CIG-Navantia reitera a necesidade e viabilidade dun convenio propio
Ferrol -
A sección sindical da CIG en Navantia reitérase na defensa dun convenio propio para os centros da ría de Ferrol. Ante o comunicado feito pola representación de CCOO no Intercentros -polo tanto coa conivencia de CCOO e da propia dirección- a sección sindical da CIG subliña que o convenio propio é economicamente viábel.
Isto é así, apuntan, porque a viabilidade non depende da masa salarial, “pois o único condicionante é que non se supere o límite que se consiga”. “É obvio e innegábel que a empresa ten a masa salarial por centros de traballo” e que Navantia coñece canto lle custa cada centro. O contrario, engaden, “sería unha irresponsabilidade”.
Así mesmo, indican que a negociación do convenio non partiría de cero, senón que o preacordo “era de partida cos puntos que dende Ferrol se quixeran mellorar ou o que as traballadora e traballadores reclamaran”.
Sobre as acusacións vertidas por CCOO de que se trata dunha proposta populista, a sección sindical lembra que a CIG sempre defendeu a negociación dos convenios colectivos en Galiza, e matizan “populismo é defender as cousas segundo a feira”. Neste senso, advirten que “son intereses sindicais para contentar a todos os centros e intereses políticos centralistas por parte da dirección e do accionista os que se opoñen ao convenio de centro, maior populismo non cabe”.