Carlos Alján elixido secretario nacional de CIG-Servizos no seu IX Congreso
Renovouse a Executiva, escolleuse a representación da federación no Consello Confederal e definíronse as liñas de traballo para os vindeiros catro anos
Nacional -
A CIG-Servizos celebrou esta mañá o seu IX Congreso, ao que concorreu unha única candidatura encabezada por Carlos Alján, que foi elixido secretario nacional con xxx votos, xxx brancos e xxx nulos, en substiución de Transi Fernández, á que se lle recoñeceu e agradeceu o traballo feito durante este período. As e os delegados aprobaron ademais o Informe de Xestión da Executiva e máis os relatorios nos que se marcan as liñas de traballo que guiarán a acción sindical da federación nos próximos catro anos.
A Executiva federal recibiu o apoio de xxx votos, xxx brancos e xxx nulos e queda conformada por:
Carlos Alján Collazo
Beatriz López Valdés
Roberto Xermán Pérez Vila
Dolores Calderón Blanco
Rubén Duruelo Cuerdo
Aurora María Vázquez Méndez
Pedro Pérez Caride
María Cristina Martínez Padín
Martín Caamaño Santamaría
Representarán no Consello Confederal á federación:
Carlos Alján Collazo
Beatriz López Valdés
Iván Veiga Pérez
Aida Vázquez Varela
Rocío Quintela Castro
Leonardo Benítez Cangini
Raquel Rodríguez Calvo
Mª do Tránsito Fernández Fernández
Pedro Pérez Caride
Aurora María Vázquez Méndez
María Cristina Martínez Padín
Roberto Alonso Iglesias
Ana Domato Zas
Mobilización contra a precariedade
No seu discurso no acto de clausura, Carlos Alján, recoñeceu o traballo da executiva saínte, cunha mención especial á secretaria anterior, Transi Fernández, á que lle transmitiu "o respecto de todos" por axudar a construír o que hoxe é "a máis grande e importante federación de toda a central sindical".
O recén elixido secretario nacional fixou a súa atención nos retos do sector Servizos, ao que definiu como o epicentro da "precarización salvaxe que o capital quere impor", con "contratos lixo, xornadas eternas, salarios que non chegan a fin de mes e persecución sindical". Criticou ás empresas que "operan en Galiza só para sacar beneficios e marchar, deixando miseria detrás", e aos gobernos por "mirar para outro lado e lexislar a favor da patronal".
Comprometeu o apoio total da federación aos conflitos abertos en residencias, centros de día e axuda no fogar para "dignificar o sector dos coidados", e anunciou un traballo intenso na negociación de multitude de convenios. Nese sentido, afirmou que “temos que volver ás rúas, xa que sen conflito non hai avances, sen loita non se conquistan novos dereitos. Todo o que temos foi arrincado con mobilización. Ese é o noso camiño: sen loita non hai futuro".
Un sindicalismo que pise a fábrica
Alján defendeu un modelo de sindicalismo presente nos centros de traballo, considerando que "un sindicalismo que non pisa as fábricas, os comercios, as oficinas, é un sindicalismo baleiro” e afirmou que “nós non vimos aquí a xestionar miserias, vimos a organizar dignidade".
Ante os retos futuros como a dixitalización, alertou de que o capital quere usala como "arma para precarizar máis e illar" ás traballadoras, e afirmou que os avances tecnolóxicos deben estar "ao servizo das persoas e non de engordar os petos da patronal".
O novo secretario nacional concluíu facendo un chamamento a "fortalecer a nosa propia organización" con "máis afiliación, máis mocidade e máis mulleres asumindo responsabilidades" para garantir forza e continuidade e comprometéndose a "traballar duro e estar sempre dispoñíbel", confiando na rede "viva e combativa" da federación. "Non prometo facilidades, prometo traballo, compromiso e loita", dixo.
Sen conflito, non hai dereitos
Antes de parabenizar á nova dirección da CIG-Servizos, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quixo recoñecer e agradecer o traballo desenvolvido por Transi Fernández. Ás delegadas e delegados asistentes lembroulles que o congreso é unha posta a punto da federación para que “siga sendo o instrumento da loita, fundamental, nun momento tan crítico para a clase traballadora, especialmente nun sector tan precarizado como o de servizos.
