Un balance xeopolítico da XVI Cimeira dos Brics
Misión Verdad -
A Cimeira en Kazán consolidouse como un dos eventos políticos e diplomáticos máis relevantes do ano. Este encontro evidenciou unha tendencia global entre as principais economías emerxentes: o rexeitamento á hexemonía e ao unilateralismo promovidos polos Estados Unidos, así como o desexo de continuar construíndo un espazo alternativo
Durante tres días a cidade rusa de Kazán foi o escenario da XVI Cimeira dos Brics, que reuniu 36 delegacións de diversos países, 22 delas encabezadas por xefes de Estado e outros altos funcionarios. Ademais, asistiron representantes de seis organizacións internacionais, entre os que destacou António Guterres, secretario xeral da Organización de Nacións Unidas.
En total rexistráronse aproximadamente 20 mil comisionados nun evento que marcou a primeira reunión conxunta do grupo tras a incorporación de Exipto, Emiratos Árabes Unidos, Etiopía e Irán —Arabia Saudita non oficializou o seu ingreso, mais participa como Estado convidado—.
Todos os países membros fundadores do grupo Brics estiveron liderados polos seus xefes de Estado, agás Brasil, que foi representado polo seu ministro de Asuntos Exteriores.
As actividades previas que marcaron durante o ano a presidencia de Rusia no bloque incluíron unha reunión de ministros de Relacións Exteriores en Nizhni Novgorod e sesións ampliadas con encomendados dos Brics.
A maioría dos xefes de Estado dos países participantes fixo a súa chegada o primeiro día. Entre eles destacaron o presidente chinés Xi Jinping, o primeiro ministro indio Narendra Modi e o presidente surafricano Cyril Ramaphosa.
O presidente de Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, non puido asistir por motivos médicos e foi substituído polo chanceler Mauro Vieira.
Kazán: unha capital euroasiática
A chegada dos altos funcionarios ao aeroporto estivo marcada por un toque cultural. Mulleres vestidas con traxes tradicionais rusos e tártaros deron a benvida aos convidados ofrecéndolles pratos típicos como o belish, un pastel recheo de carne, e o chak-chak, un doce de masa crocante.
Recoñecida en 2009 como a terceira capital de Rusia, Kazán non só destaca pola súa industria petroquímica e militar, así como por un sector tecnolóxico en auxe, senón tamén por ser un espello da identidade nacional rusa.
A súa posición como cidade anfitrioa da Cimeira reflicte a crecente importancia xeopolítica do país no panorama global, pero tamén a diversidade demográfica e cultural que o moldea.
Capital da República de Tatarstán, Kazán é unha cidade onde conviven case a partes iguais rusos e tártaros. Este último grupo, o segundo máis numeroso de Rusia tras os primeiros, conta cunha cultura e lingua propias, de raíces túrquicas e cunha maioría de poboación musulmá.
Esta diversidade étnica e relixiosa converte a Kazán nun símbolo da identidade euroasiática de Rusia.
A Cimeira que preocupa a Occidente
Antes da inauguración oficial, o presidente ruso mantivo conversas coa gran maioría dos líderes asistentes, incluída unha xuntanza co presidente da República Popular Chinesa, Xi Jinping.
Trátase da terceira conversa cara a cara entrambos os líderes nun ano. Antes coincidiron en Beijing o 16 e 17 de maio, e despois atopáronse no marco da sesión anual da Organización de Cooperación de Shanghái en xullo.
O mandatario chinés afirmou que a amizade entre China e Rusia é inquebrantábel, e que as relacións entre os dous países evolucionaron significativamente e lograron varios fitos.
Putin salientou o crecemento do 4,5% no comercio bilateral entre Moscova e Beijing e o éxito dos proxectos conxuntos en diversos sectores, e afirmou que a cooperación ruso-chinesa é un factor de estabilidade global.
O primeiro día do evento xa evidenciou as preocupacións dos países occidentais pola súa magnitude e relevancia.
Nun artigo titulado "A fin do Imperio", POLITICO destacou a asistencia do primeiro ministro indio e do presidente surafricano á Cimeira dos Brics, en contraposición á reunión da Commonwealth organizada simultaneamente polo primeiro ministro británico, Keir Starmer, en Samoa. Sri Lanka, que busca unirse ao bloque, tampouco enviou o seu primeiro ministro nin o seu ministro de Asuntos Exteriores.
Doutra banda, Bloomberg chamou a atención sobre as gabanzas dos líderes de Beijing e Nova Deli cara ao seu homólogo ruso, e sinalou que "o acontecemento revela os límites do esforzo de Occidente por illar a Putin na guerra".
Deste xeito, esváese unha vez máis a narrativa estadounidense que rodea os países sometidos a presións económicas, entre os que figura Venezuela, e ponse de manifesto que a atención global se desprazou, de maneira obxectiva, cara a aqueles que están a configurar unha nova orde multipolar, cun enfoque particular no liderado de Moscova na Cimeira, logrado no medio de tres anos de sancións agresivas e a guerra por delegación da OTAN contra a Federación en Ucraína.
