Unha sentenza recoñece o dereito dun docente ás 22 semanas de permiso polo nacemento da filla

Nacional -

Os dereitos de conciliación, a corresponsabilidade nos coidados dunha filla e a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego obrigan a Consellaría de Educación a estabelecer unha duración idéntica no permiso por nacemento, tanto para a nai biolóxica como para a outra persoa proxenitora. Isto é o que vén de ditaminar un xulgado galego nunha sentenza gañada polos servizos xurídicos da CIG.

A sentenza recoñece o dereito dun profesor a ampliar en 6 semanas o permiso de 16 semanas que previamente solicitara polo nacemento dunha filla para, deste xeito, ser tratado en igualdade de condicións que lle corresponderían se fose a nai biolóxica.

A sentenza, dun xulgado do contencioso administrativo de Vigo, é firme e non cabe recurso algún contra ela. Nela, afírmase con rotundidade que a distinción que fixa a Xunta entre nai biolóxica e a outra persoa proxenitora incumpre as directivas europeas de aplicación.

A sentenza chega despois doutra anterior, tamén gañada pola CIG, da sala do social do TSXG, que afectaba a un traballador do Consorcio Galego de Benestar e Servizos Sociais.

A CIG-Ensino xa solicitara da Consellaría de Educación, unha vez coñecida  esa primeira sentenza, a aprobación dunha normativa para poder aplicarlle ao profesorado os cambios necesarios na Orde de permisos docentes, recoñecendo a extensión a 22 semanas desde as 16 actuais para a persoa proxenitora diferente da nai biolóxica.

O sindicato trasladou a mesma solicitude a Función Pública para aplicar ese dereito con carácter xeral a todo o persoal que traballa na Xunta. A resposta foi a interposición dun recurso de casación perante o Tribunal Supremo pola Xunta, nunha clara estratexia de gañar tempo e evitar temporalmente a extensión desas 6 semanas aos pais ou nais non biolóxicas. O recurso no T. Supremo está aínda pendente de resolución.

Durante todo este tempo (en xuño cumprirase un ano) as persoas que tiveron crianzas viron limitados os seus dereitos por unha actitude da Xunta e da propia Consellaría de Educación de imposíbel xustificación.

A CIG-Ensino demanda novamente que Educación rectifique e que leve á Mesa Sectorial unha modificación da Orde de permisos para o persoal docente para igualar en 22 semanas o permiso por nacemento para quen na parella non é a nai biolóxica ou principal.

Á espera de coñecer a resposta da Consellaría o sindicato recomenda a aquel profesorado que teña un fillo ou unha filla que aínda non cumprira un ano a presentar unha solicitude de ampliación do permiso, tendo en conta que as datas que propoña para a ampliación teñen que ser antes de que se cumpra o ano de vida da crianza. Se a Consellaría se nega a aplicar este dereito con carácter xeral só queda a opción de reclamalo, tanto na vía administrativa como na xudicial.

Volver