidade o documento, que recolle todas as demandas da parte social

Compostela -

Tras varias reunións, este mércores asinouse un preacordo con Ambulancias Casablanca que contempla todos os puntos da táboa reivindicativa e que conta coa garantía de cumprimento da propia UTE, que inclúe a Servizos Sanitarios do Cantábrico. O documento foi aprobado por unanimidade na asemblea de traballadores e traballadoras celebrada hoxe, poñendo así fin ao conflito laboral. Deste xeito, queda desconvocada a concentración prevista para mañá, xoves día 13, diante da base da empresa e a folga que se iniciaba o día 17.

No relativo á contratación, o precoacordo contempla a consolidación dunha bolsa de emprego con carácter permanente e por orde de antigüidade, na que se incluirán os dous traballadores despedidos, na orde que lle correspondía. Tamén, explica o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, medidas para rematar coa arbitrariedade e a asignación dos postos fixos no cuadrante en base á antigüidade "e coa premisa de todos os postos estruturais cubertos con persoal indefinido e a xornada completa, consolidando inmediatamente a quen non o estaba".

Así mesmo, poderase solicitar persoal de apoio cando se precise nalgún servizo, que o persoal que realiza os servizos da UVI conta coa titulación adecuada, e certificación da formación do alumnado en prácticas.

Xunto a isto, recóllese o compromiso de realizar os mantementos, as limpezas e as desinfeccións das ambulancias e dos equipos de traballo conforme obriga a lei e baixo a supervisión da UTE, que se corresponsabiliza no cumprimento de todos os puntos pactados. Garántese tamén a entrega da uniformidade e as súa limpeza, e a creación do rexistro de horas extraordinarias, que se abonarán na nómina seguinte.

Pavón sinala que á diferenza dos acordos e compromisos previos alcanzados con Ambulancias Casablanca (que de maneira sistemática incumpría), nesta ocasión logrouse incorporar á  propia UTE do transporte sanitario non urxente de Santiago-Barbanza como garante de que se respectarán os termos asinados.

Así as cousas, advirte que tanto a CIG como a representación do persoal estarán vixilantes no cumprimento do pactado e lamenta que fora preciso chegar a unha convocatoria de folga para conseguir que a empresa respecte a legalidade vixente e os dereitos laborais e rematar coas ameazas e os despedimentos arbitrarios.

Volver