Venezuela, unha guerra electoral de manual

Marc Vandepitte -

Nada do acontecido antes, durante e despois das eleccións presidenciais de Venezuela foi casual nin caeu do ceo. Todo estaba preparado á perfección e foi un magnífico exemplo de guerra electoral. Segue a ser posíbel a democracia soberana en tales circunstancias?

 Para entender o que está a ocorrer en Venezuela nas últimas semanas hai que se dar conta de dúas cousas: unha, que esas eleccións presidenciais tiveron lugar no «patio traseiro» de Estados Unidos, e dúas, que o país segue un rumbo esquerdista.

 Todos os países da rexión que adoptaron este rumbo esquerdista nos últimos 20 anos enfrontáronse a intentos de desestabilización e cambio de réxime que ían desde golpes militares, batallas xurídicas(1) e golpes institucionais(2) até intentos de revolucións de cores(3). Véxase no anexo do artigo un resumo deses intentos.

Guerra híbrida

 Venezuela non é unha excepción, todo o contrario. Venezuela está no punto de mira do Occidente, máis que ningún outro país da rexión por ser pioneira na construción dun mundo multipolar no que Occidente xa non pode afirmar a súa superioridade. Desde que Chávez foi elixido presidente en 1999, o imperio fixo todo o posíbel por sabotar este experimento esquerdista.

 Houbo, entre outras cousas, dous golpes de estado, un intento de asasinato do presidente, provocacións militares a través da axuda ao desenvolvemento, mortíferos cortes nas rúas, un bloqueo por parte dos patróns do petróleo(4), illamento diplomático, acaparamento de bens esenciais para crear escaseza, fortes sancións económicas, conxelación de activos estranxeiros e imposibilidade de realizar transaccións financeiras.

 Cando pensamos na guerra, inmediatamente pensamos en bombas e mísiles. Pero en Venezuela, a guerra líbrase doutra maneira. Todas as agresións enumeradas contra o país son exemplos do que se denomina unha guerra híbrida(5). Cada unha destas estratexias aplicadas foi trazada ou financiada desde Estados Unidos.

 Os acontecementos das últimas semanas en Venezuela tras as eleccións presidenciais encaixan perfectamente nese cadro e pódense describir como guerra electoral.

Guión preciso

 Nada do que aconteceu antes, durante e despois das eleccións foi casual nin caeu do ceo. Todo estaba ben pensado. De feito, a oposición de extrema dereita anunciara con antelación o que estaba a piques de ocorrer.

 Unhas semanas antes das eleccións o candidato da oposición de extrema dereita Edmundo González anunciara, do mesmo xeito que Trump en Estados Unidos en 2020, que non aceptaría os resultados se perdía. No pasado isto provocou disturbios e os infames cortes de estrada (“guarimbas”) en Venezuela. Unha vez máis, estaba escrito nas estrelas que isto volvería suceder.

 As manobras da oposición de extrema dereita seguiron un guión coidadosamente preparado. As súas partes principais incluso foron publicadas previamente por Mark Feierstein, experto en guerra psicolóxica e desinformación. Este home foi tamén unha figura chave na guerra sucia contra Nicaragua na década de 1980 e no golpe de estado contra o presidente Fernando Lugo en Paraguai.

Enumeramos os elementos chave do seu guión.

  1. Utilizar habilmente as sancións económicas(6). Segundo Feierstein, as devastadoras sancións económicas son unha panca para forzar concesións do goberno esquerdista. Ademais, as sancións son unha excelente ferramenta de chantaxe electoral: un voto de esquerda mantén as sancións, un voto de dereitas fainas desaparecer. É unha estratexia que se utilizou con éxito nas eleccións nicaraguanas de 1990(7).

 En calquera caso, as sancións tiveron un efecto devastador na economía e as condicións de vida. Esgotaron a poboación venezolana e parte desta espera e desexa que Washington cese o seu esganamento económico cando Maduro deixe de ser presidente.

  1. Unir a oposición aguilloada polos Estados Unidos(8). A oposición estaba moi dividida no pasado, o que lle daba poucas posibilidades contra Maduro e antes, contra Chávez. Esta vez Washington fixo todo o posíbel para unir a oposición e tivo un éxito razoábel.

 A influencia de Washington é innegábel. No pasado o presidente Bush Jr. recibiu persoalmente na Casa Branca a actual candidata opositora, María Corina Machado, e dous días despois das eleccións celebrouse unha reunión entre a oposición de extrema dereita e un alto asesor de Biden para trazar a estratexia para un futuro próximo.

