A continuidade do colonialismo de asentamento sionista

Jamal Nabulsi -

O xenocidio e a limpeza étnica da poboación palestina en Gaza por parte do réxime israelí é a continuación do proxecto de colonización de asentamento sionista. aínda que a matanza e a expulsión de palestinos e palestinas que está a levar a cabo actualmente o réxime israelí é unha aberración, non é anómala no contexto de máis de 75 anos de colonización sionista

 O réxime israelí está a cometer un xenocidio contra o pobo palestino de Gaza; non só bombardea indiscriminadamente os e as palestinas, senón que ataca infraestruturas civís esenciais como hospitais, escolas, universidades, campos de refuxiados e edificios residenciais. Quen sobrevive aos bombardeos tampouco está a salvo tendo en conta o moi limitado acceso á auga potábel, aos alimentos, á electricidade e ás subministracións médicas básicas[1].

 Ademais de matar por fame e masacrar os e as palestinas, o réxime israelí opera para expulsalos das súas terras. Deixárono claro funcionarios e políticos israelís en múltiples declaracións, así como en documentos filtrados que demostran o propósito de transferir –un eufemismo para a limpeza étnica– a poboación palestina de Gaza a Exipto ou outros lugares; case tres cuartas partes é xa poboación refuxiada como consecuencia de guerras anteriores que Israel librou contra o pobo palestino. Esta operación forma parte do sostido castigo colectivo de Israel a un pobo que se atreve a resistir a colonización e a expresar a soberanía indíxena sobre o seu territorio.

 Este artigo sostén que o xenocidio e a limpeza étnica da poboación palestina en Gaza por parte do réxime israelí é a continuación do proxecto de colonización de asentamento sionista. Insiste particularmente en que, aínda que a matanza e a expulsión de palestinos e palestinas que está a levar a cabo actualmente o réxime israelí é unha aberración, non é anómala no contexto de máis de 75 anos de colonización sionista. Sinala tres características fundamentais do colonialismo de asentamento sionista:

- a súa natureza como estrutura permanente;

- o seu obxectivo de eliminar o pobo palestino;

- o seu uso da fragmentación –do territorio e do pobo– como estratexia fundamental a través da cal asegurar esa eliminación.

 É a través destas tácticas, segundo sostén esta análise, como o proxecto sionista pretende extinguir a soberanía indíxena palestina en última instancia.

Colonialismo de asentamento sionista

 O sionismo sempre foi unha ideoloxía colonial de asentamento, algo declarado explicitamente polos arquitectos do sionismo. Por exemplo, o dirixente sionista ruso Ze’ev (entón Vladimir) Jabotinsky, que xogou un papel determinante na colonización de Palestina, escribiu en 1923: «Todos os pobos indíxenas opoñerán resistencia aos colonos foráneos se perciben algunha esperanza de se libraren do perigo do asentamento estranxeiro. Iso é o que está a facer a poboación árabe de Palestina, e o que seguirán facendo mentres manteñan unha mínima faísca de esperanza en que poderán impedir a transformación de Palestina na Terra de Israel (...). A colonización sionista, incluso a máis restrinxida, debe terminar ou levarse a cabo sen considerar a vontade da poboación nativa».

 A ideoloxía do colonialismo de asentamento sionista está impregnada de racismo europeo e garda moitas similitudes co espellismo dos colonos brancos do destino manifesto. Cando se debatía se o lugar para a colonización sionista debía ser Arxentina ou Palestina, o fundador da Organización Sionista, Theodor Herzl, afirmou[2] que o Estado xudeu en Palestina sería “unha parte do muro de Europa contra Asia, un posto avanzado da civilización en oposición á barbarie”. Ese discurso supremacista branco desenvólvese para xustificar a colonización de terras palestinas e a violencia inconmensurábel que implica.

