Desestimada a demanda da CUT por vulneración do seu dereito á liberdade sindical na CRTVG

Tivo de retirala porque non acreditou acordo para ‘premiar’ outros sindicatos con horas sindicais

Nacional -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou sentenza, o pasado 26 de xullo, pola que desestima a demanda interposta pola CUT contra a CRTVG por suposta vulneración do seu dereito á liberdade sindical, ao reducir o crédito horario en vigor desde 2015 coa finalidade, segundo este sindicato, de o represaliar e silenciar a súa acción sindical “especialmente combativa”. Xunto coa  dirección da CRTVG, a CUT demandou á CIG e aos restantes sindicatos con representación na canle pública insinuando un acordo coa empresa para “os premiar e sobre representar”.

Canto á demanda contra A CIG e as restantes seccións sindicais, a propia CUT viuse forzada na fase de conclusións do xuízo a retirala, unha vez que era evidente que estabamos ante unha “práctica da empresa”, como recolle o fundamento xurídico segundo da sentenza, e non dun acordo entre os demais sindicatos e a empresa como alegaba a CUT.

A sentenza di que non se acredita, nin sequera indiciariamente, unha especial combatividade da CUT que moleste á empresa

 Na contestación á demanda da CUT, a CIG alegou “falta de lexitimación pasiva” ou, subsidiariamente, a absolución das pretensións que se formulaban contra ela, en primeiro lugar porque non foi responsábel ou partícipe baixo ningún concepto pola decisión empresarial cuestionada. En segundo lugar, porque no 25 de xaneiro de 2021 a CIG, CCOO e a CUT, dirixiron á empresa unha proposta conxunta de reparto do crédito horario adicional baixo criterios estritamente proporcionais, proposta que non foi aceptada pola empresa. Este feito tan relevante foi omitido na demanda da CUT.

Sobre os feitos da demanda, a CIG negou a veracidade dos mesmos, do primeiro ao oitavo, non sendo os restantes propiamente feitos, senón opinións o consideracións xurídicas que a CIG negou expresamente. Nomeadamente, en relación ao sistema de crédito horario de xuño de 2015, que a CUT pretendía que  se declarase en vigor, a CIG desmentiu o seu carácter proporcional, xa que en realidade era un sistema que premiaba as maiorías e beneficiaba desproporcionadamente á CUT. A consecuencia era que a CUT estaba bonificada cun crédito adicional do 88,61% sobre o legal, mentres que o de CCOO representaba o 66,67% e o da CIG non chegaba ao 46%.

Usurpación das actuacións do Comité Intercentros

A CIG tamén desmentiu as afirmacións que se conteñen no feito décimo oitavo da demanda sobre a CUT ser o único sindicato que presenta demandas contra a empresa ou mantén unha actitude crítica. A CIG presentou exemplos de actuacións que desenvolveu, en solitario ou conxuntamente con outros sindicatos, que demostran a existencia dunha conflitividade importante coa CRTVG. Ademais, a CIG alegou que na demanda a CUT se atribuíu actuacións xudiciais do Comité Intercentros usurpando as accións deste órgano que se levan por quendas entre os sindicatos, de modo que unhas veces lles tocan a CUT e outras á CIG ou a outros sindicatos.

Sobre a conflitividade na empresa argumentado na demanda, o fundamento xurídico quinto da sentenza é concluínte e afirma literalmente que “non se acredita, nin sequera indiciariamente, unha especial combatividade da CUT que moleste á empresa, estamos ante cinco sindicatos de clase que teñen as súas propias estratexias sindicais pero que coinciden en moitas das accións colectivas (mesmo xurisdicionais)”.

Volver