O TSXG declara improcedente o despedimento dun delegado da CIG en Canarga

A Coruña -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de declarar improcedente o despedimento dun traballador de Canarga,  que ademais ostentaba a condición de delegado de persoal pola CIG, condenando a empresa á súa readmisión nas condicións que tiña ou a abonarlle unha indemnización, mais a elección do traballador afectado.

Para a Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña con esta sentenza "gáñase unha batalla de catro anos en Canarga e demóstrase que o único obxectivo da empresa era represaliar o delegado da CIG e liberarse do principal activo sindical nesta empresa".

A persecución contra este traballador comezou en 2018 tras ser elixido delegado de persoal e desenvolver unha intensa actividade en defensa dos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras e na demanda do cumprimento do convenio colectivo. Diante disto, Canarga (empresa do sector da construción que se dedica á obra pública) manobrou para xustificar un despedimento disciplinario que finalmente executou a inicios de 2020, tras abrirlle un expediente cheo de falsidades.

Agora, despois dun longo periplo pola xustiza, o TSXG recoñece a improcedencia da decisión patronal, evidenciando que "tiñamos razón e que a empresa actuou unicamente co ánimo de represaliar ao delegado da CIG".

Volver