 O pobo palestino comprendeu hai moito tempo a natureza colonial do sionismo. No seu libro de 1965, Zionist Colonialism in Palestine (Colonialismo sionista en Palestina), Fayez Sayegh disecciona[3] con mestría o colonialismo sionista en tanto que ideoloxía e proxecto político. Posteriormente, en 1976, Yamil Hilal articulou sucintamente a lóxica do colonialismo de asentamento[4] diferenciándoo do colonialismo extractivo: “Os sionistas afanáronse non en explotar a poboación palestina indíxena, senón en desprazala”. Partindo desta proposta teórica palestina, o colonialismo de asentamento sionista debe entenderse como unha estrutura permanente que apunta a eliminar os e as palestinas fragmentando o pobo e a terra, como sinalan tres facetas centrais:

 Primeira: o colonialismo de asentamento sionista, como todos os demais proxectos de asentamento colonial, debe entenderse como unha estrutura permanente máis que como un episodio puntual. Noutras palabras, o obxectivo fundamental do colonialismo de asentamento é atrincheirar a comunidade colona na terra colonizada de maneira permanente. Aínda que esta idea se desenvolveu con certo detalle[5] na disciplina académica que aborda os estudos de colonización por asentamento, o sentimento comprendeuse durante moito tempo a través da noción palestina cotiá da Nakba como algo permanente. Por unha banda, esta teorización cotiá salienta que os efectos da Nakba de 1948, pola que máis de 780 000 palestinos e palestinas sufriron limpeza étnica[6] nas súas terras, seguen sentíndose hoxe. Nun nivel elemental, a todas as persoas palestinas expulsadas pola forza polas milicias sionistas durante a Nakba de 1948 ségueselles negando o dereito ao retorno aos seus fogares en Palestina. Doutra banda, e de forma interrelacionada, a noción da Nakba permanente advirte de que o proxecto sionista de limpeza étnica do pobo palestino de Palestina é un proceso que continúa hoxe: desde 1948, uns dous terzos (9,17 millóns) dos catorce millóns de palestinos e palestinas que hai en todo o mundo son, na actualidade, persoas desprazadas pola forza[7] e a todas se lles nega o dereito a retornar ás súas casas.

 Segunda: o obxectivo central do colonialismo de asentamento sionista é eliminar o pobo palestino da terra de Palestina. Esta eliminación adopta múltiples formas que, entre outras, inclúen o xenocidio e a limpeza étnica. Quizais o máis atroz é que a maioría das veces a eliminación que practica o colonialismo de asentamento sionista adopta a forma de aniquilación física dos e as palestinas. Así foi, por exemplo, nos masacres de poboación palestina perpetrados polas milicias sionistas durante a Nakba de 1948, no masacre de Sabra e Chatila de 1982, nos intensos ataques israelís actuais contra Gaza e nos catro previos máis destacados contra a Franxa, así como nas habituais execucións que levan a cabo os soldados israelís e a policía paramilitar, máis comúns en Cisxordania, incluída Xerusalén Oriental.

 A eliminación que practica o colonialismo de asentamento sionista adopta outras innumerábeis formas máis insidiosas. Como exemplo, o réxime israelí tentou borrar a identidade mesma[8] das e os palestinos dos territorios de 1948 que viven como cidadáns de terceira clase en Israel sobre o territorio palestino ocupado naquel ano. Israel pretende despalestinizar a esta comunidade mediante unha variedade de políticas que inclúen criminalizar as expresións de identidade palestina, léase exhibir a bandeira palestina ou conmemorar a Nakba. Estas políticas levan décadas aplicándose, do mesmo xeito que o adoutrinamento sionista a través dos plans de estudos escolares e universitarios e outros innumerábeis procedementos para embazar e reescribir a historia de Palestina. Son políticas comparábeis ás doutras colonias de asentamento, como os sistemas de escolas residenciais nos agora denominados Canadá e os EUA, así como as Xeracións Roubadas[9] na colonia de Australia.

 Terceira: unha estratexia chave mediante a cal Israel aplica a eliminación é a de fragmentar Palestina e os e palestinas. Fragmentación que, en última instancia, conduce á eliminación: opera para fragmentar o pobo palestino e arrincalo despois da súa terra. Do mesmo xeito que a eliminación, a fragmentación adopta multitude de formas diferentes. Funciona, por exemplo, para dividir a terra palestina, fracturar corpos, destruír familias, desmantelar institucións, romper o espazo, o tempo e a memoria palestinas, esgotar e crebar a vontade de resistir. Non é que sexan formas distintas de fragmentación, senón que todas están intimamente conectadas, con fendas e rachos que se estenden a través das vidas palestinas.

 A Nakba de 1948 foi un momento fundacional na fragmentación de Palestina. A colonización por parte de Israel do 78 % da terra palestina serviu para dividir ese territorio do resto de Palestina, Cisxordania e Gaza, quedando xeograficamente illadas unha doutra. Durante a Nakba[10], literalmente, o Revés, [polo desastre da guerra de 1967), Israel ocupou militarmente Cisxordania e Gaza (ademais de territorios de Siria e Exipto), ocupacións coloniais mantidas até hoxe. Á súa vez, o pobo palestino quedou dividido neses tres territorios diferenciados e no exilio, e cada porción viviu realidades moi diferentes e fixo fronte a diversas formas da violencia colonial israelí.

