A Consellaría de Educación evitou sumar 1080 prazas ás oposicións que comezan este sábado

Nacional -

A Consellaría que dirixe Román Rodríguez tomou a decisión de non aprobar unha oferta pública de emprego coa taxa de reposición do ano 2022, xusto nun momento no que todos focos están postos nos reiterados incumprimentos por parte das diferentes administracións por non convocar nos procesos selectivos todas as prazas ás que están obrigadas para evitar o abuso de temporalidade.

A CIG-Ensino denunciou esta decisión en diferentes reunións cos responsábeis de Educación e afeou que se provocara deste xeito que máis de mil postos de traballo ficasen sen ofertarse conxuntamente coa oferta da taxa de reposición de 2023 que conforma as prazas que están en xogo nas oposicións que dan comezo este sábado 22 de xuño.

A CIG tivo que presentar unha queixa na Valedora do Pobo para conseguir os datos

Logo de ter solicitado os datos na Mesa Sectorial e de que a administración non cumprira co compromiso de transparencia que lle exixiu a CIG-Ensino, o sindicato pediu formalmente esas cifras que pretendía ocultar Educación, tendo que presentar unha queixa perante a Valedora do Pobo. Tras a tramitación desta queixa a administración educativa remitiu finalmente os datos.

O total de prazas que conformaban a taxa reposición de 2022 eran 1.066, o que incluía, entre outras, xubilacións e defuncións. Sobre esta cifra existe unha habilitación do Goberno central para incrementalas nun 20%, polo que o total de prazas que se deberían ter computado son 1.280. Na cómputo final de prazas debe terse en conta que se deben reservar o 25% das prazas do subgrupo A1 para promoción interna.

Tendo en conta os cálculos feitos sobre o reparto entre os diferentes corpos na taxa de reposición, a cifra final de prazas que se deberían ter ofertado para ingreso libre quedarían en 1.080. De ser ter aprobado esta OPE sumaríase á de este ano.

A consecuencia da decisión tomada pola Consellaría é que a convocatoria de ingreso deste ano (sen contar as de promoción interna) que conta con tan só 1.512 prazas, a máis baixa desde 2018, debería ser de 2.592, o que tería convertido na máis importante dos últimos anos.

Volver