Dez teses sobre a extrema dereita actual

Vijay Prashad -

A extrema dereita actual está a ser cada vez máis aceptada como forza política dada a viraxe dos partidos desde o liberalismo cara ás políticas promovidas pola extrema dereita. Noutras palabras, esta tendencia a inspirarse nas políticas da extrema dereita permitiu que esta se convertese na forza política dominante

 Desde 2016 houbo un desconcerto xeneralizado sobre como entender a aparición de Donald Trump como un candidato serio á presidencia de Estados Unidos. Lonxe de ser un fenómeno illado, Trump ascendeu ao poder xunto a outros “homes fortes” como Viktor Orban (primeiro ministro de Hungría desde 2010), Recep Tayyip Erdoğan (presidente de Turquía desde 2014) e Narendra Modi (primeiro ministro da India desde 2014). Persoas como estas, que chegaron ao poder e alicerzaron o seu dominio a través das institucións liberais, parecen imposíbeis de destituír definitivamente a través das urnas. É evidente que se está producindo unha viraxer á dereita nos Estados democráticos liberais, cuxas constitucións fan fincapé nas eleccións multipartidistas, mentres deixan un baleiro para que se estabelezan gradualmente réximes unipartidistas.

 O concepto de democracia liberal foi e segue a ser unha concepción moi discutida que xurdiu das potencias coloniais europeas e estadounidenses nos séculos XVIII e XIX. As súas reivindicacións de pluralismo interno e tolerancia, Estado de dereito e separación de poderes políticos chegaron ao mesmo tempo que as súas conquistas coloniais e a súa utilización do Estado para manter o poder de clase nas súas propias sociedades. O liberalismo actual non pode conciliarse facilmente co feito de que os países da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) representen o 74,3% do gasto militar mundial.

 Os países con constitucións que salientan as eleccións multipartidistas viron como se instaura gradualmente o que, na práctica, é un réxime de partido único. Este réxime de partido único pode enmascararse ás veces coa existencia de dous ou mesmo tres partidos, agochando o feito de que a diferenza entre estes é cada vez máis insignificante.

 Púxose de manifesto que xurdiu un novo tipo de dereita non só a través das eleccións, senón exercendo o seu dominio nos ámbitos da cultura, a sociedade, a ideoloxía e a economía. Este novo tipo de dereita non está necesariamente preocupada por derrocar as normas da democracia liberal. Isto é o que chamamos “o íntimo abrazo entre o liberalismo e a extrema dereita”, seguindo os escritos do noso defunto colega Aijaz Ahmad.

 A formulación deste “íntimo abrazo” permítenos comprender que non existe necesariamente unha contradición entre o liberalismo e a extrema dereita e que, de feito, o liberalismo non é un escudo contra a extrema dereita, nin moito menos o seu antídoto. Catro elementos teóricos son clave para entender este “abrazo íntimo” e o xurdimento desta extrema dereita actual:

  1. As políticas neoliberais de austeridade en países con institucións electorais liberais acabaron cos plans de benestar social que permitiran a existencia das sensibilidades liberais. A incapacidade dos Estados para se ocupar da xente pobre converteuse en dureza e crueldade cara a eles.
  2. Sen un compromiso serio co benestar social e os programas de redistribución, o propio liberalismo derivou cara ao mundo das políticas de extrema dereita. Estas inclúen un maior gasto no aparello represivo interno que vixía os barrios da clase traballadora e as fronteiras internacionais, xunto cunha distribución cada vez máis avara dos bens sociais, que só se distribúen se quen os recibe acepta condicións que o desposúe dos seus dereitos humanos básicos (por exemplo, “aceptando” o uso obrigatorio de métodos anticonceptivos).
  3. Neste terreo, a extrema dereita actual está a ser cada vez máis aceptada como forza política dada a viraxe dos partidos desde o liberalismo cara ás políticas promovidas pola extrema dereita. Noutras palabras, esta tendencia a inspirarse nas políticas da extrema dereita permitiu que esta se convertese na forza política dominante.
  4. Por último, as forzas políticas do liberalismo e a extrema dereita uníronse globalmente para reducir o control da esquerda sobre as institucións. A extrema dereita e os seus homólogos liberais non teñen diferenzas económicas fundamentais con respecto á clase. Nos países imperialistas, existe unha gran confluencia de puntos de vista sobre o mantemento da hexemonía estadounidense, a hostilidade e o desprezo cara ao Sur Global, e un crecente nacionalismo exacerbado, como o demostra o apoio militar sen concesións ao xenocidio que Israel está a levar a cabo contra o pobo palestino.

