O Xulgado anula a modificación das condicións laborais das traballadoras de SERVISAR

Condena á empresa a indemnizalas polos danos e prexuízos causados

Compostela -

O xulgado do Social número 2 de Compostela vén de anular a modificación substancial de condicións laborais imposta pola empresa SERVISAR ás súas traballadoras. Obriga á concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar de Compostela a repor as condicións laborais anteriores a esta modificación e condena á empresa a indemnizar ás traballadoras “nos danos e prexuízos que esas medidas puideran ter ocasionado”.

En abril deste ano SERVISAR citaba á representación sindical para facerlles entrega duns pregos nos que se recollía a memoria explicativa da proposta de modificación colectiva de condicións de traballo no servizo de axuda a domicilio de Compostela.

Para xustificar os cambios propostos a empresa alegaba causas organizativas e produtivas motivadas por “unha falla de flexibilidade imposta polo concello de Santiago, debido a que as novas altas no servizo, condicionan o establecemento de horarios e días pechados de prestación, sobre todo en fins de semana, así como tamén debido ás implicacións, modificacións e cobertura de incidencias do servizo, exixidos polo concello e as persoas usuarias”.

A isto engadía a empresa a consideración de que “tal situación foi provocando ao longo do contrato un empeoramento nos datos de produtividade das auxiliares a domicilio”.

Mala fe por parte da empresa

As modificacións propostas afectaban á distribución da xornada; do horario e réxime de traballo a quendas e da xornada.

Diante desta proposta, a parte social alegou mala fe da empresa e rexeitou as causas invocadas por SERVISAR, que presentou unha segunda proposta, que tampouco foi aceptada, finalizando así o período de consultas sen chegar a un acordo.

No decurso do xuízo, SERVISAR tentou que se desestimara a demanda. Xustificou que a empresa decidira modificar a distribución da xornada pasando a ter a consideración de laborábeis todos os días a semana, de luns a domingo, ademais de reducir o 20% da xornada ás traballadoras a tempo parcial, excluíndo a algúns colectivos que considerou máis vulnerábeis.

A parte social alegou “falla de boa fe na negociación” eentendo que “en toda negociación os períodos de consulta deben ser reais, e non meramente hipotéticos, debendo consistir en intercambios certos e plausíbeis, non simples hipóteses, de tal xeito que se catalogou de inexistente aqueles sistemas de negociación no que a empresa prescinde  de calquera opción”, sen variar “un milímetro” a súa proposta.

Prevalencia do convenio colectivo

A sentenza afirma que o convenio colectivo é a fonte prioritaria das relacións laborais; que se estamos ante un descolgue a empresa debera ter acudido ao expediente; que a modificación substancial de condicións de traballo é unha cauce ou instrumento inaxeitado e que se debe dar “prevalencia á disposición do convenio colectivo e ao dereito do traballador á xornada fixada”.

Ademais indica que para facer as modificacións a empresa debería ter recorrido a un descolgue e que non está xustificada a redución da xornada, nun 20% ao persoal contratado a tempo parcial.

Por iso sentenza a nulidade das medidas colectivas e condena á empresa a repoñer “inmediatamente” ás persoas traballadoras afectadas nas súas anteriores condicións de traballo” así como a indemnizalas nos danos e prexuízos que tales medidas puideran ter causado.

Volver