 Ao combinar estas tres características fundamentais a través da eliminación e a fragmentación permanentes, o proxecto colonial de asentamento sionista persegue, en última instancia, extinguir a soberanía autóctona palestina. Esta soberanía encarna a reclamación dunha terra que nunca foi cedida e fundaméntase na permanente presenza palestina autóctona que precede e perdura no Estado colonial israelí. A soberanía indíxena adopta inevitabelmente formas distintas segundo os diferentes pobos indíxenas, pero o que comparten esas formas é que todas rexistran unha reclamación indíxena imperecedoira sobre a terra e o rexeitamento á soberanía estatal da colonia de asentamento[11].

 Por outra banda, a indixeneidade palestina non se basea en demostrar o mantemento de prácticas culturais particulares ou certa medida de sangue indíxena. Contrariamente á forma en que se define no dereito internacional, a indixeneidade non é un conxunto de requisitos a cumprir, senón máis ben unha relación política coa estrutura do colonialismo de asentamento. Na medida en que o Estado colonial de Israel pretende eliminalos da súa terra, os e as palestinas son un pobo indíxena que se resiste á eliminación.

A actualidade da colonización de asentamento

 O eco do discurso racista dos primeiros sionistas escóitase na linguaxe xenocida dos actuais dirixentes israelís. Cando o réxime israelí comezou o seu actual xenocidio en Gaza, Benjamin Netanyahu publicou[12] desde a conta oficial do primeiro ministro de Israel en X (logo eliminou a publicación): “Esta é unha loita entre os fillos da luz e os fillos da escuridade, entre a humanidade e a lei da xungla”. O presidente israelí, Issac Herzog, advertiu igualmente[13] de que a guerra contra Gaza tiña “a intención de salvar a civilización occidental” e que, se non fose por Israel, “Europa sería a seguinte”. Semellante retórica regurxita a ideoloxía colonial que pretende xustificar o xenocidio como unha batalla do “Ben contra o Mal”. Ao anunciar o plan de Israel para castigar colectivamente os palestinos e palestinas en Gaza cortando por completo todos os recursos necesarios para a vida, o ministro de Defensa israelí, Yoav Gallant, declarou[14]: “Non haberá electricidade, nin alimentos, nin auga, nin combustíbel. Todo está pechado. Estamos a loitar contra animais humanos e actuamos en consecuencia”. Esa linguaxe racista e deshumanizadora achanda o camiño a Israel para o xenocidio e a limpeza étnica dos palestinos e as palestinas.

 A realidade da Nakba como proceso permanente nunca foi máis evidente que agora. Desde que o exército israelí comezou o seu actual ataque contra Gaza, matou a máis de 26 000 palestinos [28 473 a data de 13 de febreiro] e expulsou dos seus fogares a 1,9 millóns de persoas (máis do 80 % da poboación gazatí). As imaxes que saen da Franxa son estarrecedoras: un pai abrazando o seu fillo queimado vivo con fósforo branco, unha nena escavando entre os cascallos da súa casa coa esperanza de atopar un só parente sobrevivente. O impacto humano do xenocidio é insondábel. As imaxes de multitude de familias palestinas fuxindo dos seus fogares baixo o fogo israelí evocan imaxes da Nakba de 1948 e doutras grandes expulsións. Moitas das persoas que actualmente foxen da violencia sionista son descendentes daquelas que sufriron limpeza étnica da súa terra en 1948.

