Case dous anos despois, o Goberno español foi incapaz de resolver o indulto e facerlle xustiza ao compañeiro Pintos

Ferrol -

Dentro do calendario de mobilizacións para reclamar a concesión do indulto a Xesús Anxo López Pintos este xoves tivo lugar unha nova concentración diante da Xunta de Galiza de Ferrol. No decurso da protesta denunciouse que, transcorridos case dous anos dende a petición formal, "o Goberno español non foi quen de resolver o indulto e facer xustiza co compañeiro, que tivo que vivir neste tempo cunha espada de damocles sobre a cabeza a causa dunha sentenza máis que inxusta".

Así o aseveraba o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, criticando a hipocrisía "dun Goberno que se di de esquerdas, pero que foi incapaz nestes meses de pór en marcha o indulto". Reiterou a inxustiza do acontecido co compañeiro Pintos "contra a que seguiremos loitando e isto significa que xa temos presentado recursos nos tribunais europeos, como anunciamos no seu momento".

A este respecto, Grandal insistiu na necesidade de que a honestidade e a traxectoria sindical de Pintos "sexan liberadas de toda condena inxusta e de toda dúbida da súa honradez".

Avanzou que a loita, ademais, ten que seguir para conseguir a derrogación da lei mordaza "da que Pintos foi exemplo da súa aplicación". Unha lei que, lembrou Grandal, foi aprobada polo Goberno de Mariano precisamente para coartar e criminalizar a mobilización social, pero que continúa plenamente vixente.

"Malia os compromisos adquiridos xa na pasada lexislatura, o Goberno de Pedro Sánchez non foi capaz de derrogala. Por iso, denunciamos que non se pode falar de rexeneración democrática mentres siga en vixencia a lei mordaza, feita exclusivamente para recortar os dereitos e liberdades democráticas".

Volver