Froiz terá que aboar os soldos deixados de percibir e indemnizar a unhas traballadoras sancionadas
O xulgado considera nula a sanción imposta, interpretando que foi unha represalia sindical
Lugo -
O xulgado do social n° 3 de Lugo vén de anular unha sanción de suspensión de emprego e soldo de 14 días imposta por Distribuciones Froiz a dúas traballadoras, delegadas da CIG, e outra de CCOO, debendo a empresa aboarlles as soldadas deixadas de percibir, ademais de aboarlles en concepto de indemnización por danos de prexuízos a cantidade de 7.501€ a cada unha.
A sentenza anula as sancións por consideralas desproporcionadas e con motivos discriminatorios contra as traballadoras pola súa actividade sindical, garantindo así a protección dos seus dereitos fundamentais.
Segundo explica Xosé Paz, da CIG-Servizos, “esta represalia e vulneración do dereito de liberdade sindical ás traballadoras por parte de Froiz debeuse á loita activa desenvolvida por estas delegadas -e así o recoñece a sentenza-, nas concentracións, manifestación e convocatoria de folga, cando se estaba a negociar o convenio de Comercio Alimentación de Lugo.
Feitos probados
Na sentenza recóllense como feitos probados que as traballadoras retiraron produtos caducados do supermercado (catro lombos ibéricos valorados en 128,48 €) sen pagalos, seguindo unha práctica habitual na empresa a pesar da normativa interna que prohibía esta acción.
A consecuencia disto, Froiz impúxolles unha sanción de suspensión de emprego e soldo por 14 días, alegando faltas moi graves (fraude e desobediencia). As traballadoras alegaron que a sanción era unha represalia pola súa actividade sindical durante as negociacións do convenio colectivo.
Segundo a sentenza a sanción considerouse nula porque a empresa non acreditou que os feitos constituían faltas moi graves, xa que o valor dos produtos era reducido e non causou prexuízos graves.
Tívose en conta ademais que existía unha práctica tolerada de retirar produtos caducados, polo que a sanción foi considerada desproporcionada, entendéndose que foi, efectivamente unha represalia pola actividade sindical das traballadoras, vulnerando os artigos 24 e 28 da Constitución Española (dereitos á tutela xudicial efectiva e á liberdade sindical).