Como non medir a pobreza

Prabhat Patnaik -

A forma de medir a pobreza por parte do Banco Mundial non fai referencia á situación dos activos das persoas, o cal é unha omisión particularmente maiúscula baixo o capitalismo neoliberal, cando é rampante o proceso de acumulación primitiva do capital, é dicir, da desposesión das persoas dos seus activos

 Varias organizacións internacionais dedícanse agora a medir o que denominan a «pobreza». O Banco Mundial faino desde hai tempo, pero agora temos unha nova forma de medir a «pobreza multidimensional» elaborada polo Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) e a Iniciativa de Pobreza e Desenvolvemento Humano de Oxford (OPHI, polas súas siglas en inglés). Con todo, ningunha delas miden en realidade a pobreza, senón que polo xeral acaban «embelecendo» o capitalismo neoliberal. De feito, a proporción de poboación mundial que, segundo cálculos do Banco Mundial, vive nunha «pobreza extrema» (isto é, por baixo dun gasto diario per capita de 1,90 dólares ao tipo de cambio de paridade do poder adquisitivo de 2011) diminuíu desde un 30% a finais da década de 1990 a menos dun 10% en 2022, o que suxire que baixo o capitalismo neoliberal «sacou da pobreza a millóns de persoas». Vexamos por que este tan citado cómputo do Banco Mundial é erróneo conceptualmente.

 A forma de medir do Banco Mundial ten tres problemas básicos: en primeiro lugar, non fai referencia á situación dos activos dunha persoa, senón unicamente á súa situación respecto dos seus ingresos; en segundo lugar, toma o gasto como substituto dos ingresos; e en terceiro lugar, para medir o gasto real utiliza un índice de prezos que calcula moi á baixa o aumento real do custo da vida. Por tanto, as cifras que obteñen son enormemente erróneas. Examinemos cada un destes puntos.

 Calquera medición coherente da pobreza debe ter unha dimensión de «fluxo» que cubra, por exemplo, os ingresos, e unha dimensión de «reserva» que cubra a propiedade de activos. Ambas as dimensións son importantes. Por exemplo, se unhas persoas teñen os mesmos ingresos reais entre dúas datas, pero perderon todos os seus activos nunha data posterior, sería un engano non considerar que se empobreceron. Con todo, a forma de medir do Banco Mundial non fai referencia á situación dos activos das persoas, o cal é unha omisión particularmente maiúscula baixo o capitalismo neoliberal, cando é rampante o proceso de acumulación primitiva do capital, é dicir, da desposesión das persoas dos seus activos. É tremendamente irónico afirmar que «se sacou da pobreza a millóns de persoas» cando se produce unha desposesión desenfreada.

 En segundo lugar, esta forma de medir nin sequera inclúe os ingresos reais, xa que a maioría dos países, incluída A India, non dispoñen de datos sobre os ingresos; ademais, os «ingresos» é unha entidade complexa conceptualmente, de xeito que, en xeral, se toma o gasto, sobre o que é máis fácil dispoñer de datos e é unha entidade conceptualmente máis simple, como substituto dos ingresos.

 Pero isto fai que sexa aínda máis imperdoábel ignorar a situación dos activos netos dunha persoa. Mesmo cando diminúen os ingresos das persoas, poden manter o nivel de gastos anterior reducindo os seus activos ou pedindo prestado. Sería absurdo concluír diso que as persoas concernidas non se empobreceron porque os seus gastos non cambiaron: de feito, tanto en termos de fluxo, é dicir, ingresos, como en termos de reservas, é dicir, activos netos, é indubidábel que estas persoas se empobreceron, pero a medida baseada nos gastos mostraría que estas persoas están no mesmo nivel que antes.

 En terceiro lugar, mesmo en países como A India, sobre os que dispoñemos de datos sobre o gasto monetario dos fogares grazas a minuciosas enquisas por mostraxe realizadas periodicamente, a medición do gasto real é enormemente errónea, xa que o índice de prezos utilizado para deflactar este gasto nominal calcula moi á baixa o aumento real do custo da vida. O índice de prezos utilizado é unha media ponderada dos prezos relativos individuais dun grupo de produtos básicos que se consomen no ano base, o cal é erróneo, porque se producen cambios importantes na composición da cesta de consumo tras o ano base debido á non dispoñibilidade de bens do ano base; non se recoñecen os efectos dos devanditos cambios.

 Por exemplo, baixo o neoliberalismo a privatización dunha serie de servizos, como a educación e a sanidade, que antes prestaban institucións públicas, é un fenómeno común que eleva enormemente o que estes servizos custan á poboación; mais o índice de prezos non o reflicte. Por exemplo, se unha operación cirúrxica nun hospital público que custaba 1.000 rupias no ano base agora custa 2.000 rupias, o índice de prezos considerará que os custos sanitarios se duplicaron, pero o índice de prezos non reflicte o feito de que a cantidade de operacións cirúrxicas realizadas no hospital público non variou ou mesmo diminuíu, polo que a poboación se ve obrigada a acudir a hospitais privados, onde a mesma intervención custa 10.000 rupias. En resumo, o custo da vida real aumentou moito máis do que mostra o índice de prezos que se utiliza para deflactar o gasto nominal e obter o gasto «real». Por conseguinte, a deflación por medio do índice de prezos oficial esaxera a mellora do nivel de vida da poboación e, por tanto, calcula moi á baixa a pobreza.

