A derrota española no Rif
Manuel Mera -
O protectorado español no norte de Marrocos abranguía 26.000 quilómetros cadrados e 750.000 habitantes e fora adxudicado, xunto coa zona de Sidi Ifni, unha década antes, logo dun acordo cun troque de territorios en África, entre Alemaña, Francia e a Monarquía española
Neste artigo quero lembrar que o exército español foi derrotado no ano 1921, hai pouco máis dun século, con grandes perdidas en persoal e armamento, en Annual e o Monte Arruit, por tropas bérberes mal armadas que loitaban contra a ocupación e colonización do seu país. Esta guerra converteu en lenda a Abd-el-Krim, que era o líder do levantamento e caid (xuíz) dos Beni Urriaguel desde setembro de 1920, cando morre seu pai. O protectorado español no norte de Marrocos abranguía 26.000 quilómetros cadrados e 750.000 habitantes e fora adxudicado, xunto coa zona de Sidi Ifni, unha década antes, logo dun acordo cun troque de territorios en África, entre Alemaña, Francia e a Monarquía española. O Rif, que forma parte deste territorio, é unha zona montañosa que se estende desde Melilla no leste até a área de Yebala no oeste, e a inmensa maioría da súa poboación é bérber.
O exército español, ao mando de Manuel Fernández Silvestre, iniciou en 1920 unha ofensiva coa pretensión de ampliar os 5.000 quilómetros cadrados que daquela ocupaba efectivamente. Para lograr este obxectivo tiña que acabar coa resistencia bérber, que se centraba fundamentalmente na zona de Alhuceima. A campaña consistiu en varias operacións fixando unha morea de fortíns e dobregando varias cabilas, como a Beni Ulixek, Beni Said e Tensamán; o centro de operacións fixouse en Annual.
A principios de maio de 1921 as tropas españolas cruzaron o río Amerkan e construíron un posto no monte Abarrán. No fortín ficaron 50 soldados españois e 200 policías indíxenas, que foron axiña atacados por rebeldes bérberes aos que se lles uniron algúns policías. A toma do posto militar e as 141 baixas nas tropas españolas alentaron a revolta, polo que os seguidores de Abd-el-Krim pasaron de 3.000 a máis de 11.000 en poucos días.
Silvestre respondeu concentrando as súas tropas en Annual, uns 3.000 soldados españois e 2.000 autóctonos. O 22 de xullo Abd-el-Krim ocupou Igueriben. Ese mesmo día diante do avance de tres columnas, de 2.000 bérberes cada unha, os españois deciden recuar aos fortes de Ben Tieb e Dar-Drius que consideraban máis axeitados para a defensa. As poucas forzas que puideron completar a retirada de Annual, ao mando do xeneral Navarro (segundo no mando; Silvestre morreu nos combates), retrocederon a Dar Drius, e despois cara Barbel e Tistuin. Na marcha, ao chegar ao río Igan, foxen unha parte dos oficiais causando a desbandada dos soldados.
Tras algúns días de marcha o exército chegou ao Monte Arruit, onde Navarro intentou reagrupar a tropa e esperar reforzos de Melilla, algo imposíbel despois da caída de Nador en mans dos bérberes. A resistencia durou até o 9 de agosto de 1921 no que se pactou a rendición a cambio da vida da tropa. Acordo que non foi cumprido polas forzas bérberes que pasaron a coitelo a todos, polo que de 3.000 soldados só sobreviviron 60. Como consecuencia destas derrotas e das que se produciron durante eses días houbo, desde o 16 de xullo até finais de agosto 13.363 mortos por apenas 1.000 das forzas de Abd-el-Krim (expediente Picasso).
Despois destes trunfos realizaron no Rif un Congreso Popular en outono, e o primeiro acordo que adoptaron foi “a proclamación da independencia e a constitución dun goberno republicano, presidido por Mohamed Abd-el-Krim, na súa calidade de dirixente da liberación. A creación dunha Asemblea Nacional integrada por representantes das yemaas, cabilas, ciuj e caídes, que serían a autoridade suprema e acordaron fixar o 15 de Moharram de 1340 (18-09-1921) como día da independencia” (Miguel Martín, El Colonialismo Español en Marruecos, Ruedo Ibérico, 1973).
Anos despois, en 1926, os bérberes do Rif serían derrotados, por tres motivos fundamentais: a división interna por mor di peso que tiña estrutura social tradicional, a falta de alimentos e a incorporación de Francia á loita contra a revolta (despois de que Abd-el-Krim atacase o protectorado francés). En todo caso, malia o fracaso da rebelión, reflectiu que os europeos non eran todopoderosos, con todo o que isto significou para alentar futuras loitas a prol da liberación en todo o norte de África.
[Galiza, 3 de setembro de 2024]