A CIG recupera a cobertura nos tres primeiros días de baixa que a patronal da hostalaría, CCOO e UGT eliminaron

A Sala do Social do TSXG anula os acordos da Comisión Paritaria que restrinxían dereitos recollidos no convenio provincial da Coruña

A Coruña -

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza estimou integramente a demanda presentada pola CIG contra os acordos da Comisión Paritaria do convenio provincial de hostalaría da Coruña, polos que se restrinxía o dereito ao cobro do complemento do 100% nos tres primeiros días de baixa.

Estes acordos, adoptados o 6 de marzo e o 13 de novembro de 2025 entre a patronal provincial, CCOO e UGT, supuxeron unha modificación do contido do convenio colectivo que eliminou o complemento a cargo das empresas nos tres primeiros días de baixa, cando esta non fose a primeira do ano e incluso cando a baixa fose recaída dunha anterior.

Hai que aclarar que o convenio colectivo provincial só exclúe o dereito a percibir o compemento de IT nos tres primeiros días cando a segunda e sucesivas baixas son inferiores a 11 días.

Estas decisións, rexeita a CIG-Servizos, foran “adoptadas ás agachadas”, sen informar o sector e exceden con moito as competencias atribuídas á Comisión Paritaria que en ningún caso pode modificar o contido normativo do convenio colectivo, tal e como se reflicte na sentenza do TSXG.

Diante este atropelo aos traballadores e traballadoras da hostalaría, a CIG presentou conflito colectivo contra estes dous acordos e solicitou a declaración de nulidade “para que non se recortaran os dereitos do convenio pola porta de atrás”.

A Sala do Social do TSXG acolleu a demanda da CIG, declara nulos ambos acordos “impedindo que as empresas se acollan aos mesmos para non pagar os tres primeiros días das segundas e sucesivas baixas, sexan estas recaídas ou non”; e condena as partes demandadas a cumprir con esta declaración.

Na práctica, salienta a CIG-Servizos, “o resultado desta sentenza significa recuperarmos o 100% do salario deses tres días, posto que son as xornadas nas que a Seguridade Social non cubre nada”.

Volver