Folgas de 1972, un antes e un despois

Manuel Mera -

Destas folgas, ademais da dura represión, hai que destacar que en moi pouco tempo (1975, 1976...), os paros e manifestacións laborais xurdiron con forza e con cadros experimentados na confrontación coa ditadura, o que amosa o grao de conciencia da clase traballadora galega

 O 26 de setembro remataba a folga xeral que paralizou a comarca de Vigo no ano 1972 durante medio mes. Era un paro que viña precedido, ese mesmo ano, pola folga xeral de marzo en Ferrol, cunha participación masiva e duramente reprimida pola ditadura, e no mes de maio polo paro do estaleiro Barreras en Vigo. Ambas as loitas obreiras contaron co apoio solidario do movemento obreiro nesta cidade. Mais a folga xeral de setembro na comarca de Vigo deixou en evidencia que o acontecido en Ferrol non fora algo puntual ou local, e que a represión da ditadura franquista non era abondo para deter as aspiracións de democracia e de mellora nas condicións laborais e de vida.

 A folga xeral de setembro en Vigo comezou na Citroën por iniciativa de CCOO, coa reivindicación de que non se debía traballar os sábados pola tarde. A  dirección respondeu despedindo a cinco traballadores e expedientando a catro membros do Comité, polo que comeza o paro o luns 11 de setembro. Ese mesmo día sumáronse solidariamente Vulcano, Santodomingo, Álvarez, Artiscar e Barreras. Uns 10.000 traballadores/as. O día 15 ás 13 empresas que estaban paradas uníronselles Frigoríficos Vigo, Unión Cristalera, Flex, Carnaud, etc. E no día seguinte facían o propio Talleres Valiño e Procsa, así como Massó de Cangas e Dreslock no Porriño, etc. A esta altura había unhas 27.000 persoas en paro, abranguendo tamén á construción, así como o estudantado.

 Aumentou a represión. A policía tomou as rúas e as portas das empresas. O movemento obreiro optou polo “salto” e a construción de barricadas nas rúas. Era un tipo de loita na que se movía mellor Organización Obreira (OO foi unha escisión do PCE no ano 1971 que se opuña ás políticas do partido de buscar unha saída pactada cos sectores “moderados” do réxime, facendo cesións). Dado a dureza e o numeroso das forzas represivas cos días van caendo detidos activistas e outros pasan á clandestinidade ou foxen. A “secreta” ten como obxectivo neutralizar os dirixentes máis combativos e incómodos. A partir do día 20 a folga comeza a recuar. O venres 22 a policía carga contra unha concentración de folguistas no edificio de “Sindicatos” e na rúa do Príncipe faise unha manifestación solidaria de mulleres. Ese día comezan a chegar as cartas de despedimento, en total foron sobre 6.000. A folga xeral rematou o día 26, cando Vulcano voltou ao traballo. Houbo en total uns 400 despedimentos, ademais dunha morea de detidos e xulgados.

 OO foi a forza de choque, e a represión centrouse neles, tamén estaban as diverxencias internas. Uns pulaban por construír un novo Partido Comunista español integrándose na OMLE, e outros querían potenciar unha organización cunha estrutura exclusivamente nacional galega. Estes últimos, coincidindo neste aspecto coa Unión do Pobo Galego, buscaban a unidade de acción facendo mobilizacións conxuntas en agosto e durante a folga xeral.

 Destas folgas, ademais da dura represión, hai que destacar que en moi pouco tempo (1975, 1976...), os paros e manifestacións laborais xurdiron con forza e con cadros experimentados na confrontación coa ditadura, o que amosa o grao de conciencia da clase traballadora galega. Ademais, as folgas de 1972 foron o agromar dunha nova xeración de dirixentes sindicais e políticos, pola incorporación de moita mocidade. O Pacto pola Liberdade e súa actuación na folga foron unha aposta e unha actitude na conxuntura na que CCOO e o PCE perderon parte do prestixio adquirido durante as décadas anteriores. Un baleiro que en boa medida encheu o nacente sindicalismo nacionalista organizado, primeiro na Fronte Obreira da UPG (1973), logo nos xermes sindicais, e posteriormente no SOG, UTEG, UTBG, UTSG... (antecedentes da CIG). Neste aspecto, no nacional galego, así como no social e democrático, e no salto de conciencia de clase, estas folgas xerais fixeron de 1972 un ano decisivo.

 

[Galiza, 18 de setembro de 2024]

Volver