Arxentina: Universidades públicas e xubilacións no debate actual

Julio C. Gambina -

As loitas de xubiladas e xubilados, como a estudantil que agora emerxe, son a base material subxectiva dunha densidade social ampliada, que quizais se articule con outras dimensións da loita social

 As tomas das facultades son a novidade política na conxuntura, e con elas, o debate en torno ao financiamento e a función da Universidade e da educación pública.

 É o que ocorreu e ocorre coas xubilacións e pensións. Ambas as cuestións ocupan a escena do debate a propósito dos vetos presidenciais avalados polo Congreso. A institucionalidade política no poder executivo e no lexislativo confronta dous temas de elevado consenso, o carácter público da Universidade e o dereito a un réxime de pensións que satisfaga as necesidades da poboación adulta. É certo que non todo o que acontece nas Universidades públicas está ben, como tampouco ocorre con xubilacións de “privilexio” que subsisten ante a grave situación de millóns de xubiladas e xubilados que apenas alcanzan o terzo do necesario para satisfacer necesidades calculadas en torno ao millón de pesos.

 Resulta imprescindíbel defender a Universidade pública e mais o réxime de xubilacións solidario e de repartición, ao mesmo tempo que levar adiante unha crítica á histórica deterioración dunha función transformadora da orde socioeconómica vixente.

 En efecto, na orixe está a reforma universitaria de 1918 para terminar coa Universidade da elite, para a conservación dunha sociedade oligárquico-imperialista definida no ciclo de expropiacións e liberalismo construído contra 1880. O réxime xubilatorio ten antecedentes a fins do século XIX en Europa e a comezos do XX no noso país. É un tempo de reformas e de revolución, ou quizais ao revés, de revolución, en Rusia en 1917, que acelerou “reformas” preventivas para evitar radicalización das demandas populares.

 A reforma universitaria fai parte da tradición revolucionaria en Cuba, da reformista en Perú e en definitiva dun debate sobre o rumbo das sociedades a construír na rexión latinoamericana e caribeña. A evolución desa tradición ten na Arxentina o sinal desenvolvementista e privatista nos 60 do século pasado, o que supuxo unha convivencia do público co privado, cun prestixio instalado do público, que sobrevive aínda con limitacións orzamentarias. O Banco Mundial instalou con forza en todo o mundo, con lóxica neoliberal, a “necesidade” da privatización universitaria, vía aranceis ou formas de inserir as universidades no mercado, vendendo servizos ao capital. A Universidade pública foise privatizando, casos dos estudos de posgraos, unha lóxica xeneralizada desde os 90 ao abeiro da ideoloxía hexemónica e o impulso de gobernos da tradición política maioritaria, o peronismo e o radicalismo, claro que, con loitas e confrontacións diversas, entre as que se rescata a emerxencia do sindicalismo docente universitario nos 80.

 O réxime de pensións tamén sufriu un proceso privatizador propio, mesmo, antes das AFJP, coa apropiación dos Fondos de Pensión para a política oficial do Estado capitalista baixo diversas xestións. É un tema que hoxe se manifesta no Fondo de Garantía de Sustentabilidade (FGS) xestionado polo ANSES. No informe de agosto do 2024 do FGS saliéntanse uns fondos duns 48.300 millóns de dólares, dos cales, o 73,9% está investido en títulos públicos e 14,5% en accións de empresas, totalizando entre ambos os conceptos un 88,4%. Deste xeito, os “fondos” acumulados polo réxime de pensións utilízanse para financiar o Estado e o seu privilexio por responder á demanda de acredores da débeda pública (tal como destaca o oficialismo respecto do orzamento 2025) e grandes empresas que definen a hexemonía no capitalismo local.

 O que é evidente é o proxecto privatizador para a Universidade e a educación en xeral, como para o réxime de xubilacións. Por iso a defensa de ambos os aspectos e que se manifesta nas continuas mobilizacións do movemento de xubilados, os mércores e nunha campaña que involucra demandas ao PAMI, á ANSES e toda dependencia asociada aos dereitos da poboación adulta. O novo agora é o movemento estudantil. A marcha de abril convocou o conxunto da comunidade universitaria porque estaba en xogo o funcionamento ante as restricións orzamentarias. A comezos de outubro, a demanda dirixiuse en defensa dos salarios do persoal docente e non docente. Co veto emerxeu o estudantado, as tomas e as clases públicas, instalando un novo debate sobre o sentido e destino da Universidade pública.

 Contra o proxecto de privatizar as universidades e o réxime de xubilación imponse o rexeitamento ao proxecto oficial, ao mesmo tempo que unha crítica á funcionalidade do réxime do capital que transitou boa parte da práctica universitaria e do uso dos fondos de pensións.

 Trátase de retomar un proxecto de “Universidade para a liberación”, sustentado en tempos de acumulación de poder popular a primeiros dos anos 70 do século pasado, coherente coa lóxica inclusiva e de inserción social ampliada imaxinada no proxecto reformista de 1918. No mesmo sentido, a loita polas xubilacións e pensións necesita adquirir un carácter en contra do lugar que se lle asigna para financiar o capital e o Estado capitalista, e transformar o uso dos fondos recadados na organización doutro modelo produtivo e de desenvolvemento que antepoña a satisfacción de necesidades sociais á lóxica da ganancia e a acumulación capitalista.

 As loitas de xubiladas e xubilados, como a estudantil que agora emerxe, son a base material subxectiva dunha densidade social ampliada, que quizais se articule con outras dimensións da loita social, contra a fame e polo emprego, polos dereitos sociais e sindicais, polos dereitos das mulleres e diversidades, polos dereitos da natureza e dos pobos orixinarios, para conformar unha ampla coordinación de demandas hoxe fragmentadas. Desa loita e densidade social pode emerxer a proposta política que as sintetice e exprese un novo momento da ofensiva popular, non só en contra da crueldade e agresividade do proxecto libertario, senón tamén de falsas ilusións que recrean perspectivas que induciron a desconfianza por incumprir promesas de mellor vivir.

 Foron os pobos en loita os que anunciaron novidades na representación política, no país e na historia humana, polo que isto novo das loitas pola xubilación e as universidades públicas traen esperanzas e expectativas para resolver a crise política e de alternativa que explica o goberno da ultradereita no país. As cartas están botadas e agudizará a resposta represiva e violenta do poder, non só verbal nos discursos oficiais, senón na presenza crecente de forzas de seguridade e o accionar sistémico e antipopular do poder xudicial. Como sempre, a incógnita é quen vence a quen.

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 21 de outubro de 2024]

Volver