Traballadoras de DomusVi Ribadumia: “Estamos fartas de sermos ignoradas!”
O persoal da residencia de maiores insta a empresa a negociar os cambios de quenda impostos e reclama a compensación de festivos en tempo libre
Ribadumia -
O cadro de persoal da residencia de maiores DomusVi de Ribadumia mobilizouse hoxe diante das instalacións da empresa para reclamarlle á dirección que negocie os cambios de quenda impostos e que acepte compensar con tempo libre o traballo en días festivos.
![](https://cig.gal/imaxes/adaptadas/780/files/novas/2024/02/09/24-02-09_Protesta_DomusVi_Ribadumia_02.jpeg)
A protesta convocada polo comité de empresa (cinco delegadas da CIG) desenvolveuse a partir das 11:30 horas ao berro de “Estamos fartas de sermos ignoradas” para denunciar que a compañía optou por levar a cabo unha modificación substancial das condicións de traballo sen abrir o preceptivo prazo de 15 días para intentar chegar a un acordo coa representación sindical.
De xeito que comunicou a entrada en vigor dende o pasado 1 de xaneiro dos novos horarios e dos cambios de quenda sen cumprir os requisitos esixidos, “xa que o calendario anual ten que ser pactado coa representación legal das traballadoras/es”, segundo lembra o secretario comarcal da CIG-Servizos, Iván Veiga.
Ademais, o cuadrante entregado pola empresa supón que haxa semanas nas que non se garanten os descansos legais, non se respecta o cómputo de xornada anual, nin tampouco a compensación en días festivos. “Esta é unha cuestión fundamental, que motivou a modificación de quendas; as traballadoras/es teñen xornada de luns a domingo, incluíndo festivos, e no seu convenio (e nunha sentenza do Tribunal Supremo) establécese que esta compensación ten que ser en tempo de descanso”.
![](https://cig.gal/imaxes/adaptadas/780/files/novas/2024/02/09/24-02-09_Protesta_DomusVi_Ribadumia_04.jpeg)
Mais as empresas do sector non respectan esta premisa, especialmente DomusVI, polo que o persoal ten presentado reclamacións individuais nas que se recoñece que a compañía non compensa correctamente o traballo en festivos. “Dende hai ano e medio estamos intentando negociar esta cuestión; por unha parte aseguran que queren implantar colectivamente a compensación en tempo, pero por outra chantaxean o persoal para que acepte unha modificación horaria e de quendas que é peor que a actual a cambio da compensación de festivos”.
Ademais, DomusVi está a ofrecer a posibilidade de compensar economicamente o traballo en festivos, e a un prezo inferior ao que xa teñen recoñecido nas sentenzas individuais as traballadoras/es. “Polo que nos negamos a asinar ese acordo, porque nos parecía unha chantaxe, e a empresa optou por impoñer a modificación horaria”.
En consecuencia, o cadro de persoal viuse na obriga de presentar un conflito colectivo non xulgado e de iniciar unha campaña de mobilizacións que continuará nos vindeiros días, sen descartar a posibilidade de convocar folga “porque as traballadoras/es están fartas desta situación e de que non se respecten os seus dereitos”.