As traballadoras de Arenal volverán á folga os días 23 de decembro e 5 de xaneiro

A Coruña -

Despois do exitoso paro realizado o pasado 24 de novembro, coincidindo co Black Friday, as traballadoras das tendas Arenal da provincia da Coruña volverán á folga os días 23 de decembro e 5 de xaneiro para reclamar unha mellora nas súas condicións retributivas e laborais.

As traballadoras acordaron por ampla maioría nas asembleas celebradas na Coruña, Compostela e Carballo continuar coas mobilizacións ante a reiterada negativa da empresa a negociar e atender as demandas do persoal. A CIG-Servizos critica que Perfumerías Arenal non queira sentar coa representación para abordar a táboa reivindicativa mentres se dedica a visitar tenda por tenda para anunciar unhas misteriosas melloras que aplicaría despois de reis.

Para dar máis visibilidade á súa loita, as dependentas realizarán unha concentración o sábado 23, ás 11:00 horas, diante da tenda Arenal da rúa San Andrés e dende alí sairán en marcha até o estabelecemento que a empresa ten na praza de Catro Camiños. Pola tarde, a protesta trasladarase á tenda do centro comercial Marineda City.

As traballadoras subliñan que só demandan cobrar o mesmo que as compañeiras do sector reguladas polo convenio provincial de comercio vario, que gañan uns 2.800 euros máis ao ano, no caso da categoría de auxiliar, ou 4.300 euros anuais máis, no caso das dependentas.

Porén, a pesar dos substanciosos beneficios, o 70% do cadro de persoal de Arenal (formado na súa meirande parte por mulleres) está cobrando o salario mínimo interprofesional, xa que a compañía aplica o convenio estatal de perfumerías, de condicións moi inferiores ao provincial en todas as materias.

Á esta precariedade salarial hai que engadir a excesiva carga de traballo que ten que realizar o persoal, asumindo de maneira habitual a mobilidade funcional sen a debida compensación económica.

Volver