Declaración de Kazán
O segundo día do evento os representantes dos países membros levaron a cabo reunións en formatos reducido e ampliado. Alí salientouse a importancia de traballar cara a un sistema financeiro internacional que reflicta a orde multipolar desexado mediante o fomento do uso de moedas locais no comercio e investimento.
Estas conversas deron como resultado a Declaración de Kazán, un documento de 134 puntos distribuídos en 43 páxinas, o cal ofrece unha análise integral da situación global actual e estabelece obxectivos estratéxicos a longo prazo. Algúns dos puntos destacados son:
- O acordo entre os membros para impulsar reformas no sistema de Bretton Woods e na ONU.
- A importancia de utilizar moedas nacionais no comercio internacional.
- O estabelecemento de compromisos para mellorar a colaboración en áreas como a alta tecnoloxía e o medicamento.
- A continuación das negociacións para implementar o sistema Brics Clear, destinado a facilitar depósitos e liquidacións transfronteirizas.
- O apoio á proposta rusa de crear unha bolsa de cereais dos Brics para estabilizar os prezos e fortalecer a seguridade alimentaria.
- As posicións tomadas sobre emerxencias globais, incluídas as agresións de Israel contra Palestina e o Líbano, e o conflito en Ucraína.
Anuradha Chenoy, profesora emérita do Centro de Estudos Rusos e de Asia Central, Universidade Jawaharlal Nehru, salienta a importancia da Declaración de Kazán como unha folla de ruta para os países Brics. Ela destaca a particularidade do bloque, ao conxugar "intereses comúns" con "asociación estratéxica".
A devandita combinación contrasta cos pactos e acordos liderados polo eixo occidental, no que os "intereses", segundo a experta, son reservados para eles "e o termo estratéxico significa a ameaza ou o posíbel uso da forza" en detrimento das outras partes.
Os Brics están a demostrar o seu compromiso coa acción práctica e específica ao alcanzar consensos relevantes. O seu mecanismo de cooperación converteuse nunha forza fundamental para promover unha transformación positiva no sistema de gobernanza global, o cal responde ás necesidades tanto da plataforma como dos países que a seguen en áreas como a paz, o desenvolvemento, a seguridade e a economía.
Cooperación sen hexemonía fronte aos desafíos globais
A Cimeira concluíu coas sesións plenarias no seu formato Brics Plus/Outreach onde participaron representantes de 36 países e diversas organizacións internacionais. Unha das decisións máis significativas foi a creación dunha nova categoría: os países socios do bloque. Nun futuro próximo enviaranse convites para que estes países se unan aos traballos da instancia e, tras recibir as súas respostas, nomearase oficialmente os novos socios.
Neste contexto é importante salientar a observación realizada polo secretario de prensa do Kremlin, Dmitri Peskov, sobre a estrutura da alianza:
"Os Brics aínda non contan cos atributos necesarios para ser considerados unha organización formal", afirmou. "Non teñen estatutos".
"Aseméllanse máis a unha unión de nacións que comparten valores e directrices comúns, avogando por un modelo universal de relacións baseado no respecto e beneficio mutuo, sen caer no monocentrismo", engadiu.
O anterior compleméntase coa idea expresada no artigo editorial do Global Times, que salienta como a súa cooperación se basea na comodidade e o respecto mutuo entre nacións.
O editorial menciona que "cada país elixe a forma en que sente máis cómodo para participar", o cal permite aos seus membros actuar sen temor a comprometer os seus intereses fundamentais. Esta característica contrasta coas alianzas tradicionais lideradas por potencias occidentais, onde prevalecen o unilateralismo e o hexemonismo.
Esta visión de cooperación é nuclear para entender por que a instancia logrou manter unha cohesión forte, mesmo ante as tensións xeopolíticas actuais.
Un exemplo de que a cohesión pode superar as diferenzas maniféstase no anuncio realizado durante a Cimeira dos Brics, onde China e A India informaron sobre un acordo para resolver o impasse na súa fronteira do Himalaia. O texto introduce novos mecanismos de patrullaxe e ten como obxectivo desescalar as tensións xurdidas en 2020, marco que facilita o regreso das forzas militares ás súas posicións en tempos de paz e pon fin á crise.
Os Brics non teñen a intención de antagonizar con ningún país nin co seu modelo político. O crecente interese que xeran, como o demostra a atención de nacións como Turquía —un membro da OTAN—, é un claro indicativo diso.
A Cimeira en Kazán consolidouse como un dos eventos políticos e diplomáticos máis relevantes do ano. Este encontro evidenciou unha tendencia global entre as principais economías emerxentes: o rexeitamento á hexemonía e ao unilateralismo promovidos polos Estados Unidos, así como o desexo de continuar construíndo un espazo alternativo onde prevaleza o diálogo e se fomente a procura de consensos ao redor de intereses compartidos, na procura de remodelar a orde internacional baixo un enfoque multipolar.
[Artigo tirado do sitio web Misión Verdad, do 25 de outubro de 2024]