Denuncian despidos inxustificados, deterioro das condicións laborais, presións e falta de persoal en Media Markt Vigo

A CIG e CCOO rexeitan que a empresa aplique a reforma laboral para substituír emprego a tempo completo por contratos por horas

Vigo -

Os delegados/as sindicais da CIG e de CCOO no comité de empresa de Media Markt en Vigo denuncian despidos inxustificados, deterioro das condicións laborais, presións e falta de persoal. Ascen trais censuran que a empresa estea a aplicar a última reforma laboral do PP para substituír emprego a tempo completo por contratos por horas.

A representación do cadro de persoal de Media Markt en Vigo vén de alzar a voz para denunciar o crecente deterioro das condicións laborais na empresa, “coa obriga de traballar domingos e de facer horas extraordinarias”, até o punto de que en moitos casos os empregados/as descoñecen o seu propio horario laboral un día antes de comezar a xornada.

A isto hai que sumar que a dirección estea a aproveitar a última reforma laboral do PP para despedir traballadores/as vinculados/as á compañía dende a apertura da tenda viguesa que teñen contratos a xornada completa “ao tempo que contratan novo persoal por horas”.

Dende a CIG e CCOO critican a situación de indefensión que padecen os traballadores/as pola actitude da dirección e denuncian a existencia de “ameazas constantes de despedimento” para que o persoal non proteste ante o deterioro das condicións de traballo. “Esta empresa, que dende os medios de comunicación presume de modelo empresarial e motor de crecemento, esconde detrás unha volta ás condicións laborais do século XIX”, sosteñen.

Volver