Considerou precisamente na negociación colectiva a loita esencial e puxo como exemplo a resposta histórica das traballadoras d eresidencias e do SAF. “Unha fonte d einspiración” dixo, “da necesidade de combater a precariedade, a explotación e ao abuso ao traballo das mulleres”.
Carril conluíu afirmando que “o conflito é a solución” e advertindo de que “sen conflito non temos posibilidade de avanzar en dereitos”. Un conflito que “debe transcender da nosa empresa, dos nosos centros de traballo, e que como compromiso militante debe facer que nos involucremos na transformación da realidade”.
Primeira forza sindical
O Informe de Xestión da Executiva saínte foi aprobado por xxx, xxx e xxx e salienta a consolidación da CIG-Servizos como primeira forza sindical, superando a UGT e CCOO, cun medre parello de afiliación. Un éxito que é froito “da nosa capacidade de mobilización, presente en conflitos de grande impacto nos sectores de coidados, limpeza e comercio”, resultado do “traballo constante das nosas delegadas e delegados”, matiza.
O Informe ten en conta que os últimos catro anos estiveron marcados por unha profunda crise económica, sanitaria e social que impactou duramente á clase traballadora galega. Apunta ademais que a saída da pandemia coincidiu cunha inflación descontrolada (2022-2023), impulsada por conflitos bélicos, políticas antisociais da UE e do Estado español, e a especulación empresarial, que xerou beneficios récord para grandes corporacións mentres empobrecía á clase traballadora.
Denuncia ademais, que a reforma laboral de 2021 (PSOE-SUMAR) consolidou a precariedade laboral con fórmulas como os contratos fixo-descontinuos, incrementando a inestabilidade en sectores feminizados como comercio, hostalaría, limpeza e coidados, o que agravou a desigualdade salarial e de pensións, especialmente para as mulleres.
Analiza tamén como a inflación disparou os prezos de produtos básicos (electricidade, carburantes, alimentación), reducindo drasticamente o poder adquisitivo das familias. Os salarios apenas se actualizaron, e a negociación colectiva estivo bloqueada pola patronal en moitos sectores. A especulación no alugueiro nas cidades galegas (Vigo, A Coruña, Compostela) provocou exclusión social e emigración xuvenil. O sistema de servizos sociais, desmantelado polo PP na Xunta, mostrou graves carencias, con listas de espera en dependencia, insuficiencia de prazas en residencias e precariedade no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), onde as empresas priorizan beneficios sobre a calidade e as condicións laborais.
Fronte a isto, a CIG-Servizos respondeu con organización, mobilización e propostas como un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas. A federación mantivo unha loita constante por convenios dignos, enfrontándose a patronais intransixentes e a sindicatos como CCOO e UGT, que priorizan o "diálogo social". Destacan as folgas no SAF, residencias privadas, limpeza (Lugo, Coruña, Pontevedra) e comercio de alimentación (Pontevedra, Ourense), que lograron avances laborais. A CIG-Servizos aposta, ademais, por convenios galegos, aproveitando a reforma que dá prevalencia aos acordos autonómicos, para mellorar condicións en sectores como comercio, hostalaría e limpeza.
Sindicalismo combativo e de clase
Entre os retos sinalouse reforzar a militancia, manter o liderado nas eleccións sindicais, potenciar a formación, garantir a igualdade de xénero, consolidar o uso do galego e manter a independencia económica. Na negociación colectiva, apuntouse o modelo de confrontación e participación como clave para avanzar en dereitos e salarios, consolidando a CIG-Servizos como referencia na defensa da clase traballadora galega cara a unha Galiza ceibe, socialista e sen explotación.
Para iso, no relatorio de Organización e de Acción sindical -que recibiu xxx votos, xxx votos e xxx votos- márcanse as liñas de traballo para acadar eses retos: apóstase por un sindicalismo combativo, de clase e nacional, sustentado na militancia activa; na organización das seccións sindicais; na consolidación da afiliación e na formación ideolóxica. Refórzase o compromiso coa igualdade de xénero, coa defensa do galego e cun modelo sindical alternativo ao pactismo dos sindicatos estatais, coa finalidade de avanzar cara a unha Galiza soberana e socialista.