O 061 adxudica de emerxencia o servizo urxente da área de Vigo e o persoal reclama o mesmo co programado se queda deserto

A Consellaría volverá a intervir en Ambulancias do Atlántico como único xeito de garantir o pago das nóminas

Vigo -

O 061 vén de adxudicarlle un contrato de emerxencia á UTE Emersan-Saluser para que se faga cargo do servizo urxente de transporte sanitario da área de Vigo (Vigo, Cangas e Moaña), algo que o persoal reclama que se faga tamén co programado no caso de que o concurso quede deserto. Ao mesmo tempo, a Consellaría de Sanidade ten que volver a intervir na empresa Ambulancias do Atlántico para garantir o pago das nóminas.

Na xuntanza mantida o pasado luns 27 de maio entre as organizacións sindicais de CIG, CCOO e USO e representantes da Consellería de Sanidade, do 061 e da dirección da UTE as partes chegaron aos seguintes acordos:

Abono de nóminas

A Administración volverá a realizar unha intervención na empresa Ambulancias do Atlántico, ao igual que o fixo o mes pasado, para garantir o abono das nóminas do mes de maio antes do día 1 de xuño. Por imperativo legal, o cálculo dos conceptos variables (nocturnidade, domingos, dietas, etc.) do persoal adscrito ao servizo urxente calcularanse até o 31 de maio.

Servizo urxente

A Consellería informou que a FPUSG-061 adxudicou o concurso do 061 da área sanitaria de Vigo (Vigo, Cangas e Moaña) cun contrato de seis meses prorrogábel a tres máis á UTE EMERSAN-SALUSER, única empresa que se presentou ao concurso. 

A nova adxudicataria está a ter moitas dificultades para que a empresa saínte lle faga entrega da documentación necesaria para o proceso de transición do servizo e a subrogación do persoal

A dirección da UTE expón que está a ter moitas dificultades para que a empresa saínte lle faga entrega da documentación necesaria para o proceso de transición do servizo e a subrogación do persoal.

O día 23 de maio a UTE solicitou a Ambulancias do Atlántico, entre outras cousas, as listaxes de persoal subrogábel, relación de IT, rexistros de xornada e contratos, pero unha semana despois non recibiu nada.

A propia secretaria xeral da Consellería comprometeuse a mediar no conflito para obrigar ao empresario Carlos Simón a entregar a documentación necesaria no menor prazo posíbel. A maiores, e para poder garantir os prazos, a representación legal do persoal traballador compilará e adiantará esta información.

Malia todos estes esforzos, responsábeis da nova empresa solicitaron un aprazamento para empezar coa prestación do servizo máis alá do día 1 de xuño pola falta de confianza en que a transición se faga de forma ordenada. Sen embargo, a representación de CIG, CCOO e USO negouse a conceder un prazo maior argumentando que un atraso na subrogación pode enquistar máis a situación e poñer en perigo a prestación do servizo.

Finalmente acordouse que a RLT do servizo urxente recibirá un documento de subrogación o 28 de maio para poder revisar e negocialo.

Intervención de Tragsa

A Consellería comunicou que xa iniciou o proceso de intervención de Ambulancias do Atlántico por medio do persoal técnico de Tragsa reuníndose coa dirección da empresa a semana pasada.

Este persoal técnico realizará o cálculo de atrasos e débedas co persoal traballador, entregarán as nóminas pendentes do ano 2023 e refarán a totalidade das do ano 2024. Este traballo prolongarase durante un prazo aproximado de 15 días, posto que a prioridade é o cálculo de nóminas de maio para que poidan ser abonadas en tempo.

Servizo non urxente

A representación da de CIG, CCOO e USO volve poñer de manifesto que moitas licitacións están a quedar desertas en toda Galiza porque non se está a presentar ningunha empresa. Algunhas delas por segunda vez consecutiva, como no caso de Pontevedra.

Por este motivo a RLT solicitou novamente o compromiso da Consellería para que se o día 31 de maio o concurso para a prestación do servizo programado de toda a Área Sanitaria de Vigo quedase tamén deserto se inicie tamén un proceso de licitación de emerxencia que acurte os prazos para retirar este servizo a Ambulancias do Atlántico.

Responsábeis da Consellería comprométense novamente a estudar un proceso semellante ao levado a cabo no servizo urxente no caso de que finalmente non se presente ningunha empresa.

Volver