A limpeza de edificios e locais mobilízase en Vigo, Vilagarcía e A Coruña en demanda de convenios dignos

Nas protestas xa se avanzou unha intensificación da conflitividade á volta do verán incluso coa convocatoria de folga

Vigo/A Coruña -

O sector da limpeza de edificios e locais das provincias de Pontevedra e da Coruña está en loita por unha mellora real das condicións salariais e laborais. As traballadoras/es mobilizáronse este mércores en Vigo, Vilagarcía e a cidade herculina para demandar uns convenios colectivos dignos e enfrontar as posturas regresivas da patronal. Nas protestas xa se avanzou unha intensificación da conflitividade á volta do verán incluso coa convocatoria de folga.

Na provincia de Pontevedra as conversas para renovar o convenio romperon en abril tras 16 xuntanzas porque o empresariado insistía nunha suba de soldos insuficiente e negábase a reducir a xornada laboral e a incluír a cláusula de revisión salarial a IPC. As traballadoras/es reclaman un aumento de soldos do 3,5% para 2023 e dun 4% para 2024 e 2025, con cláusula de revisión para non perder poder adquisitivo. Mentres que a patronal ofrece un 3,1%, 3% e 3%, pero sen revisión salarial.

Por iso o mes pasado decidiron comezar un calendario de mobilizacións diante das sedes de distintas empresas, que hoxe trasladaron ás portas de Stellantis en Vigo. Dende alí arrincou unha nutrida manifestación até a rotonda de Castrelos, que rematou de novo na fábrica de automoción tras dar a volta na rotonda que une a avenida de Balaídos con Navia. En Vilagarcía tamén houbo concentracións, tanto no exterior do Hospital Comarcal do Salnés como ás portas do Concello.

Na CIG agardan que a mediación do AGA prevista para este luns 17 de xuño en Vigo permita avanzar na negociación, xa que do contrario auguran un “outono quente” con novas protestas e convocatoria de folga, “porque non pode ser que o empresariado non teña nin o detalle de compensar todo o que padeceron as compañeiras/os do sector durante a pandemia”.

Unha fregona xigante en María Pita

Na Coruña, un grupo de traballadoras/es concentráronse na Praza de María Pita onde instalaron unha fregona amarela (xa convertida en símbolo das súas reivindicacións) nun formato "tan grande como a nosa capacidade de loita". A protesta desenvólvese coa vista posta no inicio da negociación do novo convenio e ante a perspectiva "de que as patronais non van ter disposición a dar absolutamente nada".

O representante da CIG na mesa do convenio, Paulo Rubido, lembrou que o sector tivo que iniciar mobilizacións e presentar demanda de conflito colectivo para que ASPEL, a asociación patronal estatal, aceptara aplicar a cláusula de revisión salarial recollida no anterior convenio provincial (que rematou a 31/12/2023). Unha suba das táboas do 9,8% (pola diferenza dos incrementos pactados durante os anos de vixencia e o IPC) que hoxe mesmo foi publicada no BOP e que, subliña, constitúe "a revisión salarial máis alta nunca conseguida até a data en ningún convenio da limpeza".

Rubido salientou que esta primeira vitoria sindical -que supuxo a retirada da demanda presentada no TSXG por CIG e UGT- foi posíbel pola combinación de acción sindical e da acción xudicial e sobre todo, pola disposición a pelexar demostrada polas traballadoras. Neste senso, advertiu que o sector enfronta unha batalla longa e dura tras do anuncio da patronal de bloquear a actualización do convenio durante un período de tres ou catro anos, "porque entenden que xa subiron os salarios".

Neste contexto, a parte social defenderá iniciar as negociacións do novo convenio en setembro próximo "e no caso de que a  patronal non se aveña, convocaremos mobilizacións e folga, porque o persoal deste sector, altamente feminizado, precarizado e con moita parcialidade, non quere ser escravo da súa miseria".

Volver