China e o tempo dos BRICS

Xulio Ríos -

Os progresos experimentados polos BRICS resúmense nun aumento da súa influencia global e nos avances para lograr un cambio progresivo e profundo na estrutura de poder internacional. Os BRICS piden paso. Representando case o 40 por cento da economía mundial, son o actor chamado a promover as reformas na orde global buscando non o conflito senón o acordo

 O presidente chinés, Xi Jinping, asistirá á XVI Cimeira dos BRICS en Kazán, Rusia, do 22 ao 24 de outubro. É a primeira cimeira que se celebra despois dunha nova onda de expansión do grupo, materializada este ano coa inclusión de Etiopía, Exipto, Irán, Arabia Saudita e os Emiratos Árabes Unidos. Rusia ostenta a presidencia rotatoria anual do grupo. A presenza de Xi avala o persistente interese de China na afirmación deste mecanismo tanto para impulsar a cooperación práctica como para prover respostas á situación internacional actual. China é un referente principal dos BRICS.

O momento dos BRICS

 É practicamente unánime a percepción dun agravamento dos grandes dilemas internacionais, como as cuestións da paz ou do desenvolvemento, manifestándose nun aberto descontento ante as diferentes varas de medir aplicadas segundo que conflitos e a persistencia na preservación dunha hexemonía excluínte que non toma en suficiente consideración os cambios rexistrados nas últimas décadas na economía e a sociedade internacionais.

 O aumento do rexeitamento a unha hexemonía liberal occidental así aplicada reflicte un conxunto de preocupacións compartidas por un amplo número de países. E cada vez máis esa inquietude dá en manifestarse tamén a través dunha axenda de intereses converxentes máis propositiva.

 Desde a súa fundación, os BRICS apostaron por defender o multilateralismo e por se converter nunha forza positiva, cunha influencia estabilizadora nos asuntos internacionais.

 Isto atraeu o interese crecente dun gran número de países, máis de trinta, que a día de hoxe queren adherirse ao proxecto. A expansión estratéxica é un dos temas máis importantes da axenda, especialmente polo seu impacto na xestión das decisións que obedecen á máxima do consenso fundacional.

 Inmersos nun proceso de clara consolidación e de avance substancial na cooperación con países terceiros, ese círculo de países amigos que conforma o BRICS Plus e máis aló, apontoa o modelo inicial que promove unha colaboración baseada no equilibrio de intereses e na procura permanente do acordo.

 Esa traxectoria afianza un novo modelo de relacións internacionais baseado na revalidación de que a igualdade soberana dos Estados, pero tamén estimula unha comunidade compartida en áreas que transitan desde a política e a seguridade, á economía e finanzas ou os vínculos culturais e humanitarios.

 Os BRICS gañaron a condición de referente para un amplo número de países que lle atribúen a representación dos intereses do Sur Global nos seus máis vastos dominios, xa non só na xeopolítica senón en ámbitos como o cambio climático, a seguridade alimentaria, a prevención de enfermidades e a reforma das cotas do FMI (Fondo Monetario Internacional), asuntos nos que a súa voz debe ser escoitada.

 Os BRICS están chamados a corrixir o desequilibrio existente na distribución do poder global. Esta é reflexo dunha época superada como igualmente deben transcenderse as resistencias á súa adaptación ao momento presente.

 A asimetría que caracteriza a súa composición ou as dispares etapas de desenvolvemento dos seus integrantes advirte da converxencia de posicións de moitos países con identidades diferentes. Por iso, os BRICS son capaces de superar as posíbeis contradicións en prol dese interese maior que é hoxe a xestión da insatisfacción co hexemonismo.

O sobresaliente papel de China

 China está en disposición de traballar con todas as partes para garantir o progreso estábel e duradeiro da cooperación entre os países BRICS. Xi reiterará o apoio de China para abrir unha nova era de unidade e superación para o Sur Global.

 O certo é que China se converteu na forza impulsora da actual agrupación. O Novo Banco de Desenvolvemento ten sede en Shanghái, unha proba do liderado que lle toca exercer desde o inicio. Tamén desempeña un papel principal no  Acordo de Reservas de Continxencia (ARC). Ambos os instrumentos abriron unha fenda no monopolio exercido polas institucións de Bretton Woods: o Banco Mundial e o FMI, ofrecendo unha fonte alternativa de financiamento cuxas normas difiren das que orientan ás institucións estabelecidas. Co respaldo de China, os mecanismos BRICS teñen o potencial para alterar de xeito irreversíbel o cadro financeiro global.

 Esta cimeira en Kazan pode dar outro impulso a ese proceso alentando o novo sistema de pagamento BRICS Pay, salientando o fortalecemento as ligazóns económicas e comerciais entre os países BRICS. Esta iniciativa proporcionaralles opcións de pagamento ampliadas para liquidar bens e servizos, consolidando aínda máis as súas relacións económicas e axudando a reducir a dependencia excesiva do dólar estadounidense, equilibrar o seu dominio, fomentar a diversificación financeira e reforzar a autonomía económica entre os membros do BRICS e a súa comunidade.

 BRICS Pay é un sistema de mensaxería de pagamentos descentralizado e independente que está a ser desenvolvido polos estados membros do BRICS, comparábel ao SWIFT de Europa. A China pódelle servir como experiencia piloto para a cooperación multilateral, incluída a Iniciativa da Franxa e a Ruta.

 No político, debe significarse o salientábel papel desempeñado por China para mediar entre Arabia Saudita e Irán, dous socios nos BRICS.

 En suma, a consolidación de China como actor global ten nos BRICS un claro exemplo de que o seu ascenso non está formulado en termos de hexemonía senón de aspiración colectiva ao recoñecemento dos intereses do Sur Global.

Fonda mudanza no sistema internacional

 Os progresos experimentados polos BRICS resúmense nun aumento da súa influencia global e nos avances para lograr un cambio progresivo e profundo na estrutura de poder internacional.

 Os BRICS piden paso. Representando case o 40 por cento da economía mundial, son o actor chamado a promover as reformas na orde global buscando non o conflito senón o acordo. Queren salvagardar mellor a súa soberanía económica á vez que buscan expandir a cooperación. Poida que isto supoña o principio da fin do ordenamento económico e financeiro implantado na segunda posguerra polas potencias occidentais. Que isto se converta nunha premisa é responsabilidade de quen teima en manter un esquema obsoleto de poder.

 O incremento da representatividade e capacidade operativa dos BRICS pode afectar o destino do mundo. Máis aló do seu papel nas disputas xeopolíticas, moi especialmente pola súa contribución a resolver os grandes desafíos da humanidade.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la política china, do 22 de outubro de 2024]

Volver