 Cando o aumento do custo da vida fai difícil chegar a fin de mes, a poboación adáptase polo menos de dúas formas distintas: en primeiro lugar, reducindo os seus activos ou aumentando a súa débeda e, en segundo lugar, cambiando a súa forma de consumo de xeito que se dá prioridade aos artigos considerados «esenciais» sobre outros artigos considerados menos esenciais. O aumento do custo da atención sanitaria ou das necesidades educativas das e os nenos provocou ambos os axustes na India: houbo un importante empeoramento da posición dos activos netos dos fogares indios, sobre todo nas zonas rurais; e tamén se reduciu a inxesta nutricional dos fogares na crenza (errónea) de que aforrar na inxesta non ten demasiada importancia.

 Ao comparar o Estudo sobre Débeda e Investimento en Toda India de 2019 (que ofrece información até finais de xuño de 2018) co Estudo sobre Débeda e Investimento Rural en Toda India (AIRDIS, polas súas siglas en inglés) de 2013 (que ofrece información até finais de xuño de 2012), compróbase o seguinte (todas as comparacións son de cifras «reais» fronte a nominais, que foron deflactadas polo índice de prezos por xunto): primeiro, un 11% máis de fogares rurais estaban endebedados nesta última data; segundo, o importe medio da débeda por fogar rural endebedado aumentou un 43% nesta última data; terceiro, o valor medio dos activos por fogar cultivador diminuíu un 33% entrambas as datas e no caso dos fogares non cultivadores, un 1%.

 A situación é moi similar na India urbana. Houbo un descenso do valor medio dos activos por fogar (29% para os fogares con empregos autónomos e 3% para os demais); e mentres que a porcentaxe de fogares endebedados se mantivo máis ou menos igual que antes, o importe medio da débeda por fogar endebedado aumentou un 24% entrambas as datas. Noutras palabras, é indubidábel que na maioría dos fogares indios diminuíron considerabelmente os activos netos.

 Tamén se produciu o segundo tipo de axuste. A proporción da poboación rural que non ten acceso a 2.200 calorías por persoa e día aumentou do 58% ao 68% entre 1993-94 e 2011-12; a proporción na India urbana que non ten acceso a 2.100 calorías (o punto de referencia correspondente utilizado pola antiga Comisión de Planificación) aumentou do 57% ao 65% entrambas as datas. Os resultados de 2017-18 da Enquisa Nacional por Mostraxe foron tan desalentadores (posto que mostraban un descenso do gasto real en todos os bens e servizos) que o goberno da Alianza Nacional Democrática os retirou rapidamente do dominio público. A partir de calquera dato dispoñíbel antes de que o retirasen (e supoñendo que o custo real dos alimentos por unidade de nutrientes se mantivo sen cambios) resulta que, mentres que a porcentaxe urbana era máis ou menos o mesmo que en 2011-12, a porcentaxe rural aumentara a bastante máis do 80% (tomamos estas cifras do libro sobre a pobreza de Utsa Patnaik, que se publicará proximamente).

 En contraste con esta desoladora realidade, a forma de medir a «pobreza extrema» do Banco Mundial que, como xa mencionamos, toma como definición un gasto diario inferior a 1,90 dólares (ao tipo de cambio de paridade do poder adquisitivo de 2011), mostra un descenso no caso da India de ao redor desde o 12% en 2011-12 (un cálculo moi á baixa) a só o 2% en 2022-23; por outra banda, o criterio do Banco Mundial de 1,90 dólares implica unha liña de pobreza en rupias de ao redor de 53 rupias ao día para cubrir todos os gastos. O criterio do Banco Mundial provén da media realizada por varios gobernos de países pobres (sempre baixo a dirección do Banco) no seu cálculo da liña de pobreza; non é unha medida á parte calculada de forma independente. Adoece de exactamente os mesmos defectos (como calcular á baixa o aumento do custo da vida no índice de prezos utilizado para deflactar o gasto nominal) dos que adoecen os cálculos oficiais da pobreza destes países. En efecto, o Banco Mundial dá o visto e prace á propaganda de varios gobernos do terceiro mundo acerca de como reduciron ou eliminaron a pobreza.

 Por conseguinte, toda a leria acerca de que «se sacou a millóns de persoas da pobreza» non é senón unha broma cruel. Por desgraza, é probábel que nos próximos días oiamos máis leria deste tipo cando os países empecen a rivalizar entre si para demostrar que cumpriron os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) estabelecidos polas Nacións Unidas.

 

[Artigo tirado do sitio web Peoples Democracy, do 20 de outubro de 2024]

Volver