  1. Infiltrarse e presionar o Consello Nacional Electoral (CNE)(9). O Consello Nacional Electoral, que organiza as eleccións e é responsábel dos resultados, é un organismo independente que non depende do Goberno, senón do Parlamento. Feierstein suxire infiltrarse no Consello e tamén pide aos países da rexión que presionen o CNE.
  2. A oposición debe presentar os seus propios resultados antes de que a xunta electoral anuncie os resultados oficiais(10). No punto 8 describimos como as enquisas manipuladas e as sondaxes a pé de urna falsas pretendían inculcar de antemán ao pobo venezolano e ao mundo exterior que a oposición ía gañar de todos os xeitos e que se Maduro gañaba, os resultados oficiais serían o resultado dunha fraude.

 Sen afirmalo explicitamente, Feierstein sinala que o mellor é que esas enquisas e as sondaxes a pé de urna sexan corroboradas polos chamados «recontos da propia oposición», o que lles confire un carácter case oficial. Para iso era necesario atrasar os resultados oficiais. Houbo un ciberataque masivo (punto 9). Ademais, tamén había que publicar os resultados «propios», o que requiría un sitio web propio (punto 10).

  1. Chamamento aos países da rexión(11). Feierstein é moi consciente de que os Estados Unidos non son o país máis axeitado para influír nos militares e no Consello Nacional Electoral, os dous actores fundamentais no escrutinio. Mesmo hai sectores da dereita venezolana que consideran delicada a inxerencia directa de Washington e que tampouco sería beneficiosa a doutras partes do mundo.

 Por tanto, é mellor implicar a países da rexión. Esta estratexia só tivo un éxito parcial(12). Varios países latinoamericanos que se aliñan coa política exterior estadounidense non recoñeceron os resultados oficiais. Pero países chave como Brasil, México e Colombia sinalaron que recoñecerán a vitoria de Maduro se a confirman as autoridades competentes do país. Estes países tamén se opoñen á inxerencia estadounidense nestas eleccións.

  1. En caso de disturbios, presionar o exército(13). É pouco probábel que un alto cargo como Feierstein incite abertamente aos disturbios, pero un chifre para cans transmite igual de claramente a mensaxe. Feierstein indica implicitamente que haberá (ou debería haber) disturbios se Maduro gaña. Estados Unidos ten unha longa tradición e moita experiencia en organizar este tipo de disturbios.

 Feierstein é consciente de que as forzas armadas son moi leais ao goberno de esquerda. Pero aínda así espera convencer a unha parte do exército, sobre todo as recrutas e os oficiais inferiores, para que se poñan ao lado dos amotinados.

 Mauricio Macri, o expresidente dereitista de Arxentina, participou nesta parte do guión. Antes de que se coñecesen os resultados, chamou nun chío ás forzas armadas a volverse contra o presidente Maduro. É moi transcendental que un ex xefe de Estado estranxeiro chame os militares a sublevárense contra un presidente.

 O guión de Feierstein deixa pouco á imaxinación, pero faltan algúns elementos porque é difícil poñelo todo sobre a mesa nun documento tan aberto (en internet). Os elementos que faltan son os seguintes:

  1. Guerra mediática contra o proxecto bolivariano e Maduro. Os medios de comunicación en Venezuela seguen en gran medida en mans de poderosos grupos de capital aliñados cos Estados Unidos e virulentamente opostos ao goberno de esquerdas. Tanto na prensa nacional como na internacional se librou durante anos unha verdadeira campaña de desprestixio contra o proxecto bolivariano. Gárdase un recatado silencio respecto das esmagadoras sancións económicas e así se pode culpar o Goberno dos problemas económicos.

 Aínda que Maduro conseguiu manter o seu país en orde en circunstancias extremadamente difíciles, é retratado como incompetente, corrupto, narcotraficante e mesmo un pouco tolo. Semellante contexto de guerra de conciencias é todo menos propicio para presentarse ás eleccións.

  1. Enquisas e sondaxes a pé de urna manipuladas. No período previo ás eleccións as enquisas utilizáronse como arma. As enquisas realizadas polo Estados Unidos (Datanálisis, Delphos, Consultores 21 e ORC Consultores) sinalaban que o candidato opositor Edmundo González avantaxaba a Maduro entre 20 e 30 puntos porcentuais.

 Os principais medios de comunicación, tamén os de Europa adoptaron con entusiasmo estas enquisas, grazas ás cales a poboación venezolana e a cidadanía do mundo xa estaban convencidos de que Maduro non podía gañar sen cometer fraude.

 Estas supostas axencias de sondaxes adoitan non ser máis que máquinas de guerra ideolóxica camufladas, que invisten fortunas para manipular a xente. Son moi claros os vínculos coa CIA directamente ou con organizacións encubertas da CIA.

 En cambio, os medios occidentais agocharon as enquisas publicadas por Hinterlaces, Paramétrica e Ámbito, que daban vantaxe a Maduro sobre o candidato opositor González. Esta estratexia non é nova. Mesmo cando Hugo Chávez era moi popular, estas empresas de sondaxes ‘predixeron’ que perdería as eleccións.

