As traballadoras do SAF de Muxía advirten que os problemas na organización continúan e reclaman actuacións das administracións

Alertan de cambios continuos de persoal e dos horarios de atención, tempos de desprazamento insuficientes ou modificacións unilaterais nos calendarios laborais

Muxía -

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Muxía advirten da situación que atravesa este servizo público esencial desde a entrada da actual empresa concesionaria, AO Mayores Servicios Sociales, e que afecta tanto ás condicións laborais como á calidade da atención que se presta ás persoas usuarias.

Durante os últimos meses, o persoal mantivo numerosas reunións coa empresa e co Concello de Muxía para abordar os problemas e presentou diversas reclamacións diante da Inspección de Traballo. Porén, “a día de hoxe, boa parte das deficiencias continúan sen resolverse, a pesar das actuacións realizadas e do requirimento efectuado pola propia Inspección”.

Entre outras cuestións, as traballadoras critican a deficiente organización do servizo “que provoca cambios continuos de auxiliares, modificacións frecuentes dos horarios e dificultades para garantir a continuidade dos coidados, sendo este un aspecto fundamental para persoas que precisan atención diaria e unha relación de confianza coa profesional que as atende”.

Ao mesmo tempo, explican que as auxiliares do SAF están desenvolvendo o seu traballo con planificacións que cambian de maneira constante, tempos de desprazamento insuficientes para a realidade do rural “e unha presión diaria para cumprir horarios dificilmente compatíbeis coa atención que merecen as persoas usuarias”.

A maiores, rexístranse continuas incidencias relacionadas coa organización da xornada, modificacións unilaterais dos calendarios laborais, a falta de transparencia na xestión do servizo e outros incumprimentos “aos que non se lles dá unha solución efectiva”.

Control das administracións

O colectivo de traballadoras incide en que coas súas reivindicacións non buscan unicamente mellorar as condicións laborais, senón “que defendemos un modelo de coidados no que as persoas usuarias reciban unha atención estábel, continuada e de calidade”.

Para acadar este obxectivo resulta imprescindíbel que as administracións públicas exerzan as súas funcións de control sobre un servizo financiado con fondos públicos. “O Concello de Muxía, como administración contratante, e a Xunta de Galiza, como responsábel do sistema público de atención á dependencia, deben garantir que o servizo se preste nas condicións de calidade e respecto aos dereitos laborais que esixe a normativa”, aseveran.

A este respecto, as traballadoras reiteran que seguirán colaborando con todas as institucións competentes e utilizando as vías legais que sexan precisas para defender un servizo público de calidade, “porque reclamar condicións laborais dignas tamén significa defender unha atención digna para as persoas que máis o necesitan”.

Volver