Nova nova estafa do 'acordo de melloras' no ensino: sen efecto a suba do 2% nos complementos afectados

Nacional -

A CIG-Ensino denuncia que o acordo co que a Consellaría e os sindicatos asinantes renunciaron a defender os compromisos de acadar melloras efectivas para todo o profesorado, ten unha nova entrega de renuncias en materia retributiva. Así se constata na orde de confección de nóminas publicada no DOG do día 15 de xullo.

Na actualización dos diferentes conceptos das nóminas do persoal docente quedan excluídos precisamente todos aqueles incluídos no acordo de outubro de 2023: os sexenios, o complemento de titoría, a responsabilidade de centros de menos de 3 unidades, os cargos directivos, a inspección e aqueloutros equiparados coa dirección ou xefatura de centro tipo A (xefaturas de residencia,  membros de EOE, CAFI e persoal asesor).

O resultado da non aplicación da suba do 2% sobre as contías implica perder con carácter permanente esa suba e suma un aforro nas contas da Xunta "á conta de miles de docentes aos que se lles vendeu un incremento que agora se demostra que xa estaba descontado coa suba xeral dos salarios".

Por que non se aplica a suba do 2%?

Isto ocorre, explica a CIG-Ensino, porque a orde de confección de nóminas, reproducindo o que é unha constante desde o ano 1988, incorpora un parágrafo no que expresamente se indica que “os complementos persoais e transitorios ... serán absorbidos por calquera mellora retributiva que se produza no ano 2024”. 

"Non estamos polo tanto diante dunha 'sorpresa' ou dunha 'interpretación' do asinado. Era algo coñecido polas partes que deron o seu visto bo a ese acordo. Mentiron en todo: xa o vemos na aplicación das ratios, na redución de horario, na burocracia e agora tamén se comproba no salario", critican.

A CIG-Ensino denunciou o carácter segregador do acordo ao fixar, por vez primeira, unha suba que perdía o carácter lineal que tiveran todos os incrementos para o persoal docente. Esta medida, ademais de inxusta e xerarquizante, tamén amosa agora un “efecto colateral tramposo”: de se ter feito unha suba como demandou a CIG-Ensino en solitario (lineal, para todo o mundo igual, e dentro do complemento específico) a suba do 2% tamén lle sería de aplicación ao non considerarse un complemento persoal e transitorio. Polo tanto, "perdemos dúas veces: por un tipo de suba que diferencia e segrega o profesorado e porque esta suba é absorbíbel, co que queda reducido o seu efecto".

As contas claras

O apartado de retribucións do 'acordo das renuncias' implicaba as seguintes subas no ano 2024:

  • 10% do complemento de titoría (5,52€): a única suba xeral para todo o profesorado.
  • 10% no complemento de sexenios.
  • 20€ para cargos unipersoais e outros (EOE, CAFI, inspección, asesoría, entre outros).

Son estas subas as únicas que non se actualizan co 2%, nin se actualizarán co 0,5% que se agarda cobrar a final de ano.

Esta situación vaise reproducir igualmente no ano 2025, no que está previsto o segundo prazo do 10% en titoría e sexenios e outros 20€ para cargos, así como no 2026 co terceiro prazo de 20€ para estes últimos. É dicir, calquera suba de carácter xeral que se produza no 2025 e 2026 non lle será aplicábel a estes complementos.

"A conclusión é clara: enganaron o profesorado e compraron os sindicatos asinantes con cartos que, en boa parte, xa se ían incorporar nas nosas nóminas. Un insulto ao profesorado e unha demostración da cara duns e da escasa vergoña doutros. Unha suba absorbida e que non se actualizará".

A burocracia, 'simplificada' e sen freo

A Consellaría vendeu no día de onte un avance “importante”, aplaudido polos sindicatos do acordo, que bendice como o dunha suposta “simplificación” de determinados procedementos burocráticos. Pero, advirte a CIG-Ensino, máis alá dunha posta ao día de determinadas ferramentas informáticas obsoletas, "non existe ningunha novidade na ansiada e prometida redución da burocratización que afecta a todo o profesorado e ás direccións dos centros".

Salientan que esta redución da carga burocrática non será unha realidade mentres Educación manteña o seu criterio de que o persoal docente debe malgastar o seu tempo de traballo nunha inxente burocracia que, en parte, podería levar a cabo persoal non docente. A ampliación deste persoal nos centros nos que existe e a súa contratación onde nin sequera o hai foi a demanda principal da CIG-Ensino, xunto co incremento de redución de horario lectivo para as direccións, titorías e cargos de coordinación didáctica para poder facer fronte ás tarefas que é imprescindíbel que acometa o profesorado sen sobrecargalo aínda máis do que está. Sen estas medidas, afirman, "todo é fume".

Unha das mostras máis recentes de que non se camiña na boa dirección, senón mesmo na contraria, está na recente denuncia da CIG-Ensino sobre o traballo en materia de mobilidade e transporte escolar que se lle asigna ás direccións co cambio de Consellaría.

Volver