 Esa é a eliminación que practica o colonialismo de asentamento sionista na súa forma máis brutal. Do mesmo xeito en que os masacres israelís de 1948 contra o pobo palestino se combinaron coa limpeza étnica, hoxe o xenocidio e a limpeza étnica de Israel son estratexias combinadas do proxecto sionista para a eliminación de pobo palestino. Tras expulsar a maioría dos e as palestinas dos seus fogares dentro de Gaza, o que Israel está determinado a facer é limpar etnicamente Gaza por completo. Nun documento filtrado o 28 de outubro[15], o Ministerio de Intelixencia israelí recomendaba limpar etnicamente dos seus fogares os 2,3 millóns de gazatís e expulsalos permanentemente á península exipcia do Sinaí. A pesar do rexeitamento reiterado do goberno exipcio a aceptar ese plan, as operacións levadas a cabo polas Forzas de Ocupación Israelís (FOI) en Gaza até a data reflicten as fases estipuladas no documento. As FOI expulsaron á poboación do norte de Gaza cara ao sur; os seus bombardeos e disparos contra a poboación ao longo dese camiño demostran que a súa afirmación de que están a evacuar a poboación civil con fins humanitarios é unha falacia. Agora comezaron a expulsar as e os palestinos do sur de Gaza provocando un profundo e moi críbel temor de que van estar obrigaron a amoreárense na fronteira de Rafah e a presionar aínda máis a Exipto. Esta limpeza étnica non só a propugnan todos os ministerios gobernamentais, senón tamén destacados políticos, académicos e cidadáns israelís comúns e correntes. Despois de todo, ese é o obxectivo fundamental do sionismo e do Estado israelí: expulsar o pobo palestino e apoderarse da súa terra.

 Cómpre salientar que nestes momentos Israel tamén está a intensificar a limpeza étnica do pobo palestino, que leva a cabo desde hai décadas, en Cisxordania. Encoraxados polo ataque xenocida de Israel contra Gaza e pola impunidade internacional polos crimes de guerra israelís durante este asalto, estamos a asistir a un forte incremento da violencia da poboación colona israelí en Cisxordania, que actúa co pleno respaldo do exército israelí para aterrorizar as e os palestinos e expulsalos dos seus fogares. Unha das principais formas en que Israel executa esta limpeza étnica en Cisxordania é mediante a estratexia colonial de fragmentación antes mencionada: Israel dividiu Cisxordania en 227 enclaves separados, illando por completo Xerusalén Oriental do resto de Cisxordania. Fíxoo mediante [a implantación de] o Muro do apartheid, de 730 km de lonxitude, que serpea Cisxordania moito máis alá da Liña Verde de 1967, partindo en dúas cidades e pobos palestinos, separando as e os agricultores das súas terras e as comunidades palestinas entre si. Estes instrumentos coloniais, que funcionan xunto con outras innumerábeis tecnoloxías israelís de fragmentación, teñen como obxectivo último facer que a vida dos e as palestinas de Cisxordania sexa inhabitábel, expulsalos das súas casas para que as e os colonos israelís se poidan apropiar delas.

 En Gaza asistimos a unha forma aínda máis extrema de fragmentación colonial de asentamento por medio da cal Israel se empregou en illar sistematicamente os e as palestinas do resto de Palestina. O illamento xeográfico, social e político intensificouse co bloqueo israelí imposto a Gaza tras a vitoria electoral de Hamás en 2006. Ademais de provocar unha choiva de morte sobre a poboación gazatí con intermitentes campañas de bombardeos e drásticas restricións do movemento de persoas dentro e fóra da Franxa, este bloqueo implicou restrinxir rigorosamente innumerábeis artigos cotiáns que necesita a poboación: desde toalliñas húmidas para bebés até sementes de plantas. Tras a operación de Hamás do 7 de outubro e os bombardeos sobre Gaza que seguiron a esa operación, o réxime israelí cortou a auga, os alimentos, a electricidade, o combustíbel e outros artigos de primeira necesidade para a vida en Gaza, algo descrito polos expertos como un acto xenocida. En resumo, Israel achandou o terreo para o actual xenocidio en Gaza con 17 anos de brutal bloqueo e 56 de ocupación militar que, en conxunto, serviron para illar radicalmente a Gaza do resto de Palestina.

 Ao illar política, social e xeograficamente a Gaza do resto de Palestina, Israel persegue facerse con máis terras palestinas que poida limpar etnicamen e apropialas para o Estado colonial de asentamento. Non é unha estratexia nova, senón absolutamente coherente co proxecto sionista e cos proxectos de asentamento colonial en xeral, que operan para dividir e conquistar os pobos indíxenas, apoderarse da súa terra e eliminar a comunidade nativa.

Conclusión

 Para que as e os palestinos vivan en liberdade e dignidade debemos entender o actual ataque de Israel contra Gaza como unha continuación do proxecto colonial sionista. Iso significa que hai que rexeitar o marco aínda dominante que describe un conflito que involucra a dous bandos. Este marco, propagado a través do chamado proceso de paz e as súas diversas derivadas, non só agocha, senón que defende activamente as relacións de poder colonial entre o Estado de Israel e o pobo palestino. O máis evidente é, se cadra, que Israel utilizou de maneira sistemática as negociacións de paz como unha cortina detrás da cal puido intensificar o roubo da terra palestina. Por exemplo, entre 1993 e 2000 –en pleno auxe do proceso de paz– Israel duplicou a poboación colona israelí no mesmo territorio que supostamente se debía converter nun Estado palestino. A esencia do proxecto sionista é expansionista, e Israel nin sequera disimula para ocultalo.