 A mesma táctica se usou nas enquisas a pé de urna. Ao mediodía a prestixiosa Hinterlaces daba a Maduro o 54,6% e a González o 42,8%, moi preto do resultado oficial. Edison Research, en cambio, vinculada á CIA, deu a González o 65% e a Maduro o 31%.

 Este guión ten grandes semellanzas coas manobras ao redor das eleccións de 2019 en Bolivia que finalmente desembocaron no sanguento golpe de estado nese país e na toma do poder por parte da ultradereitista Jeanine Áñez.

  1. Desestabilización do voto electrónico. En Venezuela vótase electronicamente. O reconto é, polo tanto, automático, e compróbase dúas veces mediante unha copia en papel do voto electrónico que se garda nas urnas.

 A noite do 26 de xullo, dous días antes das eleccións, houbo un intento de sabotaxe nunha importante central eléctrica. Un comando entrara na central con todo tipo de explosivos. Pero púidose evitar o ataque. Se tivese éxito, sete provincias do oeste do país quedarían sen electricidade durante días e, por tanto, non se podería celebrar a votación electrónica.

 O día das eleccións produciuse un ciberataque masivo desde Colombia e os Estados Unidos contra institucións gobernamentais, entre elas o Consello Nacional Electoral. Isto atrasou o reconto de votos durante horas, o que deu á oposición a oportunidade de saír cos seus propios resultados antes de que houbese resultados oficiais.

  1. Presentar os propios resultados. Para presentar os seus propios resultados, a oposición de extrema dereita creou o seu propio sitio web a véspera das eleccións, na que supostamente publicaron 23.000 informes oficiais, é dicir, ao redor do 80% do total. Segundo eses datos, González gañou as eleccións co 63% dos votos, fronte ao 30% de Maduro.

 Con todo, o sitio só contén unhas 9.000 informes, é dicir, menos dun terzo. Moitos nomes están incompletos ou só inclúen iniciais. Ademais, bastantes das persoas que figuran na listaxe están mortas… Tamén é curioso que a distribución dos votos nas zonas urbanas e rurais, na rexión amazónica e na serra, dea exactamente as mesmos porcentaxes, algo totalmente improbábel.

 Noutras palabras, trátase de datos fabricados de forma bastante basta. Pero a ningún dos partidarios da dereita lles chama a atención nin tampouco, seica, aos grandes medios de comunicación occidentais.

Democracia soberana

 O conxunto destes 10 mecanismos é un poderoso manual estratéxico. Deixan claro que á dereita e a Washington non lles interesan en absoluto a democracia nin unhas eleccións xustas. Só buscan un cambio de réxime que volva poñer país en liña coa oligarquía venezolana, os Estados Unidos e Occidente.

 Este manual fai practicamente imposíbel a celebración de eleccións soberanas e leva case inevitabelmente á violencia. Se estes mecanismos se aplicasen ás próximas eleccións presidenciais estadounidenses, podería desencadearse unha guerra civil. O asalto ao Capitolio o 6 de xaneiro de 2021 foi un posíbel anticipo nese sentido.

 Hai que se preguntar até que punto é útil convocar eleccións en tales circunstancias. Nos países occidentais xa hai histeria sobre unha posíbel influencia de Rusia nas eleccións. Pero, se a houber, sería nimia comparado coa inxerencia e agresión masivas que ten que soportar Venezuela.

 Como pode un sistema político protexerse de tantas hostilidades externas e internas sen socavar a súa natureza democrática? Non é tarefa doada construír unha ‘democracia soberana’(14). Polo momento en Venezuela conseguírono grazas á sólida expansión e mobilización das organizacións populares. Pero iso non impide que a polarización no país sexa e siga a ser moi alta, e organizar eleccións nun contexto de guerra electoral é unha empresa moi arriscada. O proxecto bolivariano enfróntase a retos moi grandes e necesita máis que nunca a nosa solidariedade.

_____________________________________________________________________________

Anexo: desestabilización e golpes de estado contra gobernos de esquerda en América Latina nos últimos 20 anos

Arxentina:

(2022): guerra xurídica contra a vicepresidenta Cristina Kirchner, que lle impide presentarse ás eleccións presidenciais de 2023.

Bolivia:

(2019): golpe de estado que obriga o presidente Evo Morales a abandonar o país.

Brasil:

(2016): guerra xudicial contra o ex presidente Lula e a presidenta en exercicio Dilma Rousseff. Lula é encarcerado e Rousseff destituída.

Colombia:

(2023-24): o presidente Gustavo Petro está acusado de financiar ilegalmente a súa campaña electoral.

Cuba:

(2021): campaña dixital destinada a provocar disturbios no país.

Ecuador:

(2010): intento de golpe de estado para derrocar o presidente Rafael Correa. En 2020 foi acusado de suborno, o que o eliminou politicamente.

