Convocan concentración e caravana de vehículos contra as imposicións de DomusVi Ribadumia

A dirección insiste na súa última proposta en máis tempo de traballo e menos descanso

Ribadumia -

O cadro de persoal da residencia de maiores DomusVi de Ribadumia decidiu finalmente intensificar as mobilizacións contra a decisión da empresa de impoñer cambios de quenda e a súa negativa a compensar con tempo libre o traballo en días festivos. As traballadoras desenvolverán unha concentración diante do Concello e unha caravana de vehículos até as instalacións da compañía este xoves día 30 a partir das 16:00 horas.

Segundo explica o secretario comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, Iván Veiga, o comité de empresa (integrado por 5 delegadas da central sindical) mantivo tres xuntanzas coa dirección no último mes e medio para intentar chegar a un acordo antes da celebración do xuízo (previsto para o 5 de xuño) tras o conflito colectivo presentado polas afectadas. Acordo que non foi posíbel -tampouco no SMAC- porque DomusVi insiste nunha proposta similar aos horarios impostos a comezo de ano, que supoñen máis tempo de traballo e menos descanso para o persoal.

“As traballadoras decidiron a semana pasada en asemblea rexeitar a proposta e levar a cabo estas medidas de presión, porque están fartas de que non se respecten os seus dereitos”, sinala Veiga. E é que DomusVi limitouse a comunicar a entrada en vigor dende o pasado 1 de xaneiro dos novos horarios e dos cambios de quenda sen cumprir os requisitos esixidos, xa que o calendario anual ten que ser pactado coa representación legal das traballadoras/es.

Ademais, o cuadrante entregado pola empresa supón que haxa semanas nas que non se garanten os descansos legais, non se respecta o cómputo de xornada anual, nin tampouco a compensación en días festivos. “Esta é unha cuestión fundamental, que motivou a modificación de quendas; as traballadoras/es teñen xornada de luns a domingo, incluíndo festivos, e no seu convenio (e nunha sentenza do Tribunal Supremo) establécese que esta compensación ten que ser en tempo de descanso”.

Mais as compañías do sector non respectan esta premisa, especialmente DomusVI, polo que o persoal ten presentado reclamacións individuais nas que se recoñece que a compañía non compensa correctamente o traballo en festivos. “Dende hai ano e medio estamos intentando negociar esta cuestión; por unha parte aseguran que queren implantar colectivamente a compensación en tempo, pero por outra chantaxean o persoal para que acepte unha modificación horaria e de quendas que é peor que a actual a cambio da compensación de festivos”.

Ademais, DomusVi está a ofrecer a posibilidade de compensar economicamente o traballo en festivos, e a un prezo inferior ao que xa teñen recoñecido nas sentenzas individuais as traballadoras/es. “Polo que nos negamos a asinar ese acordo, porque nos parecía unha chantaxe, e a empresa optou por impoñer a modificación horaria”. En consecuencia o persoal optou por iniciar mobilizacións o pasado 9 de febreiro diante da empresa, que se repetiron o día 27 diante da Xunta en Pontevedra coincidindo co SMAC.

Xuntanza no Parlamento

A problemática que padece o persoal de DomusVi foi abordada hoxe na xuntanza celebrada no Parlamento galego entre as delegadas da CIG e unha representación do BNG, na que estivo presente o propio Veiga. “No encontro tamén se falou da crecente precarización no sector das residencias de maiores como consecuencia do modelo privatizador que aplica o PP, baseado en entender o sector de coidados como un negocio e non como un servizo, e a impunidade coa que actúan empresas como DomusVi”. A formación nacionalista comprometeuse a trasladar a situación das traballadoras a unha comisión ou a unha sesión parlamentaria.

O secretario comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra denunciou os impedimentos que lles puxeron á entrada do Parlamento porque vestían unhas camisetas reivindicativas para visualizar o conflito. “Non querían deixarnos pasar alegando que a mensaxe era ofensiva”, critica. Neste senso, sinala que a pasada fin de semana aproveitaron para colocar unha faixa sobre o conflito en Ribadumia “que desapareceu, sendo substituída curiosamente por unha faixa do PP”.

Volver