 Desde o inicio do actual ataque xenocida de Israel contra Gaza, o movemento internacional de solidariedade con Palestina creceu exponencialmente batendo a marca de persoas que saíron a protestar por Palestina en cidades de todo o mundo. Aínda que é inspirador ver persoas de todo o mundo reaccionando ante a brutal realidade á que fai fronte o pobo palestino, os organizadores da solidariedade reproducen moitas veces o controvertido marco descrito anteriormente, o que, en última instancia, acaba servindo para soster a colonización de Israel. Concretamente, unha defensa de Palestina que se limita a reclamar a fin da ocupación israelí e/ou do apartheid falla en non recoñecer a causa fundamental da violencia: o colonialismo de asentamento sionista. Nas colonias de asentamento como os Estados Unidos Canadá e Australia, así como en metrópoles coloniais como as de Reino Unido, a falta de recoñecemento deste feito probabelemente se debe á propia complicidade do activismo en formas relacionadas de colonización. Para lograr xustiza e liberación para os e as palestinas é imperativo desmantelar o proxecto colonial sionista que, como se demostrou, ten como obxectivo fundamental eliminar o pobo palestino e extinguir a súa soberanía indíxena sobre a terra de Palestina.

 Fronte a esta colonización devastadora, podemos inspirarnos en quen demostra eficazmente o que significa ser solidario. Suráfrica levou a Israel ante a Corte Internacional de Xustiza, acusándoo de crime de xenocidio. Os hutís de Iemen apoderáronse de barcos vinculados a Israel no Mar Vermello, negándose a dar marcha atrás ante a agresión encabezada polos EUA contra eles. Activistas en solidariedade con Palestina bloquearon a entrada de barcos israelís a portos de todo o mundo, desde San Francisco até Sídney. A Campaña de Boicot, Desinvestimento e Sancións (BDS), liderada polos propios palestinos e palestinas é máis forte que nunca. Estes son só algúns dos exemplos que podemos aproveitar que avogan pola liberación palestina e recoñecen a causa fundamental que a impide: o colonialismo de asentamento sionista. Debemos seguir mostrando esa solidariedade até que palestinos e palestinas sexan, xunto con todos os pobos colonizados e indíxenas, verdadeiramente libres.

_____________________________________________________________________________

Notas:
[1] Artigo en inglés: https://al-shabaka.org/commentaries/the-continuation-of-zionist-settler-colonialism/

[2] https://www.routledge.com/The-Persistence-of-the-Palestinian-Question-Essays-on-Zionism-and-the-Palestinians/Massad/
p/book/9780415770101

[3] https://doi.org/10.1080/2201473X.2012.
10648833

[4] https://journals.udsm.ac.tz/index.php/

[5] https://www.tandfonline.com/doi/full/10.
1080/14623520601056240

[6] https://cup.columbia.edu/book/nakba/
9780231135795

[7] https://www.badil.org/cached_uploads
/view/2022/10/31/survey2021-eng-166720
9836.pdf

[8] https://muse.jhu.edu/article/576906

[9] https://aiatsis.gov.au/explore/stolen-generations

[10] https://www.aljazeera.com/features/2018/
6/4/the-naksa-how-israel-occupied-the-whole-of-palestine-in-1967

[11] A miña comprensión da soberanía indíxena débese principalmente á dirección intelectual da profesora Chelsea Watego, munanjahli e insular dos Mares del Sur, así como aos seus escritos publicados. También me baseei para este artigo no traballo da profesora de Goenpul Aileen Moreton-Robinson.

[12] https://www.newarab.com/news/netanya
hu-deletes-palestinian-children-darkness-tweet

[13] https://www.middleeastmonitor.com/
20231206-israeli-president-herzog-says-the-war-on-gaza-is-not-only-between-israel-and-hamas-but-it-is-a-war-intended-to-save-western-civilisation/

[14] https://www.aljazeera.com/program/

[15] https://thecradle.co/articles-id/11290

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 2 de maio de 2024]

Volver