A CIG inicia unha campaña contra a precariedade no sector da hostalaría
Incluirá mobilizacións nas catro provincias, a primeira delas este venres 3 de xullo na praza de Galiza en Santiago de Compostela ás 11:30 horas
Nacional -
A CIG-Servizos vén de anunciar a posta en marcha unha campaña baixo o lema ‘Por unhas condicións dignas na hostalaría! Convenio galego xa!’ para reclamar condicións laborais dignas e salarios xustos para as persoas traballadoras do sector de hostalaría e reverter a precariedade na que viven instaladas estas empresas. Esta iniciativa, que incluirá diferentes mobilizacións ao longo de todo o país, iniciarase coa concentración que vai ter lugar este venres 3 de xullo na praza de Galiza en Santiago de Compostela ás 11:30 horas.
O secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, critica que estas empresas, grandes transnacionais hoteleiras en moitos casos, pero tamén pequenas e medianas empresas, están precarizando “cada vez máis as condicións de traballo con cargas de traballo excesivas, reducidos cadros de persoal e a falta total de cobertura das ausencias, ben sexa por vacacións, licenzas, etc, o que se traduce en presión e ritmos de traballo máis elevados”.
A patronal só busca retroceder en dereitos, recortando os xa recollidos nos convenios e ofrecendo salarios que perpetúan a perda adquisitiva que xa se vén padecendo no sector dende hai anos
Estas decisións -advirte- repercuten directamente na saúde das persoas traballadoras, provocando procesos de incapacidade temporal por doenzas músculo-esqueléticas, estrés ou ansiedade e que estas “teñan aumentado considerabelmente”.
Alján subliña que os medios de comunicación están a recoller continuamente informacións “sobre o ben que vai o turismo a todos os niveis, con altas taxas de crecemento interanual en todas as súas vertentes: turismo de costa, rural, de aventura, cultural, gastronómico ou ligado o Camiño de Santiago”. Lembra que unha das principais queixas da patronal é que as empresas non atopan man de obra cualificada, “e isto ten a súa explicación nas pésimas condicións laborais que se viven nun sector que conta cun índice elevadísimo de contratos a tempo parcial, moitos deles na modalidade de fixo descontinuo”.
Así mesmo, traballar na hostalaría significa non poder conciliar vida familiar e laboral, xa que aquí sigue existindo moitísima quenda de traballo partido, ao que hai que sumarlle que os festivos e domingos son días normais de traballo. “Por suposto -critica- sen ningún tipo de compensación a cambio, e mesmo incumprindo o descanso diario e semanal regulado por lei”.
Por si todo isto fose pouco, as empresas contratan a un altísimo porcentaxe do persoal sempre nas categorías de axudante, “pero dende o minuto cero este persoal realiza as funcións de camareiro/a, cociñeiro/a, recepcionista, etc, o que fai que os salarios, que xa de por si son de subsistencia e apenas superan o SMI, sexan aínda mais cativos”. “Retribucións de miseria que non recoñecen nin a responsabilidade, nin a polivalencia, nin a cantidade e calidade do traballo feito, mentres as empresas ven crecer os seus beneficios ano tras ano”.
Nestes momentos están abertas as negociacións dos convenios provinciais de Coruña, Pontevedra e Lugo, mesas que non avanzan na consecución das demandas que a parte social ten enriba da mesa, “xa que a patronal só busca retroceder en dereitos, recortando os xa recollidos nos convenios e ofrecendo salarios que perpetúan a perda adquisitiva que xa se vén padecendo no sector dende hai anos”.
Principais reivindicacións
Para comezar a reverter esta realidade laboral, con esta campaña a CIG reclama unha serie de medidas urxentes que deben incluír:
- Incremento dos cadros de persoal, convertendo xornadas parciais en completas e garantindo a contratación do persoal necesario para evitar a sobrecarga laboral.
- Descanso e conciliación, con quendas continuadas e horarios estables que non sufran modificacións diarias ou semanais, e que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nos que, entre outras medidas, se garanta o respecto do descanso diario e semanal.
- Categorías con contratación para a categoría real na que se van a desenvolver as funcións e tarefas do posto de traballo.
- Salarios xustos implementando no sector pluses que recoñezan o valor do traballo e retribúan aspectos como responsabilidade, polivalencia, dispoñibilidade, traballo en domingos e festivos, etc.
- Convenio galego de hostalaría, constituíndo unha mesa de negociación de ámbito autonómico que traballe na consecución dun convenio galego de hostalaría que recolla as necesidades específicas de todo o sector e que protexa a negociación en Galiza.
Finalmente, Alján asevera que “este sector non pode manterse instalado na constante precariedade. A CIG continuará traballando, mobilizando e negociando para defender os dereitos das milleiras de persoas traballadoras da hostalaría. Porque sen persoal non hai hostalaría, e sen condicións dignas non hai futuro”.

