Concentración no Hotel Plaza da Coruña pola readmisión das traballadoras despedidas

CIG-Servizos reclámalle á empresa que abandone a política de externalización de departamentos

A Coruña -

A CIG-Servizos desenvolveu este venres unha concentración diante do Hotel Plaza da Coruña para demandar a readmisión das traballadoras despedidas, o cese da política de acoso contra o persoal e esixir á dirección que abandone a política de externalización de departamentos. A protesta realizou diante das portas de entrada do estabelecemento hoteleiro, na céntrica zona de Catro Camiños.

A Federación de Servizos da CIG enmarca estes despedimentos na política de persecución contra as traballadoras que está aplicando a empresa por teren reclamado os seus dereitos. Unha persecución que comezou pouco despois da celebración das eleccións sindicais no hotel en marzo do ano pasado (nas que a central nacionalista obtivo a representación) e o inicio de actuacións para esixir o cumprimento dos calendarios de descanso semanais e de traballo, vacacións e días festivos.

Porén, a empresa, en vez respectar a legalidade "aplica unha política encamiñada a deteriorar as condicións de traballo e a represaliar as traballadoras". Tanto que entre as súas medidas optou por despedir a sete traballadoras e externalizar o departamento de pisos, restauración e cociña.

Diante desta situación, acordouse convocar esta primeira mobilización ás portas do Hotel e non se descarta seguir coas protestas mentres a empresa non recúe nas súas medidas.

Volver