Gaza: o exterminio capitalista ante a crise

William I. Robinson -

Gaza é un microcosmos e manifestación extrema do destino que espera aos traballadores e ao excedente humano a medida que a orde global se endurece até se converter en formas de dominación máis virulentas e violentas, o que simboliza unha etapa radical nas modalidades de control da clase dominante

 O indescritíbel salvaxismo do xenocidio que se desenvolve en Gaza e a absoluta impunidade dos xenocidas israelís e os seus patrocinadores occidentais provocaron vagas de indignación nos pobos do mundo e desencadearon unha intifada global de solidariedade con Palestina.

 O xenocidio mostra tanto o pasado como o futuro, unha reedición da escura historia do colonialismo europeo que alcanzou o seu cénit nos séculos XIX e XX e unha visión horrorosa do futuro dun capitalismo global, cuxo impulso de exterminio está en pantalla completa ante unha crise sen precedente.

 Estruturalmente a crise é de sobreacumulación. O estancamento crónico exerce unha presión crecente sobre os axentes políticos e militares do capital transnacional para que abran de maneira violenta espazos de acumulación. Ao mesmo tempo, estes axentes deben conter a rebelión desde abaixo provocada polo descontento xeneralizado co statu quo global.

 A crecente desigualdade, o empobrecemento e a inseguridade das clases traballadoras tras décadas de penuria social provocada polo neoliberalismo socavan a lexitimidade do Estado, desestabilizan os sistemas políticos, poñen en perigo o control das elites e impulsan o xurdimento dunha dereita neofascista.

 O último medio século de globalización capitalista trouxo consigo unha ampla rolda de acumulación primitiva e expulsións en todo o mundo. O alter ego do excedente de capital é o excedente de traballo. Centos de millóns de persoas foron desprazadas do campo do antigo terceiro mundo e no antigo primeiro mundo millóns máis foron botados ao desemprego e o abandono pola desindustrialización e o neoliberalismo. As fileiras do excedente de humanidade, os estruturalmente excluídos e relegados ás marxes da existencia, son miles de millóns.

  Non hai símbolo máis potente e tráxico do destino do excedente de humanidade que o xenocidio que perpetra Israel. O proletariado palestino en Gaza deixou de servir como man de obra barata para a economía israelí cando se impuxo o bloqueo en 2007 e o territorio se converteu en campo de concentración ao aire libre. De ningunha utilidade para o capital israelí e transnacional, os gazatís obstaculizan a expansión capitalista global no medio Oriente e son totalmente desbotábeis.

 Gaza é un microcosmos e manifestación extrema do destino que espera aos traballadores e ao excedente humano a medida que a orde global se endurece até se converter en formas de dominación máis virulentas e violentas, o que simboliza unha etapa radical nas modalidades de control da clase dominante, a creación de xeografías de contención e matanza xeneralizada de poboacións excedentes que se interpoñen á apropiación e expansión capitalista transnacional.

 Gaza, como xigantesco campo de concentración, pode ser un caso extremo de xestión do excedente de humanidade, pero estas xeografías de megaprisións esténdense por todo o mundo. En 2023, o goberno salvadoreño inaugurou a súa draconiana megaprisión, o Centro de Confinamento do Terrorismo, a maior do mundo; encerrou a 40.000 presos, case todos eles mozos desempregados e empobrecidos.

 Se Gaza nos mostra a opción do exterminio, O Salvador proporcionou un modelo de control sobre a humanidade superflua na manipulación da inseguridade e a indución do medo ante o crime e a violencia social, efectos de pobreza, desemprego e privacións crónicas.

 As megaprisións como método para conter o excedente de humanidade estendéronse moi rápido. Tras O Salvador, Brasil, China, Turquía, Tailandia, Filipinas e A India, entre outros países, anunciaron plans similares para prisións que albergarían a decenas de miles.

 Entre 2016 e 2021 comezou en Turquía a construción de nada menos que 121 novas prisións. Sri Lanka anunciou en 2021 que construiría un complexo penal de 200 acres que permitiría deter a 100.000 persoas en todo o país, máis de tres veces a poboación carceraria dese ano. Exipto anunciou ese ano que axiña abriría unha prisión para 30.000 presos.

 As insurxencias paramilitares e os despregamentos militares multinacionais desprazaron a máis de 7 millóns de persoas no Congo nos últimos anos, a maioría nas provincias orientais, para abrir o acceso aos vastos recursos minerais do país: ouro, diamantes, prata, cobalto, coltán, estaño, petróleo, gas natural e máis. Adoito caracterizadas como conflitos étnicos ou loitas entre faccións locais polo control político, estas son causas próximas de guerras transnacionais polo capital transnacional e estados para apoderarse de recursos.

 As fronteiras convértense menos en marcadores físicos do territorio que en eixos ao redor dos cales se organiza un control intensivo sobre os expulsados. Están cada vez máis militarizadas. As fronteiras entre xurisdicións nacionais convértense en zonas de guerra e zonas de morte.

 A patrulla fronteiriza dos EUA informou de máis de 7.000 mortes na fronteira con México entre 1998 e 2023, quizais unha gran subestimación, pois non teñen en conta aqueles cuxos corpos non foron recuperados nin os moitos que morreron na longa viaxe a través de Centroamérica e México. As cifras de mortes no Mediterráneo son absolutamente impactantes: máis de 20.000 persoas afogaron ou desapareceron entre 2014 e 2023.

 Gaza, O Congo e outros infernos similares son sinais de alarma en tempo real de que o xenocidio se pode converterse nunha poderosa ferramenta nas próximas décadas para resolver a intratábel contradición inherente ao capitalismo entre o excedente de capital e o excedente de humanidade. En poucas palabras, o caos político e a inestabilidade crónica poden crear condicións bastante favorábeis para o capital.

 Estamos no medio dunha guerra civil global, non no sentido de que haxa dous exércitos opostos en combate, senón máis ben no sentido de que o proletariado global e as clases populares se enfrontan en todas as partes aos grupos dominantes e os estados que controlan, desde Kenia a Arxentina, Francia aos EUA e Bangladesh a Nixeria.

 Non hai dúbida de que se enxergan situacións catastróficas no horizonte. Chegou a hora da resistencia transnacional en masa. É urxente tecer axendas populares viábeis e transfronteirizas contra a axenda do exterminio do capital.

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 19 de agosto de 2024]

Volver

Novas relacionadas