 Tras a derrota do fascismo italiano, alemán e xaponés en 1945, os analistas occidentais preocupáronse pola incubación da extrema dereita nas súas sociedades. Entrementres, a maioría dos marxistas recoñeceron que a extrema dereita non xurdira da nada, senón das contradicións do propio capitalismo. O colapso do Terceiro Reich foi só unha fase da historia da extrema dereita e do desenvolvemento do capitalismo: volvería xurdir, se cadra con outras roupaxes.

 En 1964, o marxista polaco Michał Kalecki escribiu un interesante artigo titulado «Faszyzm naszych czasów» [O fascismo do noso tempo]. Nese ensaio, Kalecki afirmaba que os novos tipos de grupos fascistas que xurdían nese momento apelaban “aos elementos reaccionarios das amplas masas da poboación” e estaban “subvencionados polos grupos máis reaccionarios do mundo das grandes empresas”. Con todo, Kalecki observou que “a clase gobernante considerada no seu conxunto, mesmo cando non acariña a idea de que os grupos fascistas tomen o poder, non fai esforzo ningún por suprimilos e limítase a reprendelos polo seu entusiasmo esaxerado”. Esta actitude persiste hoxe en día: a clase dominante no seu conxunto non teme o ascenso destes grupos fascistas, senón só o seu comportamento “excesivo”, mentres que os sectores máis reaccionarios do gran capital continúan apoiándoos financeiramente.

 Unha década e media máis tarde, cando Ronald Reagan parecía estar a piques de se converter en presidente dos Estados Unidos, Bertram Gross publicou Friendly Fascism: The New Face of Power in America [Fascismo amigábel: a nova cara do poder nos Estados Unidos] (1980). Este libro inspirábase libremente en The Power Elite [A elite do poder] (1956) de C. Wright Mills e Monopoly Capital: An Essay on the American Economic and Social Order [O capital monopolista: un ensaio sobre a orde económica e social norteamericana] (1966) de Paul A. Baran e Paul M. Sweezy. Gross argumentaba que, dado que as grandes empresas monopolísticas estrangularan as institucións democráticas en Estados Unidos, a extrema dereita non necesitaba botas militares e esvásticas: esta orientación chegaría a través das propias institucións da democracia liberal. Quen necesita tanques cando tes os bancos para facer o traballo sucio?

 As advertencias de Kalecki e Gross lémbrannos que a intimidade entre o liberalismo e a extrema dereita non é un fenómeno novo. Xorde das raíces capitalistas do liberalismo: este nunca ía ser outra cousa que a cara amábel da brutalidade inherente ao capitalismo.

 Os liberais utilizan a palabra “fascismo” para se distanciar da extrema dereita. Este uso do termo é máis moralista que preciso, xa que nega a intimidade entre os liberais e a extrema dereita. Para iso, formulamos dezs tese sobre esta extrema dereita actual, que esperamos que susciten a discusión e o debate. Trátase dunha declaración provisional, un convite ao diálogo.

 Primeira tese. A extrema dereita actual utiliza os instrumentos democráticos na medida do posíbel. Acredita no proceso coñecido como a “longa marcha a través das institucións”, mediante o cal constrúe pacientemente o poder político e sitúa os seus cadros nas institucións permanentes da democracia liberal, desde onde introducen as súas ideas no pensamento dominante. As institucións educativas tamén son chave para a extrema dereita actual, xa que determinan os plans de estudo dos estudantes nos seus respectivos países. Non é necesario que esta extrema dereita actual deixe de lado estas institucións democráticas mentres proporcionen o camiño cara ao poder non só sobre o Estado, senón sobre a sociedade.

 Segunda tese. A extrema dereita actual está a impulsar o desgaste do Estado e transferindo as súas funcións ao sector privado. Nos Estados Unidos, por exemplo, a súa inclinación á austeridade está a contribuír a diminuír a cantidade e calidade dos traballadores públicos en funcións estatais básicas, como o Departamento de Estado estadounidense. Moitas das funcións de tales institucións, agora privatizadas, desenvólvense baixo os auspicios de organizacións non gobernamentais dirixidas por capitalistas multimillonarios de recente aparición, como Charles Koch, George Soros, Pierre Omidyar e Bill Gates.

 Terceira tese. A extrema dereita actual utiliza o aparello represivo do Estado até o límite do legalmente permitido para silenciar os seus críticos e desmobilizar os movementos de oposición económica e política. As constitucións liberais ofrecen unha ampla permisividade para este tipo de uso, que as forzas políticas liberais aproveitaron ao longo do tempo para sufocar calquera resistencia da clase traballadora, o campesiñado e a esquerda.

