Seguimos reclamando xustiza para Pintos, a concesión do indulto e a derrogación da lei mordaza

Ferrol -

Dentro do calendario de mobilizacións periódicas, este xoves tivo lugar unha nova concentración diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en Ferrol para reclamar a concesión do indulto ao compañeiro Xesús Anxo López Pintos, que se faga xustiza, e exixir a derrogación da lei mordaza.

"Unha vez máis, estamos aquí para reclamar a reparación dun acto de violencia como o sufrido por Pintos e a derrogación da lei mordaza. Pero a inxustificada demora en resolver o indulto fai que estas concentracións tamén sexan a evidencia da vergoña na que está un Goberno autodenominado o máis progresista da historia, mais que segue mantendo unha situación de inxustiza como a sentenza imposta ao compañeiro Pintos", aseveraba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ao remate da protesta.

Ao igual que aconteceu no caso do compañeiro Pablo Fragoso, condenado po la xustiza español por inxurias á bandeira, "agardemos que non teña que ser de novo o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos quen emende e avergoñe o Goberno español polo seu carácter antidemocrático".

Criticou que mentres o compañeiro Pintos foi condenado, a actuación policial quedou na total impunidade e o Goberno español "nin sequera quere erradicar da lexislación" unha normativa tan lesiva para as liberdades e dereitos democráticos como a chamada lei mordaza. A Lei Orgánica de protección da seguridade cidadá aprobada polo PP continúa plenamente vixente e sen trazas de que a súa derrogación sexa unha realidade no curto prazo.

Por iso, Carril denunciou que non están garantidas as liberdades fundamentais para o movemento obreiro e para a loita popular, "tan necesaria nun momento de empobrecemento xeneralizado e de carestía da vida" e nun contexto "de apoloxía do belicismo". "Chama a atención que o Goberno español aprobe incrementar o gasto militar e inste a armarse, mentres mantén o recorte de liberdades e a espada de damocles sobre os sectores populares que loitamos polos nosos dereitos para poder vivir dignamente".

Salientou que se acordou facer esta convocatoria en vésperas do Primeiro de Maio, data na que se conmemoran as loitas dos mártires de Chicago de 1886. Aquela loita obreira "a lume e sangue" foi quen de conseguir avanzar "na loita de clases permanente que temos contra o capital para combater a pobreza e a imposición deste sistema inxusto".

E foi precisamente no marco dunha mobilización para reclamar futuro industrial para Ferrolterra na que se produciron as cargas policiais e a retención que derivaría na condena ao compañeiros Pintos. "Estamos ante un exemplo máis da pretensión de criminalizar a quen defende os dereitos e liberdades e fai posíbel que sexan unha realidade".

Fronte a isto, o secretario xeral da CIG reiterou que "seguiremos aquí, reclamando solución á nosa reivindicación e a concesión do indulto para Pintos".

Volver