Honduras:

(2009): tras un golpe militar, o presidente Manuel Zelaya é expulsado do país.

México:

(2018): campaña dixital para impedir que o esquerdista Andrés Manuel López Obrador sexa elixido presidente.

Nicaragua:

(2018): prodúcense grandes protestas tras a decisión do presidente Daniel Ortega de recortar as pensións e aumentar as cotizacións á seguridade social.

Paraguai:

(2012): golpe institucional derrocamento do presidente Lugo.

Perú:

(2022): golpe de estado que provoca a destitución do presidente Castillo.

Venezuela:

(2002): golpe de estado contra o presidente Chávez. Peche patronal da industria petroleira.

(2014 e 2017): Violentos cortes de estradas bloquean o país.

(2017): fortes sancións económicas estadounidenses.

(2018): Atentado contra o presidente Maduro.

(2019): provocación militar a través da axuda ao desenvolvemento.

(2019): recoñecemento por parte de Estados Unidos e da UE dun presidente interino non electo.

(2020): golpe militar frustrado.

 O feito de que Chile non apareza na lista probabelmente di moito do rumbo que está a tomar o goberno de Boric.

_____________________________________________________________________________

Notas:

(1) Lawfare ou guerra xurídica é o uso de subterfuxios legais para eliminar un líder político.

(2) Nun golpe institucional manipúlase á estrutura política existente para depoñer un líder político mantendo a aparencia de lexitimidade constitucional.

(3) Segundo o manual das revolucións de cores, a ONG, as organizacións estudantís e as organizacións locais reciben financiamento, formación e adestramento para organizar disturbios na súa coa maior eficacia posíbel. A violencia nas rúas debe desestabilizar o país até o punto de que o goberno se vexa obrigado a dimitir ou interveña o exército e o destitúa.

(4) Un peche patronal é unha situación na que o empresario impide ou prohibe os empregados traballar ou entrar no lugar de traballo.

(5) A guerra híbrida é unha forma de guerra encuberta que utiliza toda unha gama de medios: trolas, manipulación a través das redes sociais, presión diplomática, subterfuxios legais contra líderes políticos (lawfare), manipulación e dirección do descontento popular, presión nacional e estranxeira sobre as eleccións, etc.

(6) «Hábil aproveitamento das sancións económicas».

(7) En Nicaragua tratábase dunha guerra sucia levada a cabo desde a veciña Honduras por brigadas terroristas (chamadas «contras») contratadas polos Estados Unidos. Ao votar pola oposición, a poboación nicaraguana esperaba que acabase esta guerra sucia. Así se impuxo Violeta Chamorro a Daniel Ortega por unha estreita marxe.

(8) «Cohesión sen precedentes na coalición da oposición […] tamén resultado da astuta diplomacia estadounidense».

(9) «Un bo lugar para empezar podería ser o Consello Nacional Electoral.[…]. O Consello […] podería estar suxeito á influencia de homólogos da rexión […]. Estados Unidos podería axudar a fomentar ese achegamento rexional».

(10) «A campaña de González debería recibir copias impresas dos resultados en case todos os colexios electorais […]. Iso tamén permitiría á oposición e aos observadores independentes realizar os chamados recontos rápidos […] que poderían revelar o probábel gañador antes de que o réxime teña a oportunidade de mentir sobre os recontos de votos ou desacreditar o proceso”.

(11) «Poida que os Estados Unidos non sexan o actor máis eficaz para espertar os instintos democráticos dos militares venezolanos. Pero Washington podería fomentar o achegamento dos mandos militares da rexión que mantiveron vínculos con altos oficiais venezolanos […] Por esa razón, os Estados Unidos e os seus socios en Europa, Brasil, Colombia e outras nacións democráticas deben sinalar enfaticamente o seu repudio a calquera medida adicional que socave a candidatura de González».

(12) As principais son Arxentina, Chile, Perú, Guatemala, Ecuador, O Salvador, Uruguai e Costa Rica.

(13) “Non está claro que os recrutas rasos e os oficiais de baixo e medio rango repriman os manifestantes en nome dun presidente que o electorado acabase de rexeitar rotundamente. Tamén podería ser unha oportunidade para convencer o mando militar de que protexa os dereitos dos votantes».

(14) O concepto de «democracia soberana» é do ruso Vladislav Surkov. Desenvolveuse en resposta á inxerencia occidental nos procesos electorais dos antigos países da Unión Soviética. Véxase Zie Hiro D., After Empire. The Birth of a Multipolar World, Nova York 2010, pp. 101-103.

_____________________________________________________________________________

Texto orixinal: https://www.dewereldmorgen.be/artikel/2024/08/14/venezuela-electorale-oorlogsvoering-volgens-het-boekje/

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 23 de agosto de 2024]

Volver