 Cuarta tese. A extrema dereita actual inocula unha dose homeopática de violencia na sociedade, a través dos elementos máis fascistas dentro da súa coalición política para crear medo, mais non dabondo como para volver ao pobo na súa contra. A maioría das persoas de clase media en todo o mundo buscan a comodidade e moléstanlles os problemas derivados das mobilizacións, disturbios, etc. Con todo, en ocasións, un asasinato dun dirixente sindical ou unha ameaza a un xornalista non se atribúen á extrema dereita actual, que adoito se apresura a negar calquera asociación directa cos grupos fascistas marxinais (que, así e todo, están vinculados organicamente á extrema dereita).

 Quinta tese. A extrema dereita actual ofrece unha resposta parcial á soidade que impregna o tecido da sociedade capitalista avanzada. Esta soidade provén da alienación xerada polas condicións laborais precarias e as longas xornadas de traballo, que corroen a posibilidade de construír unha comunidade e unha vida social vibrantes. Esta extrema dereita non constrúe unha comunidade real, agás na súa relación parasitaria coas comunidades relixiosas. No seu lugar, desenvolve a idea de comunidade, a través de Internet, de mobilizacións masivas de individuos ou comunidade a través de símbolos e xestos compartidos. A inmensa arela de comunidade é aparentemente resolta pola extrema dereita, mentres que a esencia da soidade se transforma en carraxe en lugar de amor.

 Sexta tese. A extrema dereita actual utiliza a súa proximidade aos conglomerados mediáticos privados para normalizar o seu discurso, e a súa proximidade aos propietarios das redes sociais para aumentar a aceptación social das súas ideas. Este discurso altamente axitador crea un frenesí que mobiliza a sectores da poboación, xa sexa en liña ou nas rúas, para participar en mitins onde, con todo, seguen sendo individuos e non membros dun colectivo. O sentimento de soidade xerado pola alienación capitalista mitígase momentaneamente, pero non se supera.

 Sétima tese. A extrema dereita actual é unha organización tentacular, coas súas raíces esparexidas por diversos sectores da sociedade. Opera onde queira que se reúna o pobo, xa sexa en clubs deportivos ou organizacións benéficas. O seu obxectivo é construír unha base de masas na sociedade arraigada na identidade maioritaria dun lugar determinado (xa sexa a raza, a relixión ou o sentido nacionalista), marxinando e demonizando a calquera minoría. En moitos países, esta extrema dereita apóiase en estruturas e redes relixiosas para afianzar cada vez máis profundamente unha visión conservadora da sociedade e a familia.

 Oitava tese. A extrema dereita actual ataca as institucións de poder que son o fundamento mesmo da súa base sociopolítica. Crea a ilusión de ser popular, cando en realidade está profundamente vinculada cos intereses da oligarquía. Crea a ilusión de ser plebea desenvolvendo unha forma moi masculina de hipernacionalismo, cuxa decadencia se reflicte na súa fea retórica. Esta extrema dereita susténtase na forza testosterónica deste hipernacionalismo, ao mesmo tempo que exhibe vitimismo fronte ao poder.

 Novena tese. A extrema dereita actual é unha formación internacional, organizada a través de diversas plataformas como O Movemento de Steve Bannon (con sede en Bruxelas), o Foro de Madrid do partido Vox (con sede en España) e a Fundación Fellowship anti-LGBTQ+ (con sede en Seattle, Washington). Estes grupos están arraigados nun proxecto político no mundo atlántico que potencia o papel da dereita no Sur Global e proporciónalles os fondos para difundir as súas ideas dereitistas en lugares onde teñen pouco arraigo. Crean novos “problemas” onde antes non existían a esta escala, como a fanfurriñada sobre a sexualidade en África oriental. Estes novos “problemas” debilitan os movementos populares e reforzan o control da dereita sobre a sociedade.

 Décima tese. Aínda que a extrema dereita actual se presente como un fenómeno global, existen diferenzas en como se manifesta nos principais países imperialistas versus o Sur Global. No Norte Global, tanto os liberais como a extrema dereita defenden enerxicamente os privilexios obtidos mediante o saqueo durante os últimos 500 anos –a través dos seus medios militares e doutro tipo–, mentres que no Sur Global a tendencia xeral entre todas as forzas políticas é estabelecer a soberanía.

 A extrema dereita actual está a xurdir nun período definido como hiperimperialismo para enmascarar a realidade dun poder espantoso e finxir que se preocupa polos individuos illados aos que, en cambio, prexudica. Coñece ben a tolemia humana e aprovéitase dela.

 

[Artigo tirado do sitio web The Tricontinental, do 15 de agosto de 2024]

Volver